Área privada

Comunicado: A Educación Social xa está presente

Xoves, 18 Xuño de 2020 | Tags: Escola , infancia , lexislación , defensa da profesión , lei rhodes

Comunicado do Ceesg en relación a Lei orgánica de protección integral á infancia e adolescencia fronte a violencia.

 

A EDUCACIÓN SOCIAL XA ESTÁ PRESENTE.

Estamos presentes na vida de nenas e nenos e de familias en accións grupais e individuais dende a súa infancia.

Estamos presentes ó carón das familias nos acompañamentos socioeducativos que se realizan para favorecer apoios reais.

Estamos presentes sendo referentes reais ó longo da vida de moitas crianzas, nos centros escolares e centros de protección, a través dos servizos sociais comunitarios, permitíndonos acompañala, favorecendo factores de protección que rebaixen a vulnerabilidade que, en ocasións, acompaña ás persoas dende o comezo da súa vida.

A Lei orgánica de protección integral á infancia e adolescencia fronte a violencia debe asegurar a formación necesaria das profesionais que acompañamos a nenas, nenos e familias e debe asegurar a intervención dende a prevención, como proposta da Educación Social.

Nomear novas figuras profesionais inexistentes non fai máis que diluír responsabilidades; a Educación Social non quere eludir as responsabilidades que supón dar a man durante anos ás persoas que o precisan.

Dende hai anos a Educación Social está presente na escola realizando accións educativas de xeito individual ou grupal por varias vías:

  • A través dos Servizos Sociais Comunitarios. En Galicia a figura da Educación Social remóntase ós anos 80 coa incorporación dos programas de Educación Familiar nos que a Educación Social a través do acompañamento socioeducativo como base da intervención funciona de apoio ás familias e especialmente a nenos e nenas.
  • A través da contratación externa por parte dos Concellos, das ANPAS e dos propios centros educativos, que sempre depositaron a súa confianza na nosa figura profesional para levar a cabo programas socioeducativos de prevención, e sensibilización en diversos ámbitos.
  • Coa incorporación da Educación Social de xeito normalizado no sistema educativo a través da contratación directa por parte das administracións autonómicas, como nos casos de comunidades como Estremadura, Castela A Mancha, Andalucía e Canarias.

É necesario evitar que os cambios que a lei propón se convertan en postos baleiros de contido con profesionais sen experiencia no sector e que non sirvan como figuras de referencia reais. Se o que se busca é a protección eficaz e de calidade debemos atender a figuras profesionais cunha formación que teña unha base pedagóxica e manexe as ferramentas da intervención socioeducativa directa con nenos e nenas e coas familias. A Educación Social é a resposta idónea para completar a atención integral dos centros educativos, entendidos como espazos de aprendizaxe, socialización, convivencia e protección social.

Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade