Área privada

Esiximos procesos selectivos dignos para a nosa profesión

Martes, 31 Maio de 2016 | Tags: familias , Emprego , administración

Tras o proceso selectivo do posto de “Educador/a familiar” do Concello de Poio, no que moitas e moitos participantes solicitaron a anulación da proba práctica por non axustarse ao establecido na convocatoria, dende o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia queremos pronunciarnos ao respecto, pois consideramos que a forma en que se desenvolveu o procedemento non se axusta ao que debe ser unha selección de persoal nunha administración pública.

Dende o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) esiximos que as contratacións laborais nas administracións se fagan correctamente e garantindo os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

Así, dende o Ceesg esiximos:

  • Que as prazas de “Educador/a familiar” sexan ocupadas por educadoras/es sociais (tituladas ou habilitadas por colexio profesional). É o único perfil especializado no ámbito socioeducativo e polo tanto o único que debería contemplarse nestes postos. No seu día, tras a publicación das bases, o Ceesg presentou un recurso solicitando a modificación das bases neste sentido, que foi desestimado polo Concello.
  • Que a composición dos tribunais sexa coherente co posto convocado. É necesario que as persoas que compoñen o tribunal teñan unha relación directa e clara co perfil profesional convocado e co tipo de servizo no que este se vai enmarcar, garantindo así un coñecemento específico da materia e da realidade social na que vai actuar.
  • Que os temarios se axusten ao posto convocado. Como exemplo: non é comprensible que para un posto de “Educador/a familiar” nos servizos sociais comunitarios, non se contemple no temario a Lei de Servizos Sociais de Galicia, ou o Decreto 99/2012 sobre servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.
  • Que as probas de selección se axusten ao temario e procedemento publicado nas bases. Os supostos prácticos deben estar efectivamente enfocados á práctica, permitindo valorar as competencias da persoa aspirante ao posto, e deben centrarse en contidos fundamentais da intervención socioeducativa.
  • Que se coide a linguaxe coa que se formulan as preguntas. Debe utilizarse unha linguaxe axustada á profesión, e evitar prexuízos na formulación das preguntas (poñendo como exemplo a seguinte pregunta do suposto práctico: “Os principais conflitos que xorden entre inmigrantes e autóctonos comezan por:”, dando así por sentada a existencia de conflitos)
  • Que se respecte a transparencia do proceso selectivo. É necesario publicar as notas acadadas por cada participante para que cada quen poida analizar se hai algún erro na súa corrección e formular reclamacións.

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade