Área privada

Comunicado polo Día Mundial da Saúde Mental. Grupo Miolo

Xoves, 10 Outubro de 2019 | Tags: comunicado , saúde , Comunicación , saúde mental , miolo

Comunicado do grupo de traballo de saúde Miolo do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.

10 de Outubro, Día Mundial da Saúde Mental.

A pesar de que xa son 27 os anos que se cumpren conmemorando este día, a saúde mental é un tema que nos ven preocupando e ocupando dende moitos máis.

Hoxe é un día para reivindicar que o benestar emocional, psicolóxico e social debe preocuparnos os 365 días do ano e as e os profesionais do ámbito da saúde debemos seguir reivindicando que asi sexa.

Dende o CEESG, a través do Grupo de traballo Miolo, especializado do ámbito da saúde, unímonos á tarefa de romper prexuízos e estigmas, de loitar pola consecución de recursos que permitan que as persoas vivamos coa mellor saúde física e mental posible traballando diariamente para eliminar os tabús asociados, que en moitas ocasións nos impiden falar libremente dun tema tan importante e que nos ocupa a todas: a saúde mental e a falta desta.

Vivimos nunha época de inestabilidade e precariedade laboral, de recortes en atención e recursos de saúde mental, de dificultades de acceso á vivenda, de estrés e ansiedade pola falta de apoios institucionais...aspectos que producen fraxilidade que se ve acrecentada nas persoas máis vulnerables.
En toda esta realidade social, a Educación Social está presente e involúcrase facendo camiño cara a modelos que contemplen os dereitos e o empoderamento das persoas poñendo especial atención en aquelas máis vulnerables.

Dende este grupo de traballo, poñemos en relevancia a necesidade de equipos multidisciplinares sendo os e as Educadoras Sociais pezas fundamentais que permiten lograr unha perspectiva holística e integral nas intervencións en saúde mental.

Dende Miolo temos a seguridade de que a presenza da nosa profesión nestas equipas é imprescindible, por esta razón no mes de Xullo, acudimos a unha cita coa Consellería de Sanidade, da que estamos agardando contestación, na que reclamamos:

  • A presenza de profesionais de Educación Social en TODOS os equipos de traballo do ámbito da saúde mental e de prevención e atención ás adiccións, incorporando a nosa figura naqueles onde aínda non se teña feito.
  • A creación da categoría profesional 'Educador/a Social' no cadro de persoal do SERGAS.
  • A posta en marcha de programas continuos de intervención precoz e prevención, recursos para persoas maiores de 65 anos, patoloxía dual, intervención en atención primaria e asitencial, etc.
  • Cremos firmemente que por unha cuestión de xustiza social, débese fomentar e facilitar a inclusión e a participación activa de todas as persoas na sociedade, adaptando o sistema ás necesidades e peculiaridades das persoas.
  • Cremos tamén na importancia de sumar forzas, e adherímonos á Campaña promovida pola Federación Mundial da Saúde Mental adicada á prevención do suicidio, e destacamos a recomendación da Organización Mundial da saúde que en 2018 instou a “poñer o foco na educación inclusiva como ferramenta máis efectiva para previr os problemas de saúde mental”.
  • Seguro que algunha vez escoitaches a frase de: 'unha de cada catro persoas sufrirá ao longo da súa vida algún problema de saúde mental'. Unha frase que mostra a realidade actual e próxima e que nos convida a todas e todos a non mirar cara a outro lado, se non a traballar por un tema de vital importancia para todas, a nosa saúde.

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade