Área privada

Convive.COMigo busca persoas ou familias para convivencia educativa con adolescentes

Mércores, 10 Xuño de 2020 | Tags: infancia , Convivencia , adolescencia , menores , medidas xudiciais

Entre as medidas que establece a lei 5/2000, de 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, está a de 'convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo'. É dicir, convivencia da/o adolescente noutro contexto familiar diferente ao de orixe, proporcionando un entorno educativo e socializador no que aprender/modificar aquelas condutas que foron motivo de denuncia e que deron lugar á imposición da medida xudicial.

A Asociación Arela encárgase do desenvolvemento deste programa, realizando ademais un acompañamento profesional durante todo o proceso de convivencia, que oscila aproximadamente entre os seis meses e o ano de duración.

Que buscan?

Familias ou persoas cunha alta sensibilidade cara á adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por un/unha adolescente con dificultades a quen o xulgado lle impuxo en sentenza unha medida de convivencia cunha persoa ou familia.

Un ambiente socializador e positivo que lles permita aos/as adolescentes a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes.

Que requisitos?

Son precisos uns requisitos mínimos como ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, non buscar a satisfacción dun desexo de parentalidade,…

Valórase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, ter unha predisposición a ser formadas en diferentes temáticas como adolescencia, formación de carácter xurídico…

Que ofrecen?

  • Formación grupal e individual, e asesoramento.
  • Acompañamento de profesionais.
  • Financiamento durante os meses que permaneza o/a adolescente coa familia ou a persoa.

Ir á web do programa

 

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade