Área privada

Pola maior visibilización do galego na prensa, e o que comunicamos en galego sexa transmitido nesta lingua.

Mércores, 02 Abril de 2014 | Tags: Ceesg , lingua , Comunicación

Desde a entidade Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia queremos facer pública a seguinte 

 

Declaración

Queremos transmitir publicamente que nos gustaría que o galego se visibilizase máis na prensa e que, polo tanto, que a información que transmitimos en galego mediante notas, declaracións, conferencias, actos, entrevistas, etc., fose reflectida e difundida nos medios de comunicación do país na lingua en que foi xerada, isto é, en galego.

Deste xeito queremos contribuír a que o galego teña máis visibilidade nos medios de comunicación e que estes o empreguen, cando menos, para reflectir as declaracións feitas nesta lingua, para informar dos actos desenvolvidos en galego, para crear información a partir de notas e comunicados redactados no noso idioma propio, etc.

Na actualidade hai moitas máis persoas e entidades que comunicamos con frecuencia en lingua galega do que a imaxe lingüística dos medios transmite, polo que consideramos que é importante que a prensa amose esa realidade, que o noso idioma non quede así agochado e que teña presenza pública.

Por isto, pedímoslles e agradecémoslles a todos os medios galegos que teñan en conta esta vontade e que, cando publiquen ou difundan informacións a partir de declaracións, entrevistas, comunicados, conferencias, actos, etc., da nosa entidade que se desenvolveron en galego, esa información, ademais de ser obxectiva e rigorosa, se reflicta en lingua galega.

 

Esta declaración forma parte da campaña "Como cho digo", pola visibilización do galego na comunicación, que pode ser apoiada tanto por parte de entidades como de xeito persoal. Máis información: www.comochodigo.eu

 

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade