Área privada

Grupos de traballo

Grupos activos

Que son os grupos de traballo?

Son agrupacións voluntarias de persoas colexiadas con inquedanzas comúns sobre un ámbito ou área específica da Educación Social, e que traballan para a promoción, desenvolvemento e mellora desta. Poden ter carácter temporal, perseguindo unha finalidade moi concreta, ou vocación de permanencia no tempo, definindo obxectivos a medio e longo prazo.

Os grupos de traballo constitúen unha das vías de participación no Ceesg, chamados a converterse nun elemento fundamental no seo da entidade, pola súa capacidade para desenvolver distintas liñas de acción para a mellora da nosa profesión (estudos, elaboración de informes, organización de xornadas formativas, creación de ferramentas de traballo, publicación de artigos...).

En tanto que órganos do Ceesg, a actividade dos grupos de traballo non pode distanciarse dos obxectivos fundamentais deste.

Son funcións dos Grupos de Traballo:

  1. Organizar estudos, proxectos ou programas de carácter innovador sobre unha materia concreta de interese para a Educación Social no ámbito de traballo do grupo.
  2. Elaborar informes, documentos de consenso ou divulgativos que poidan ser avaladas ou patrocinadas polo Ceesg.
  3. Planificar, desenvolver e avaliar actividades formativas que poidan ser avaladas ou patrocinadas polo Ceesg.
  4. Asesorar aos órganos directivos do Ceesg sobre calquera aspecto relacionado coa súa área de traballo, incluíndo, se procede, a selección de representantes nos comités, reunións ou tribunais sobre a materia da súa competencia.
  5. Dar resposta ás cuestións e demandas de información que se lle deriven dende a oficina do Ceesg, que poden ser formuladas por colexiados/as ou outras persoas/entidades.
  6. Documentar as accións realizadas e recoller acta das reunións do Grupo de Traballo.
  7. Actualizar a información do Grupo de Traballo dispoñible na web.