Área privada

Relacións Institucionais

O Ceesg forma parte de...

Plataforma en defensa do sistema público galego de servizos sociais

 

Esta plataforma, conformada por entidades sociais, sindicais e políticas, colexios profesionais, concellos e cidadáns e cidadás de toda Galicia, naceu co obxectivo de acadar o pleno desenvolvemento da Lei 13/2008 do 3 de decembro de Servizos Sociais de Galicia, en vigor dende o 18 de marzo de 2009, onde se definen os servizos sociais como un sistema público, constituíndose no 4º piar do benestar xunto coa sanidade, a educación e a seguridade social.

Documento base da Plataforma

A beneficencia tivo a súa época. A conciencia cidadá e o estado social avanzaron de tal maneira que hoxe é impensable que a sorte última dos máis vulnerables se xogue na maior ou menor boa vontade ou caridade da xente, ou na existencia ou inexistencia de institucións benéficas. A sociedade galega madurou socialmente e hoxe falamos de dereitos esixibles e non de esmolas graciables. Ese avance está plasmado na Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia, que define precisamente aos servizos sociais como un sistema público ao mesmo nivel que os sistemas educativo, sanitario ou da seguridade social. Os servizos sociais son, por lei o cuarto piar do estado do benestar.

Defendemos ese logro. Defendemos a consolidación dun  sistema público galego de servizos sociais que garanta os equipamentos precisos para acadar uns servizos que cubran as necesidades sociais do conxunto da poboación galega –servizos aos que temos dereito, vivamos onde vivamos-  co obxectivo de favorecer a cohesión social do país, reforzando os vencellos sociais e combatendo os procesos de desestruturación territorial e social, abordando, tanto as situacións de falla de autonomía persoal, como as de pobreza e exclusión social ou nas que existan menores en conflito ou desamparo.

Defendemos a consolidación dos servizos sociais comunitarios dirixidos ao conxunto da poboación dun territorio determinado que teñen un carácter predominantemente local, baseado no desenvolvemento de accións preventivas, de atención integral a persoas e familias e de incorporación social e laboral, enmarcados no sistema público galego de servizos sociais estruturado en rede e coordinado cos outros servizos para o benestar: de saúde, educación, emprego, vivenda, migracións, etc.

Denunciamos que o goberno da Xunta volva atrás no modelo de xestión dos servizos sociais. Denunciamos o intento de destruír unha estrutura básica de servizos sociais que estaba camiño de asentarse de maneira homoxénea en todo o territorio galego co fin de prestar servizos que fagan posible o exercicio de dereitos esenciais das persoas, de dereitos recoñecidos na Lei.

Facemos un chamamento a poboación en xeral, e aos profesionais en particular, a mobilizarnos en defensa do sistema público galego de servizos sociais. Non podemos permitir un retroceso nesa dirección nin que os servizos sociais sexan un negocio no que uns poucos saquen proveito económico –maximizando o beneficio e reducindo a calidade dos servizos- a costa do deterioro do benestar social do conxunto da poboación. Non podemos permitir que ese negocio se faga en centros construídos e postos en marcha con fondos públicos.

Decálogo de medidas urxentes que implementen o Sistema Galego de Servizos Sociais

  1. Desenvolvemento da Lei 13/2008 do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia en vigor dende o 18 de marzo de 2009 na que se define aos servizos sociais como un sistema público de servizos, constituíndose no 4º piar do benestar xunto coa educación, a sanidade e a seguridade social; recoñece o dereito aos servizos sociais como un dereito subxectivo das persoas, do conxunto da poboación, e obriga a incluír nos orzamentos anuais da Xunta e das entidades locais as partidas necesarias para o financiamento do sistema galego de servizos sociais.
  2. Implantación xeneralizada da Tarxeta Social Galega, de carácter persoal e intransferible que acredita como titular do dereito ao acceso aos servizos sociais: Posta en marcha do Expediente social básico único e do Mapa galego de servizos sociais no que se definen as áreas sociais e se establecen os criterios de dotación de centros  e de servizos en todo o territorio galego.
  3. Aprobación e desenvolvemento do Catálogo de servizos sociais definido na Lei de servizos sociais de Galicia.
  4. Dotación dos medios precisos á Axencia Galega de Servizos Sociais para a súa posta en funcionamento e o cumprimento das súas funcións.
  5. Revisión urxente da regulación legal da renda de integración social de Galicia establecida na Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social, e elaboración e aprobación dunha nova lei de inserción social de Galicia.
  6. Determinar os equipamentos, persoal profesional e equipos técnicos interdisciplinares en cada nivel de actuación da estrutura básica dos servizos sociais, tanto municipal como comarcal. Fixando as titulacións e as cualificacións profesionais e os ratios de cobertura dos equipos de traballo. Todo elo coa aprobación do Consello Galego de Benestar Social e a Mesa Galega de Servizos Sociais.
  7. Consolidación da rede de Oficinas de Igualdade e Benestar e a súa ampliación que garanta unha eficaz cobertura das necesidades, dotadas de equipos profesionais interdisciplinares que actuando en rede complementen o labor dos servizos sociais comunitarios básicos dos concellos en relación coas situacións de exclusión e desigualdade social.
  8. Consolidación da xestión pública dos centros de atención xerontolóxica que atenden a persoas en situación de dependencia ou en risco de padecela, en particular a rede de Centros de Día. Consolidación de programas de proximidade que vertebren e cubran homoxeneamente a atención en toda Galicia.
  9. Constitución inmediata dos órganos de participación recollidos na lei, nomeadamente o Consello Galego de Benestar Social e a Mesa Galega de Servizos Sociais.
  10. Constitución da Comisión Interdepartamental de Servizos Sociais e Inclusión Social, que asuma, ademais das funcións previstas no artigo 65º desta lei, as funcións establecidas no artigo 54 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a integración social.

Máis info