Área privada

Que é o Ceesg

Historia

Precedentes

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) é froito da necesidade de dotarse de instrumentos, cada vez máis fortes, de representación e coordinación dun grupo importante de homes e mulleres, maioritariamente mulleres, que durante moito tempo trataron de dar resposta, dende unha perspectiva socioeducativa, a distintas necesidades sociais. Nun momento dado, estas mulleres e homes déronse conta de que o traballo que levaban a cabo como educadoras/es de menores, animadoras/es socioculturais, educadoras/es familiares, alfabetizadoras/es de persoas adultas, etc. tiña un perfil socioeducativo claramente definido. Ante isto, formularon a necesidade de promover unha formación específica a esta nova figura profesional que xa estaba a traballar.

Deste xeito, na década dos 80, a concienciación profesional comeza a plasmarse; asínanse os primeiros convenios que marcan os dereitos e tarefas do/a, por entón, educador/a, e nacen as primeiras asociacións ao longo de todo o territorio estatal.

En Galicia, en 1982, comeza o proceso de transferencias dos Servizos Sociais á Xunta de Galicia (Estatuto de Autonomía, art.27.23) tanto a nivel de actuacións no sector coma do persoal do Estado na Comunidade, e en 1983 nace o Colectivo Galego do Menor Inadaptado (antes Colectivo de Centros), para traballar no campo de menores, colexios e casas de familias, así como na formación permanente das educadoras e educadores.

Necesidade de formación en Educación Social

A necesidade de formación específica, reclamada de cotío polas/os profesionais, fai que se cree a "Escola Galega de Educadores Especializados en Marxinación Social" da que sairían varias promocións de educadoras/es ata o ano 1988 en que, por falta de recoñecemento do título, deixa de funcionar. Fai uns anos, o Goberno Estatal estableceu un itinerario de homologación específico para estes titulados igual que os doutras escolas que funcionou nos anos 80 no Estado.

Conséguese a formación universitaria en Galicia, no ano 1994 (Santiago e Coruña).

Necesidade de asociacionismo estatal e internacional

No ano 1991 créase a Asociación Profesional de Educadores/as Sociais de Galicia (Aesg), "proxenitora” do noso actual colexio profesional. A devandita Asociación intégrase na Federación Estatal de Asociacións Profesionais de Educadores/as Sociais (Feapes) xunto ao resto das Asociacións do Estado. Ao mesmo tempo, a través da Federación Estatal, forma tamén parte da Asociación Internacional de Educadoras/es Sociais (Aieji).

Obxectivos estratéxicos como primeiros pasos do asociacionismo

A asociación galega, xunto ás demais do Estado márcanse como obxectivos prioritarios e estratéxicos, conseguir o recoñecemento académico (formación universitaria específica), regularizar e normalizar a profesión (proceso de habilitacións) e conseguir o recoñecemento profesional mediante a creación de colexios profesionais.

Cara a acadar o primeiro obxectivo, dende a Federación Estatal faise unha proposta de currículo ao Consello de Universidades,  no ano 91. Paralelamente, en Galicia colabórase coa Universidade de Santiago de Compostela na posta en marcha da Titulación -Diplomatura en Educación Social-.

Foi co Real Decreto 1420/1991, do 30 de Agosto (BOE do 10 de outubro) cando o Ministerio de Educación e Ciencia decide aprobar as ensinanzas conducentes ao título de Diplomado/a en Educación Social, achegándolle soporte legal ao traballo que se viña realizando e establecendo deste modo o título universitario oficial de Diplomado/a en Educación Social e as directrices xerais propias dos plans de estudo conducentes á súa obtención.

En Galicia, é no curso 94/95 cando comeza a impartirse a Diplomatura nas Facultades de Ciencias da Educación das Universidades de Santiago de Compostela e Vigo (Campus de Ourense) e no curso 95/96 na Universidade da Coruña.

De cara á creación do Colexio

Unha vez conseguido o obxectivo da Diplomatura, o asociacionismo deu prioridade a impulsar a creación de colexios profesionais e conseguir os procesos de habilitación que recoñecesen o traballo das educadoras e educadores que viñan exercendo esta profesión dende moitos anos antes da existencia do título. Con este obxectivo prioritario, Aesg decidiu, na súa asemblea xeral do ano 1997, promover a creación do Colexio de Educadoras/es Sociais de Galicia (Cesg) e, a través dunha campaña de contactos con outros colectivos de educadores/as, a realización das xestións necesarias para remitir aos poderes públicos galegos as súas inquedanzas. Despois de elaborar a documentación necesaria, presentouse a solicitude de creación do Colexio de Educadoras/es no Rexistro da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o 12 de maio de 1999.

O 18 de outubro de 2000 entrou no Parlamento de Galicia a proposta de Lei de Creación do Colexio de Educadores/as Sociais de Galicia e o 22 de decembro do mesmo ano, despois de superar todos os trámites parlamentarios, aprobouse por unanimidade a Lei 1/2001, do 2 de xaneiro, de creación do Colexio de Educadores Sociais de Galicia (Cesg), saíndo publicada no Diario Oficial de Galicia o 1 de febreiro de 2001, data na que entrou en vigor. O 28 de abril constitúese a Xunta Xestora do Colexio.

O Ceesg como unha realidade dentro do Estado

Dende o momento da súa creación, o Cesg foi unha das entidades membro da Asociación Estatal de Educación Social (Asedes). Nesta nova Asociación Estatal, constituída en decembro de 2000, integrouse todo o traballo das Asociacións Profesionais que constituían a anterior Federación de Asociacións Profesionais de Educadores Sociais (Feapes), os Colexios Profesionais. Desta forma, creouse unha Asociación que representase a toda a Educación Social cunha voz única ante as institucións estatais e internacionais.

A devandita Asociación, unha vez creados varios Colexios Autonómicos máis, transformouse no Consello Xeral de Colexios (Cgcees) por Lei 41/2006 do 26 de decembro. É de destacar que dito Consello constituíu a súa Comisión Xestora en Lugo en Febreiro do 2007, como recoñecemento das entidades do Estado ao papel que sempre quixemos xogar, tanto como Asociación coma agora Colexio, no Asociacionismo Estatal.

De Cesg a Ceesg, a linguaxe fainos un guiño ás educadoras

Moitas serían as cousas que teriamos que destacar no traballo de posta en marcha e consolidación do noso Colexio Profesional, pero destacaremos como un paso altamente simbólico o seu cambio de denominación. Pasou de Cesg a Ceesg, incluíndo expresamente o termo “educadoras” ao principio, e cumprindo así un desexo avalado e compartido pola maioría das súas colexiadas/os que aprobaron a proposta na súa Asemblea Xeral celebrada na Coruña en maio de 2006. Recoñecíase así o traballo das compañeiras que dun xeito moi maioritario traballan na nosa profesión.

Dos feitos e resultados, de onte a hoxe

Moitos, como diciamos, serían os feitos a destacar destes primeiros anos:

  • Consecución dos estudos conducentes á obtención da Diplomatura de Educación Social (grazas á colaboración e traballo de profesorado universitario e o colectivos das educadoras/es sociais).
  • Proceso habilitador feito en colaboración coas tres Universidades de Galicia.
  • Campañas de recoñecemento profesional ante as administracións local e autonómica.
  • Organización do IV Congreso Estatal celebrado en Compostela no ano 2004.
  • Gran cantidade de actividades formativas realizadas cara á mellora da calidade das nosas intervencións como profesionais.
  • Aprobación do noso Código Deontolóxico en galego.
  • Mellora nos instrumentos de comunicación interna e externa.
  • A participación destacada en accións estatais e internacionais (asembleas de Consello Xeral, congresos estatais e internacionais, …)
  • E tantas outras.

(Todas elas están recollidas de forma pormenorizada nas memorias de cada ano).

Pasada unha década deste século XXI (2010), nun novo e decisivo momento de cambio das profesións e das institucións que as representan, estamos convencidas e convencidos de que temos un instrumento consolidado, útil non só para as Educadoras/es Sociais, senón moi especialmente para as persoas e colectivos cos que traballamos.