1. Ofertas de emprego público
Nesta sección podes consultar o listado de ofertas de emprego público dos concellos galegos, publicadas nos diferentes Boletíns Oficiais de Provincia (BOP), no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial do Estado (BOE).
O listado é actualizado regularmente e recolle as ofertas dos últimos dous anos. É posible que algunha das prazas recollidas fose xa sometida a proceso selectivo, sobre todo se este foi convocado por medio de anuncio en prensa ou en taboleiros municipais, sen empregar as publicacións oficiais. Nestes casos a información non sempre chega ao Colexio.
Descarga o listado de ofertas de emprego público
(última actualización do 20/01/11)
Proceso das ofertas de emprego público:
Os procesos non sempre seguen os mesmos pasos, xa que en moitos casos publícase directamente a convocatoria sen previa Oferta de Emprego Público, pero o proceso habitual é o seguinte:
- Oferta de emprego público. O concello anuncia as prazas que se ten previsión de convocar, informando dos procesos selectivos previstos pero sen indicación de datos relativos a prazos, requisitos, etc.
- Convocatoria. As bases de convocatoria establecen o procedemento (concurso de méritos, oposición ou concurso-oposición), a forma en que se realizarán as probas, os requisitos das persoas aspirantes, os prazos, os temarios, os baremos de méritos, etc. Ás veces, a publicación da convocatoria supón o inicio do proceso de presentación de solicitudes, recolléndose a indicación no propio texto. Poden existir unhas bases xerais aplicables a todos os procesos selectivos do concello que se complementen cunhas bases específicas para cada posto concreto.
- Persoas admitidas e excluídas. Tras rematar o período de presentación de solicitudes para participar no proceso, publícase o listado de persoas admitidas e excluídas no mesmo. En caso de resultar excluída/o e poder subsanalo (por faltar algunha documentación), hai un prazo para facelo.
- Desenvolvemento do proceso. Segundo cada caso, terán lugar as probas de exame, a entrevista, a valoración de méritos, etc.
- Adxudicación e toma de posesión da praza.
2. Acceso a corpos docentes
Existen requisitos específicos segundo nos refiramos a ensino secundario ou formación profesional.
Ensino secundario:
- Estar en posesión do título de Doutor/a, Licenciado/a, Enxeñeiro/a, Arquitecto/a, ou título de grao correspondente ou outros títulos equivalentes a efectos de docencia. Ás especialidades de Formación e Orientación Laboral e Intervención Sociocomunitaria tamén se poderá acceder cos títulos de Diplomado/a en Educación Social, Mestre/a en calquera das súas especialidades ou Diplomado/a en Traballo Social.
- Estar en posesión da formación pedagóxica e didáctica que o Goberno estableza para cada ensinanza (artigo 100.2 da LOE): Curso de Aptitude Pedagóxica, Título Profesional de Especialización Didáctica, Certificado de Cualificación Pedagóxica, etc.
Formación Profesional:
- Estar en posesión da titulación de Diplomado/a Universitario/a, Arquitecto/a Técnico, Enxeñeiro/a Técnico, ou o título de Grao correspondente ou outros títulos equivalentes a efectos de docencia.
- Estar en posesión da formación pedagóxica e didáctica que o Goberno estableza para cada ensinanza (artigo 100.2 da LOE): Curso de Aptitude Pedagóxica, Título Profesional de Especialización Didáctica, Certificado de Cualificación Pedagóxica, etc.
Normativa relacionada:
- Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación (BOE DE 04/05/06).
- Real Decreto 276/2007, de 23 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, accesos e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes a que se refire a Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación e se regula o réxime transitorio de ingreso a que se refire a disposición transitoria decimoséptima da citada lei (BOE de 02/03/07. Corrección de erros no BOE de 26/07/07).
- Real Decreto 1635/1995, de 6 de outubro, polo que se adscribe o profesorado dos corpos de profesores de ensino secundario e profesores técnicos de Formación Profesional ás especialidades propias da Formación Profesional específica (BOE de 10/10/1995).
- Orde de 1 de febreiro de 1996 pola que se aproban os temarios que han de rexer os procedementos de ingreso, adquisición de novas especialidades e mobilidade para determinadas especialidades dos Corpos de Profesores de Ensino Secundario de Profesores Técnicos de Formación Profesional (BOE de 13/02/96) (Modificación no BOE de 06/03/03 e prórroga no BOE de 18/01/08, sinalando unha adecuación das referencias legais).