Área privada

Relacións Institucionais

O Ceesg forma parte de...

Foro Social 2010 (Histórico)

Esta iniciativa, que tivo lugar entre o 3 e o 30 de decembro de 2010, foi promovida orixinalmente polo Seminario Galego de Educación para a Paz e a Fundación Cultura de Paz.

Acolleu a numerosas entidades e organizacións da sociedade civil, especializadas na educación e a investigación para a paz, e tamén outros organismos públicos e privados que cren na necesidade de tratar este tema desde unha visión común onde afondar na Educación, Investigación e Cultura de Paz, que é o nome que leva o Foro Mundial da Educación.

O Foro 2010 foi un gran contedor de eventos e actividades a nivel mundial que xiraron ao redor da Cultura da Paz.

No 2010 coincidiron diversos acontecementos moi salientables e pagaba a pena seren analizados e celebrados. Entre eles estaba a celebración dun novo Ano Xacobeo, cita e lugar de encontro para milleiros de persoas, o final da Década da Cultura da Paz e a Non Violencia para todos os nenos e nenas do mundo, proclamada por Nacións Unidas (2001-2010), dez anos dende a existencia dos Obxectivos do Milenio, e o Programa de Acción para a Alianza de Civilizacións finalizou tamén a súa primeira andaina. Asemade, cumpríanse tamén 10 anos desde que o Foro Social Mundial, co Foro Mundial de Educación, naceran en Porto Alegre.

Desde o Subcomité Galego, encargámonos de coordinar todos os eventos, pero sobre todo, fomos responsables do Foro Mundial da Educación, unha ocasión inmellorable para que o Ceesg se posicionase como unha entidade preocupada polas investigacións acerca da cultura de paz, que tantas educadoras e educadores sociais coñecemos polos nosos traballos.

Listaxe de eventos

Deste xeito, as actividades máis destacables que incluiu o Foro Social 2010 foron:

  • Xuntanza de Alto Nivel das Nacións Unidas, do 4 ao 6 de decembro de 2010.
  • Congreso Internacional sobre Información e Dereitos Humanos, 7 e 8 de decembro de 2010.
  • Cumio Internacional sobre o Dereito Humano á Paz, 9 e 10 de decembro de 2010
  • Foro Mundial de Educación, Investigación e Cultura de Paz, do 10 ao 13 de decembro de 2010.
  • Congreso Internacional sobre Memoria da Guerra, Reconciliación e Cultura da Paz, o 14 e 15 de decembro de 2010.
  • En todo o mes de decembro, leváronse a cabo actividades culturais que traballaron como punto principal a Cultura de Paz: exposicións, cine e música son algunhas das expresións artísticas que se escolleron para facer visible a mencionada Cultura de Paz.

www.foro2010.org

Guía informativa do Foro 2010 (descarga documento)