Área privada

Relacións Institucionais

O Ceesg forma parte de...

Observatorio Galego da Infancia

O Observatorio Galego da Infancia é un órgano colexiado de participación, investigación, asesoramento, análise, estudo e proposta en políticas de atención á infancia e á adolescencia, adscrito ao departamento da Administración autonómica con competencias en materia de infancia.

Foi creado a iniciativa da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, durante o Goberno Bipartito, e contemplado como un obxectivo do Plan estratéxico galego da infancia e da adolescencia (2007-2010).

O Ceesg participou dende a elaboración do Decreto que define o seu funcionamento: Decreto 184/2008, do 24 de xullo, polo que se crea o Observatorio Galego da Infancia (descarga documento)

Tal e como se indica no Decreto, o obxectivo do Observatorio é contribuír ao fomento e ao respecto dos dereitos recoñecidos aos nenos e nenas polo ordenamento xurídico interno e polas normas internacionais, e velar para que o exercicio dos ditos dereitos estea garantido.

Ten asignadas as seguintes funcións:

  1. Propoñer actuacións destinadas a promover dereitos da infancia recoñecidos na Convención sobre os Dereitos do Neno e no resto do ordenamento xurídico.
  2. Realizar o seguimento e avaliación das políticas sociais que afectan a infancia en Galicia.
  3. Promover as actuacións necesarias para sensibilizar a todos os cidadáns no coñecemento e respecto dos dereitos da infancia en Galicia e no mundo.
  4. Caracterizar os problemas da infancia en Galicia e procurar as posibles solucións.
  5. Participar no deseño, execución e avaliación dos plans e proxectos de infancia.
  6. Recoller, analizar e divulgar a información sobre infancia e adolescencia xerada en Galicia e noutras comunidades e países.
  7. Asesorar organismos e institucións públicas e privadas en materia de dereitos de infancia.
  8. Servir de canle para a actuación coordinada e harmónica coa infancia entre os distintos departamentos da Administración e os profesionais que actúen no ámbito da infancia e a adolescencia.
  9. Realizar estudos e informes técnicos de diagnose da situación da infancia en Galicia e no mundo.
  10. Participar e manter relacións con outros observatorios españois e internacionais.

Está integrado por representantes da Xunta de Galicia (en materia de xuventude, igualdade, interior, xustiza, educación, inmigración, sanidade, estatística), da FEGAMP, de colexios e asociacións profesionais, de organizacións non gobernamentais de infancia, das universidades, das asociacións de nais e pais do alumnado, da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, da Sociedad de Pediatría de Galicia e da Confederación Galega de Asociacións Veciñais.

O Ceesg está representado no Pleno como e mesmo na Comisión Permanente. Sin embargo, non se chegou a celebrar ningunha xuntanza, véndose interrumpido o se desenvolvemento co cambio de Goberno.

Na actualidade, o Anteproxecto de Lei de apoio á familia e á convivencia de Galicia contempla, no seu artigo 4, un Observatorio Galego da Familia e da Infancia, pero, en tanto non se desenvolva regulamentariamente a súa composición en funcións, manterase en funcionamento o Obsevatorio da Infancia.