Descarga o documento íntegro do Regulamento
1. Introdución
Dende o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) considérase fundamental a participación e implicación das persoas colexiadas para o avance e fortalecemento da profesión.
Os grupos de traballo constitúen unha das vías de participación no Ceesg, chamados a converterse nun elemento fundamental no seo da entidade, pola súa capacidade para desenvolver distintas liñas de acción para a mellora da nosa profesión (estudos, elaboración de informes, organización de xornadas formativas, creación de ferramentas de traballo, publicación de artigos...).
2. Obxecto do regulamento
Este Regulamento pretende orientar, homoxeneizar e establecer un funcionamento frutífero e harmónico dos Grupos de Traballo, asegurando unha mellor coordinación das súas actuacións e o cumprimento dos fins do Ceesg.
Cada Grupo de Traballo poderá definir normas complementarias a este regulamento e específicas do mesmo, que deberán ter o visto e prace da Xunta de Goberno.
3. Definición
Os Grupos de Traballo do Ceesg son agrupacións voluntarias de persoas colexiadas con inquedanzas comúns sobre un ámbito ou área específica relacionada coa Educación Social, e que traballan para a promoción, desenvolvemento e mellora desta. Poden ter carácter temporal, perseguindo unha finalidade moi concreta, ou vocación de permanencia no tempo, definindo obxectivos a medio e longo prazo.
Os Grupos de Traballo non son, en si mesmos, espazos de formación nin de información, senón reunións de profesionais interesadas/os nunha determinada área de coñecemento que se ofrecen a traballar desinteresadamente para permitir, coas súas achegas, o avance da profesión na devandita área.
4. Funcións
4.1. Son funcións dos Grupos de Traballo:
a) Organizar estudos, proxectos ou programas de carácter innovador sobre unha materia concreta de interese para a Educación Social no ámbito de traballo do grupo.
b) Elaborar informes, documentos de consenso ou divulgativos que poidan ser avaladas ou patrocinadas polo Ceesg.
c) Planificar, desenvolver e avaliar actividades formativas que poidan ser avaladas ou patrocinadas polo Ceesg.
d) Asesorar aos órganos directivos do Ceesg sobre calquera aspecto relacionado coa súa área de traballo, incluíndo, se procede, a selección de representantes nos comités, reunións ou tribunais sobre a materia da súa competencia.
e) Dar resposta ás cuestións e demandas de información que se lle deriven dende a oficina do Ceesg, que poden ser formuladas por colexiadas/os ou outras persoas/entidades.
f) Documentar as accións realizadas e recoller acta das reunións do Grupo de Traballo.
g) Actualizar a información do Grupo de Traballo dispoñible na web.
4.2. As actividades organizadas polos grupos non poden distanciarse dos obxectivos fundamentais do Colexio, polo que deben contar sempre co visto e prace da Xunta de Goberno.
5. Da súa creación
5.1. Os Grupos de Traballo poderán crearse:
a) Por iniciativa da Xunta de Goberno, tal como se recolle no artigo 35 dos estatutos do Ceesg.
b) Por iniciativa de persoas colexiadas, presentando a proposta de creación do grupo a través da web do Ceesg, e, nun segundo momento, o documento de constitución do grupo xunto co plan de traballo que deberá ser aprobado pola Xunta de Goberno.
O Ceesg apoiará e orientará a aquelas persoas que desexen formar un grupo de traballo que non coñezan a outras/os profesionais interesadas/os, na procura de novas/os integrantes e na definición inicial do plan de traballo.
5.2. Para a constitución formal do novo Grupo de Traballo é necesario presentar o documento de constitución para a súa aprobación por parte da Xunta de Goberno do Ceesg. Este documento ten que recoller (ver modelo anexo I
):
a) A denominación do grupo e a concreción do ámbito de traballo.
b) Os datos das persoas integrantes: nome e apelidos, teléfono e correo-e de contacto.
c) Coordinadora/Coordinador do grupo.
Así mesmo, deberá presentarse o Plan de traballo anual, onde se incluirán, entre outros aspectos, os obxectivos, actuacións a desenvolver, o cronograma e a previsión orzamentaria (ver modelo anexo II
)
6. Das/os súas/seus integrantes
6.1. Poderá ser integrante dun Grupo de Traballo calquera persoa colexiada (incluídos os membros da Xunta de Goberno) que o solicite por escrito ou vía web ao Ceesg, debendo ser aprobada a súa admisión polo grupo (no caso de que estea en funcionamento), que considerará a experiencia, dedicación e coñecementos que pode achegar a/o solicitante e o número de integrantes que xa conforman o grupo.
6.2. O Grupo de Traballo estará composto por un mínimo de tres colexiadas/os.
Poderá acordarse polo Grupo de Traballo a participación nas súas reunións de persoas ou entidades que non sexan membros do Ceesg, sempre con voz pero sen voto, en calidade de convidadas.
6.3. Son obrigas das/os integrantes dos Grupos de Traballo:
a) Participar nas reunións periódicas do grupo (virtuais ou presenciais).
b) Achegar a súa experiencia e coñecementos.
c) Participar en todas as accións e tarefas que leven ao cumprimento do plan de traballo do grupo.
6.4. Para deixar de pertencer a un Grupo de Traballo abondará solicitalo por escrito ao Ceesg. Tamén deixarán de pertencer aquelas persoas que non participen de forma regular nas actividades do Grupo e por decisión da maioría dos integrantes do grupo.
6.5. As persoas colexiadas poden participar de cantos grupos de traballo estimen oportunos.
7. Do/a seu/súa coordinador/a
7.1. Cada Grupo de Traballo terá unha/un coordinadora ou coordinador para o seu correcto funcionamento, que será elixida/o democraticamente por e entre os integrantes do grupo. Dita elección, así como calquera cambio na figura da/o coordinadora/coordinador, será comunicada, por escrito, á Xunta de Goberno, vía correo postal, electrónico ou fax.
O cargo durará ata que a/o propia/o coordinadora ou coordinador ou a maioría do grupo o decida. Cando por circunstancias persoais, laborais ou de calquera outra índole, a/o coordinadora ou coordinador non poida asumir as súas funcións, poderá delegar en calquera outro integrante do Grupo de Traballo.
7.2. Son funcións da/o coordinadora/coordinador do Grupo de Traballo:
a) Coordinar as tarefas do Grupo de Traballo, regulando a responsabilidade dos seus integrantes nas súas actividades.
b) Coordinarse coa Xunta de Goberno e co persoal do Ceesg.
c) Convocar as reunións do Grupo, segundo o acordado no seu plan de traballo, a iniciativa propia cando sexa necesario para o desenvolvemento adecuado do traballo previsto, ou por solicitude dalgún dos seus membros.
d) Informar sobre as actividades e a dinámica do Grupo a aquelas persoas que soliciten formar parte do mesmo.
e) Trasladar á Xunta de Goberno as actas das reunións e os documentos e informes que se elaboren dende o Grupo.
f) Representar ao Grupo de Traballo ante os órganos directivos do Ceesg cando así se solicite. Poderá participar nas reunións da Xunta de Goberno con voz pero sen voto, para informar das diferentes actividades realizadas polo Grupo de Traballo.
g) Velar porque se cumpran as funcións do grupo de traballo.
8. Do seu funcionamento
8.1. Os Grupos de Traballo deberán elaborar un plan de traballo e unha memoria anuais, que presentarán á Xunta de Goberno do Ceesg antes de finalizar cada ano, para a súa aprobación posterior en Asemblea Xeral xunto cos restantes plans de traballo do Ceesg. Estes documentos responderán aos seguintes contidos mínimos:
a) Plan de traballo: obxectivos, accións, cronograma e orzamento (ver modelo anexo II
).
b) Memoria: altas e baixas de integrantes, e actuacións desenvolvidas (ver modelo anexo III
).
8.2. O Ceesg asumirá o financiamento das actividades propostas no plan de traballo de cada grupo, en función das posibilidades orzamentarias da entidade, debendo promoverse sempre a procura doutras vías de autofinanciamento.
8.3. Para o desenvolvemento das súas funcións, os Grupos de Traballo terán á súa disposición un espazo na web do Ceesg no que poderán compartir documentos, desenvolver xuntanzas virtuais a través do chat, e debater no foro. A este espazo só terán acceso os seus integrantes e o persoal do Ceesg.
Ademais do traballo virtual, considérase imprescindible un mínimo dunha reunión presencial anual de cada Grupo de Traballo, polo que tamén dispoñen dun espazo presencial no propio local do Ceesg.
En caso de requirir as instalacións do Ceesg, será necesario solicitalas con antelación suficiente a través do formulario da web e ter a confirmación da súa dispoñibilidade na data prevista.
8.4. Os Grupos de Traballo son autónomos na forma de organización e desenvolvemento das súas reunións e actividades. A/O coordinadora/coordinador informará ao Ceesg da data, lugar e contido das reunións, xa sexan presenciais ou virtuais.
8.5. As relacións que o Grupo de Traballo manteña con outras institucións e/ou empresas relacionadas coa súa actividade, deberán ser informadas á Xunta de Goberno e contar co seu visto e prace.
8.6. En toda actividade desenvolvida polo grupo débese facer constar explicitamente a súa pertenza ao Ceesg.
9. Da súa disolución
9.1. Os Grupos de Traballo disolveranse en calquera das seguintes situacións:
a) A solicitude dos seus integrantes.
b) Cando o número de membros sexa inferior a tres.
c) Cando non estea a avanzar no cumprimento dos obxectivos que motivaron a súa creación ou por incumprimento das súas obrigas.
d) Cando a súa actividade se aparte dos fins do Colexio.
9.2. A iniciativa de disolución dun Grupo de Traballo por algunha destas razóns pode partir do propio Grupo ou da Xunta de Goberno do Ceesg.
9.3. A disolución a iniciativa do Grupo deberá notificarse por escrito ao Ceesg. Poderase reanudar a súa actividade a petición das persoas colexiadas.
10. Das súas relacións co Ceesg
10.1. O Ceesg facilitará as actividades dos grupos de traballo poñendo á súa disposición todo aquilo que precisen en materia de loxística, relacións institucionais, soporte administrativo, financiamento, etc. Este apoio prestarase xa dende o momento previo á aprobación da creación do grupo por parte da Xunta de Goberno, para facilitar a coordinación das persoas interesadas en facer a proposta. Designarase unha persoa da Xunta de Goberno que será referencia para cada Grupo e o orientará nos aspectos que necesite.
10.2. A documentación xerada polos Grupos será propiedade do Ceesg, sen prexuízo da autoría das persoas que o compoñen, e o seu uso, publicación ou difusión en medios ou actividades alleas ao Ceesg debe contar coa autorización deste.
11. Final
Todas as persoas que pertenzan a un grupo de traballo admiten e asumen todos e cada un dos puntos que neste regulamento aparecen e asinan a cláusula de protección de datos (ver anexo IV
).
R/ Lisboa 20, Baixo C, 15707 Santiago | Telf: 981 552206 | Fax: 981 938274
Política de protección de datos | Contacto | RSS