Área privada

Relacións Institucionais

O Ceesg forma parte de...

Consejo General de Colegios de Educadoras y Educadores Sociales

O Cgcees acolle a todos os Colexios Profesionais do Estado, así como ás Asociacións Profesionais existentes -estas últimas con voz pero sen voto-, nun “paraugas” común de inquedanzas e forzas compartidas, partindo do principio de solidariedade e convivencia estrutural.

Despois da creación dos diferentes colexios autonómicos, facíase moi necesario que o órgano de representación a nivel estatal e internacional fose tamén unha entidade de dereito público que tivera unha voz forte cara a defender a nosa profesión e con ela ás persoas e colectivos cos que traballamos. Neste sentido, a consecución do Consejo General de Colegios de Educadoras y Educadores Sociales (Cgcees), en decembro de 2006, supuxo un fito histórico da nosa organización profesional.

Como foi o proceso?

Un longo camiño percorrido dende aquelas primeiras reunións dun pequeno grupo de profesionais, sen unha denominación definida, pero que xa tiñamos claro que o que faciamos era unha tarefa diferente e considerabamos que a nosa profesión aportaba algo distinto ás existentes. Era necesaria para a sociedade.

Estes primeiros representantes de moi diversos tipos de organizacións territoriais (a nivel de representación, estado de organización…) estaban dispostos e sentían a necesidade de colaborar e compartir, de aprender uns xunto a outros, de construír dende o respecto aos procesos e a organización propios de cada territorio.

Froito destes anhelos nace a nosa primeira entidade de ámbito estatal, a Federación Estatal de Asociacións Profesionais de Educación Social, FEAPES. O seu nome xa nos indica a intención do órgano, constituírnos como unha federación de diferentes asociacións profesionais.

A implicación dos profesionais galegos a este proceso é clara dende o principio. Un dato significativo é que FEAPES, na súa ultima Xunta de Goberno, estivera presidida por un compañeiro da Asociación de Galicia, Federico Armenteros.

Dende FEAPES decídese dotarnos de órganos máis fortes, de máis poder decisorio e representativo, e por normalizar a situación profesional do sector. Apostamos decididamente polos colexios profesionais autonómicos. Nace así o Colexio Catalán, o primeiro deles.

Co tempo, a coexistencia de Colexios e Asociacións levounos á necesidade de substituír FEAPES por ASEDES, en definitiva, unha entidade que poidese acoller dende o colexio con máis implantación ata a asociación mais pequena.

Xorde entón o noso Colexio, o segundo do Estado, que xunto co resto de territorios, continua traballando coa mesma filosofía, o apoio duns a outros e o respecto a cada proceso co fin de que a nosa profesión sexa un espazo aberto as diferentes sensibilidades.

A nova situación coa aparición de máis colexios autonómicos, Baleares, Murcia..., levou consigo que a Asociación Estatal sentira a necesidade de dotarnos doutro organismo estatal. Do mesmo xeito que se pasou de asociacións a colexios autonómicos considerouse máis operativo e útil transformar a asociación estatal nun órgano colexiado.

É así como no ano 2004 créase unha comisión en ASEDES co encargo especifico de lograr o Consejo General de Colegios de Educadoras y Educadores Sociales. A labor de dita comisión centrouse por un lado no traballo interno de preparación, do xeito de realización do traspaso asegurando a participación de todo os colexios e asociacións, e a preparación dos documentos necesarios; e por outra banda no traballo co exterior, é dicir, as actuacións coa administración, para dar os pasos lexislativos necesarios co fin de acadar dito Organismo.

Cremos que as tarefas internas foron frutíferas e permitiron que a posta en marcha do Consejo, así como que os traspasos que estamos realizando nestes momentos, contaran con un altísimo grao de consenso e implicación por parte de todos os territorios. Cada documento proposto foi debatido e, o que é máis importante, ratificado por todos, colexios e asociacións.

En canto ao tráballo externo, o tema foi moito máis difícil. Dende uns primeiros tempos en que ningún ministerio asumía ser o que nos correspondía como profesión, ata que o actual Ministerio de Trabajo y Asuntos Sociales acepta o encargo e presenta ás Cortes a proposta da nosa Lei.

De novo o consenso e a colaboración foron claves. En pouco tempo, todos os grupos parlamentarios do Congreso e o Senado aprobaron a lei por unanimidade e sen enmendas feito que, como os propios parlamentarios recoñeceron nas súas intervencións, foi un evento histórico.

A Lei publícase o día 27 de Decembro do 2006 no BOE núm.309, A partir dese momento o Consejo pode comenzar a súa andaina en paralelo á Asociación Estatal.

En Febreiro do ano 2007, constitúese en Lugo a Comisión Xestora que elabora a proposta de Estatutos Provisionais, remitidos ao Ministerio e publicados no BOE do 23 de Maio do 2007, despois das correspondentes negociacións. É de subliñar que os compañeiros do Estado elixiran Galicia para facer o primeiro acto do CGCEES, nós entendémolo como un recoñecemento ao esforzo que o noso Colexio fixo a nivel Estatal.

Queda así completo o panorama do asociacionismo na nosa Comunidade cun Colexio que nos representa no Consello Estatal e cun Consello que fai o mesmo a nivel estatal e internacional. A partires de aquí, o traballo por parte dos distintos colexios profesionais e do Consello, está no avance profesional a nivel de novos e definidos ámbitos de traballo, melloras socioprofesionais e laborais, recoñecemento da identidade profesional, presenza pública e todos aqueles beneficios para a nosa profesión.

Cal é o papel do Ceesg no Cgcees?

Dende a súa creación en xaneiro de 2001, o noso Colexio, do mesmo modo que antes facía a antiga Asociación Profesional (Aesg, 1991), aposta fortemente polo traballo coordinado a nivel estatal e internacional, para conseguir obxectivos e resultados que repercutan positivamente no labor profesional de educadoras e educadores sociais, favorecendo a mobilidade e o intercambio de experiencias. É por isto polo que, dende o nacemento do Consello, temos intentado xogar un papel destacado neste organismo colexial pola importancia que concedemos á colaboración cos outros colexios e asociacións autonómicas en actuacións de ámbito estatal, que, sen dúbida, repercuten no noso quefacer profesional e na calidade dos servizos que podemos ofertar.

O Ceesg participa activamente nas vogalías que ten o Consejo fixando estratexias comúns nas políticas socias a nivel estatal e internacional. Nomeadamente:

  •    Vogalía de comunicación: Sofía Riveiro Olveira.
  •    Vogalía de situación profesional e sociolaboral: Paloma Seijo Anca.
  •    Vogalía internacional: Mª José Fernández Barreiro.

Así mesmo, formamos parte da Xunta Permanente, ostentando o cargo da presidencia do Consejo, coa representación de Alberto Fernández-Sanmamed Santos.

A colaboración entre todos os colexios de educadoras e educadores permitirá sen dúbida ter unha profesión de máis calidade e sobre todo máis útil para a sociedade.

Representación na AIEJI

O Ceesg está representado na Asociación Internacional de Educadoras e Educadores Sociais (AIEJI) a través do Consejo.

Son obxectivos desta asociación:

  1. Promover prácticas de calidade asegurando o mellor servizo ás persoas por parte da profesión.
  2. Incentivar a riqueza da diversidade, promovendo prácticas de traballo en rede das/os profesionales de países e culturas diferentes, a través da Asociación Internacional AIEJI.
  3. Contribuír ao desenvolvemento da formación profesional para incrementar a competencia de todas/os educadoras/es sociais.
  4. Promover a organización da profesión e alentar o traballo conxunto entre os membros da AIEJI para desenvolver a colaboración internacional.
  5. Apoiar as prácticas profesionais e os métodos educativos baseados no respecto da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e da Infancia.

Entre as actuacións que desenvolve a AIEJI queremos destacar a organización dos congresos internacionais, que teñen lugar dende o ano 1952, sendo o próximo en Luxemburgo no ano 2012.

Así mesmo, a AIEJI promove estudos nacionais e internacionais; publicacións científicas e técnicas e o intercambio de coñecemento relacionado coa Educación Social, o benestar humano.

Máis info