Área privada

Normativa

Leis Paraugas e Ómnibus

Son dúas leis con implicacións para as e os profesionais que exercen por libre a prestación de servizos de Educación Social.

A continuación recóllese o máis significativo de ambas disposicións.

LEI PARAUGAS

Lei 17/2009, de 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio (BOE 24/11/09) Descarga texto íntegroLei Paraugas

Artigo 22. Obrigacións de información dos prestadores.

1. Sen prexuízo das obrigacións de información establecidas na lexislación de protección dos consumidores e usuarios que resulte de aplicación, os prestadores de servizos, coa debida antelación, porán á disposición dos destinatarios toda a información exixida neste artigo de forma clara e inequívoca, antes da celebración do contrato ou, de ser o caso, antes da prestación do servizo.

2. Os prestadores proporcionaranlle ao destinatario, de forma facilmente accesible, a información seguinte:
a) Os datos de identidade, forma e réxime xurídico, número de identificación fiscal do prestador, enderezo onde ten o seu establecemento, e os datos que permitan pórse rapidamente en contacto con el e, de ser o caso, por vía electrónica.
b) Datos rexistrais do prestador do servizo.
c) Os datos da autoridade que, se é o caso, outorgue a autorización.
d) Nas profesións reguladas, a cualificación profesional e o Estado membro en que foi outorgada, así como, de ser o caso, o colexio profesional, a asociación profesional ou organismo análogo en que estea inscrito o prestador.
e) As condicións e cláusulas xerais, e as relativas á lexislación e xurisdición aplicable ao contrato.
f) Garantías posvenda adicionais ás exixidas por lei, de ser o caso.
g) O prezo completo do servizo, incluídos os impostos, cando o prestador fixe previamente un prezo para un determinado tipo de servizo.
h) As principais características do servizo ou servizos que ofreza.
i) De ser o caso, o seguro ou garantías exixidas e, en particular, os datos do asegurador e da cobertura xeográfica do seguro.
j) No caso de que o prestador exerza unha actividade suxeita ao IVE, o número de identificación fiscal.
k) Lingua ou linguas en que se poderá formalizar o contrato, cando esta non sexa a lingua en que se lle ofreceu a información previa á contratación.
l) Existencia do dereito de desistencia do contrato que poida corresponder ao consumidor, o prazo e a forma de exercelo.

3. Por petición do destinatario, os prestadores porán á disposición daquel a seguinte información complementaria:
a) Cando o prezo non o fixe previamente o prestador, o prezo do servizo ou, se non se pode indicar aquel, o método para calculalo; ou un orzamento suficientemente detallado.
b) Data de entrega, execución do contrato e duración.
c) No caso das profesións reguladas: referencia ás normas de acceso á profesión no Estado membro de establecemento e os medios para acceder ás devanditas normas.
d) A información relativa ás súas actividades multidisciplinares, posibles conflitos de interese e as medidas adoptadas para evitalos. Esta información deberá figurar en todo documento informativo dos prestadores en que se presenten de forma detallada os seus servizos.
e) Os posibles códigos de conduta a que estea sometido o prestador, así como o enderezo en que os ditos códigos se poden consultar por vía electrónica e en que idiomas están dispoñibles.
f) Información detallada sobre as características e condicións para facer uso dos medios extraxudiciais de resolución de conflitos cando estean suxeitos a un código de conduta ou sexan membros dalgunha organización profesional en que se prevexan estes mecanismos.

4. Toda a información a que se refiren os puntos anteriores será posta á disposición do destinatario polo prestador, nalgunha das formas seguintes:
a) No lugar de prestación do servizo ou de celebración do contrato.
b) Por vía electrónica a través dun enderezo facilitado polo prestador.
c) Figurando a dita información en todo documento informativo do prestador que se lle facilite ao destinatario e no cal se presenten de forma detallada os seus servizos.
d) Por vía electrónica a través dunha páxina web.

LEI ÓMNIBUS

Lei 25/2009, de 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio (BOE 23/12/09). Descarga texto íntegroLei  Ómnibus

Artigo 4. Modificación do texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro.

O texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, modifícase do seguinte modo:

Un. Engádense dous novos números ao artigo 21, coa seguinte redacción:

"3. En todo caso, e con pleno respecto ao disposto nos números precedentes, os prestadores de servizos porán á disposición dos consumidores e usuarios información sobre o enderezo postal, número de teléfono e número de fax ou enderezo de correo electrónico en que o consumidor ou usuario, calquera que sexa o seu lugar de residencia, poida interpor as súas queixas e reclamacións ou solicitar información sobre o servizo ofertado ou contratado. Os prestadores comunicarán o seu enderezo legal se este non coincide co seu enderezo habitual para a correspondencia.

Os prestadores de servizos deberán dar resposta ás reclamacións recibidas no prazo máis breve posible e en todo caso no prazo máximo dun mes desde a presentación da reclamación. No caso de que no dito prazo esta non for resolta satisfactoriamente, os prestadores de servizos adheridos a un sistema extraxudicial de resolución de conflitos facilitaranlle ao usuario o acceso a el cando este reúna os requisitos previstos na Recomendación 98/257/CE da Comisión, do 30 de marzo, relativa aos principios aplicables aos órganos responsables da solución extraxudicial dos litixios en materia de consumo e na Recomendación 2001/310/CE da Comisión, do 4 de abril de 2001, relativa aos principios aplicables aos órganos extraxudiciais de resolución consensual de litixios en materia de consumo ou normativa que resulte de aplicación e, como tales, fosen notificados á rede comunitaria de órganos nacionais da solución extraxudicial de litixios en materia de consumo.

4. Os empresarios a que se refire o número anterior e aqueles que estean adheridos a códigos de conduta, incluídos os elaborados a escala comunitaria, ou sexan membros de asociacións ou organismos profesionais que ofrezan sistemas extraxudiciais de resolución de conflitos que reúnan os requisitos previstos no número anterior, indicarán nas ofertas comerciais que presenten de forma detallada os seus servizos, o sistema extraxudicial de resolución de conflitos que ofrecen aos consumidores e usuarios, o modo de obter información sobre as súas características e a forma de acceder ao dito sistema extraxudicial.»

A nivel autonómico, está xa aprobada (publicada no DOG de 23 de febreiro de 2010) a Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior.