Área privada

Normativa

Estatutos do Ceesg

  • Capítulo I. Da Natureza, Finalidades e Funcións.
  • Capítulo II. Da adquisición, da denegación e da perda da condición de colexiado/a.
  • Capítulo III. Dos dereitos e deberes dos/das colexiados/as.
  • Capítulo IV. Exercicio profesional. Principios básicos.
  • Capítulo V. Da organización e órganos de goberno.
  • Capítulo VI. Da participación dos colexiados/as nos órganos de goberno y do réxime electoral.
  • Capítulo VII. Do réxime económico e administrativo.
  • Capítulo VIII. Da organización territorial.
  • Capítulo IX. Das seccións profesionais.
  • Capítulo X. Das comisións de traballo.
  • Capítulo XI. Do réxime disciplinario.
  • Capítulo XII. Validez dos actos dos órganos colexiais.

Descarga o documento íntegro dos Estatutos CeesgDescarga Estatutos Ceesg

CAPÍTULO I. DA NATUREZA, FINALIDADES E FUNCIÓNS

Artigo 1. Natureza
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG) é unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2. Lexislación pola que se rexe
Esta corporación de dereito público réxese polos presentes estatutos, pola lexislación vixente en materia de colexios profesionais, ademais de pola Lei 1/2001, do 22 de xaneiro, de creación do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.

Artigo 3. Relación coas diferentes administracións
3.1. O CEESG, nas cuestións relativas aos aspectos institucionais ou corporativos, relacionarase coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través da consellería competente en materia de colexios profesionais.
3.2. En todo o que respecta aos contidos da profesión relacionarase a través da consellería ou consellerías que teñan relación coa profesión do educador social.
3.3. Cando sexa necesario, dentro dos correspondentes marcos competenciais, o CEESG poderase relacionar tamén con outras administracións.

Artigo 4. Relación cos outros organismos profesionais e públicos
4.1. O CEESG, como Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, poderá establecer acordos de reciprocidade, cooperación e convenios con outras entidades profesionais.
4.2. O CEESG poderá establecer cos organismos profesionais estranxeiros e internacionais as relacións que, no marco da lexislación vixente, considere adecuadas en cada momento.

Artigo 5. Incorporación ao colexio
5.1. Nos termos establecidos no artigo 2 da Lei 11/2001, do 18 de setembro de 2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, é requisito indispensable para o exercicio da profesión de educador social en Galicia estar incorporado/a no CEESG, cando o domicilio único ou principal estea situado nesta comunidade, a excepción do disposto no artigo 3 da citada lei.
5.2. Coa finalidade de quedar suxeitos ás correspondentes competencias de ordenación e control, os profesionais inscritos nun colexio de educadoras e educadores sociais doutra demarcación territorial comunicaranlle ao CEESG as actuacións que realicen dentro da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 6. Principios esenciais
Son principios esenciais do seu funcionamento a igualdade dos seus membros, o funcionamento democrático e a liberdade de actuación dentro do respecto ás leis.

Artigo 7. Ámbito territorial e domicilio
O ámbito territorial do colexio é o do territorio galego. O enderezo está en Santiago de Compostela. Este enderezo pode ser modificado por acordo da Asemblea Xeral ordinaria ou da Asemblea Xeral extraordinaria convocada para tal efecto.

Artigo 8. Fins esenciais
Son fins esenciais do colexio:
a) Ordenar o exercicio profesional en calquera das súas formas e modalidades.
b) Representar os intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de educador/a social.
c) Cooperar na mellora dos estudos conducentes á obtención do título de educador social.
d) Mellorar o nivel de calidade das prestacións profesionais dos/das colexiados/as, promovendo a súa formación e perfeccionamento.
e) Defender os intereses profesionais dos/das colexiados/as.
f) Velar para que a actividade profesional se adecúe aos intereses dos cidadáns.
g) Promover o recoñecemento social e profesional da educación social.

Artigo 9. Funcións
Para o cumprimento das súas finalidades o colexio profesional exercerá as funcións encomendadas na lexislación básica do Estado e na lexislación autonómica galega, sendo, entre outras, as seguintes :
a) Exercer a representación e defensa da profesión.
b) Ordenar a actividade dos/das colexiados/as, velando pola ética e a dignidade profesional destes, así como conciliando os seus intereses co interese social e cos dereitos dos cidadáns.
c) Exercer a potestade disciplinaria sobre os/as profesionais colexiados/as.
d) Exercitar as accións legais e adoptar as medidas necesarias para evitar o intrusismo profesional e a competencia desleal.
e) Establecer os baremos de honorarios, de carácter orientativo.
f) Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais, cando o/a colexiado/a o solicite libre e expresamente.
g) Establecer e esixir as achegas económicas dos/das colexiados/as.
h) Elaborar e aprobar os seus orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como as súas contas e liquidacións orzamentarias.
i) Ver os traballos profesionais dos/das colexiados/as, exceptuando os honorarios e as demais condicións contractuais, que se determinarán por libre acordo das partes.
j) Organizar actividades dirixidas á formación e ao perfeccionamento profesional dos/das colexiados/as.
k) Participar de forma activa coas entidades de formación dos/das futuros/as titulados/as na mellora dos plans de estudo e na preparación destes.
l) Organizar actividades e servizos comúns de carácter profesional, cultural, asistencial, de previsión e análogos, de interese para os/as colexiados/as, así como de cobertura de posibles responsabilidades civís contraídas por eles no servizo da súa profesión.
m) Intervir como mediador nos conflitos profesionais que xurdan entre os/as colexiados/as.
n) Relacionarse e coordinarse con outros colexios profesionais así como cos consellos galegos de colexios.
o) Emitir informes sobre aqueles proxectos de normas que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia que afecten aos/ás educadores/as sociais ou se refiran aos fins ou funcións encomendadas a estes.
p) Participar nos órganos consultivos da Administración de Galicia cando esta o requira ou así se estableza na normativa vixente, e designar representantes en calquera xulgado ou tribunal nos que se esixan coñecementos relativos a materias específicas, sempre que sexan requiridos para iso nos termos establecidos na Lei de axuizamento civil.
q) Emitir informes e dictames, de carácter non vinculante, en procedementos xudiciais ou administrativos nos que se susciten cuestións que afecten materias da educación social.
r) Colaborar coas administracións públicas en materia das súas competencias, de acordo coas disposicións vixentes.
s) Garantir a prestación da función polos/as profesionais colexiados/as.
t) Actuar como árbitro nos conflitos entre colexiados/as e terceiros, cando así o soliciten ambas as partes.

CAPÍTULO II. DA ADQUISICIÓN, DA DENEGACIÓN E DA PERDA DA CONDICIÓN DE COLEXIADO

Artigo 10. Dereito de incorporación
É condición indispensable para ser admitido no Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia estar en posesión do título de educador social, estar habilitado/a polo CEESG ou os que se incorporen a través de acordos con outros colexios ou co “Consejo Superior de Colegios de Educadoras y Educadores” do Estado español.

Artigo 11. Condicións para colexiarse
11.1. Poderán ser colexiados/as aquelas persoas que reúnan os seguintes requisitos:
a) Polo que se refire á acreditación académica ou profesional son reguladas pola Lei 1/2001, do 22 de xaneiro, de creación do Colexio de Educadores Sociais de Galicia.
b) Satisfacer a cota de incorporación que teña establecida o colexio.
11.2. As peticións de colexiación tramitaranse da seguinte forma:
a) Toda petición de incorporación ao colexio haberá de formalizarse mediante instancia, que expedirá o colexio, dirixida ao presidente, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos para colexiarse. Esta petición será resolta pola Xunta de Goberno no prazo máximo de tres meses dende a súa formulación ou, se é o caso, dende que se acheguen polos interesados os documentos necesarios ou se corrixan os defectos emendables da petición de conformidade coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Denegación de colexiación
A colexiación soamente poderá ser denegada nos seguintes casos:
a) Cando a documentación presentada coa solicitude de ingreso sexa insuficientes ou non se completase ou emendase no prazo sinalado para o efecto, ou cando o solicitante falsease os datos e documentos necesarios para a súa colexiación.
b) Cando o/a peticionario/a non acredite satisfacer as cotas de colexiación no colexio de orixe.
c) Cando sufrise algunha condena por sentencia firme dos tribunais que, no momento da solicitude, o/a inhabilite para o exercicio profesional.
d) Cando fose expulsado/a doutro colexio sen ser rehabilitado/a.
e) Cando, ao formular a solicitude, estivese suspenso do exercicio da profesión, en virtude de corrección disciplinaria imposta por outro colexio ou polo Consello Xeral.

Artigo 13. Suspensión e perda da condición de colexiación
13.1. Perderase a condición de colexiado/a:
a) Por petición propia do/da interesado/a á Xunta de Goberno, sen prexuízo das obrigas profesionais ou corporativas pendentes de cumprimento.
b) Por deixar de aboar a cota colexial ou outras achegas establecidas polos órganos de goberno corporativos durante un prazo superior a doce meses.
c) Por sanción disciplinaria, de acordo co previsto nos estatutos.
d) Por condena firme que leve consigo a accesoria de inhabilitación da profesión.
e) Por defunción.
13.2. A condición de colexiado só poderá suspenderse por prazo determinado como consecuencia do cumprimento de sanción disciplinaria que a comporte, logo de instrución de expediente disciplinario tramitado de conformidade cos presentes estatutos.

Artigo 14. Reincorporación ao colexio
a) A reincorporación ao colexio requirirá as mesmas condicións que a incorporación. Cando o motivo de baixa fose por sanción, o solicitante terá que acreditar o seu cumprimento.
b) Se o solicitante da reincorporación tivese pagos pendentes no momento da baixa, este terá que satisfacer as cotas pendentes.

Artigo 15. Colexiados/as de honra
A Xunta de Goberno poderá nomear colexiados/as de honra do colexio as persoas que, polos méritos científicos, técnicos ou profesionais no eido da educación social, contribúan ao desenvolvemento da nosa profesión.
O nomeamento terá un carácter meramente honorífico.

CAPÍTULO III. DOS DEREITOS E DEBERES DOS/DAS COLEXIADOS/DAS

Artigo 16. Dereitos e deberes dos/das colexiados/as
Todos os/as colexiados/as, polo feito de selo, teñen os mesmos dereitos e deberes.

Artigo 17. Son dereitos dos/das colexiados/as
a) Participar na xestión do colexio, o que inclúe o dereito de petición, suxestión ou queixa aos diversos órganos; dereito de voto e de acceso aos postos e cargos directivos e de responsabilidade. Todo isto seguindo os procedementos e requisitos que establezan os estatutos, así como outras normativas do CEESG e leis que amparan os colexios profesionais.
b) Ser defendido/a, asistido/a, asesorado/a ou representado/a, a petición propia, polo colexio en todas aquelas cuestións relacionadas co exercicio profesional e, en especial, nos casos de menoscabo, desconsideración, aldraxe ou descoñecemento en cuestións profesionais.
c) Facer uso dos servizos, medios e recursos que o colexio ten á disposición dos/das colexiados/as e nas condicións establecidas para o efecto.
d) Participar como elector e elixible nos procesos electorais que se dean no colexio.
e) Participar na vida colexial, ser informado/a e convocado/a en forma, así como intervir con voz e voto nas asembleas. Formar parte de comisións, grupos de traballo ou calquera outra forma que se estableza para o desenvolvemento da actividade do colexio.
f) Recibir a información, tanto de interese profesional, como de actividade do colexio en tempo e completa, polas canles que se establezan para isto.
g) Non ser limitado/a nin no exercicio, nin no dereito a exercer a profesión de educador/a social por normas ou actuacións do colexio, salvo as que veñan dadas por titulación, código deontolóxico ou cumprimento das normas estatutarias.

Artigo 18. Son deberes dos/das colexiados/as
a) Respectar e cumprir o disposto nos estatutos e calquera outra norma que se estableza para o bo funcionamento e desenvolvemento da actividade colexial.
b) Estar ao corrente no pagamento das cotas colexiais, así coma doutras achegas que poidan establecerse por prestación de servizos de mutualidade, previsión asistencial e outros análogos.
c) Ser ético/a e leal nas relacións co colexio, cos/coas demais colexiados/as, e non danando, por acción ou omisión, os dereitos dos demais, sexa isto na relación colexial ou na relación profesional.
d) O exercicio profesional debe estar sometido ao respecto dos dereitos das persoas, á ética profesional e deontolóxica, así como a unha praxe que teña como guía o servizo á comunidade e o interese social da intervención do/da educador/a social.
e) Cooperar e colaborar naqueles asuntos nos que se requira a súa participación debido á especialidade profesional que desempeña ou coñece.
f) Desempeñar con lealdade e dilixencia os cargos para os que fose elixido, ou aquelas tarefas que lle fosen encomendadas polos órganos de goberno do colexio.
g) Deber de comunicar o cambio de enderezo ou domicilio, para as relacións co colexio.

Artigo 19. Segredo profesional
Os/As colexiados/as teñen o deber e o dereito de segredo profesional no exercicio da profesión.

CAPÍTULO IV. EXERCICIO PROFESIONAL. PRINCIPIOS BÁSICOS

Artigo 20. Principios do exercicio profesional
No exercicio da actividade profesional, o/a educador/a social, ademais da observancia das leis, normativas legais e outras que lle sexan de aplicación, deberá manter como principios:
a) O compromiso dunha intervención socioeducativa esixente e respectuosa cos dereitos das persoas, así como cos seus valores sociais e culturais.
b) Discreción, responsabilidade e observancia do segredo profesional.
c) Diálogo e disposición á interacción, na procura dunha transformación pedagóxica da realidade dos individuos, do desenvolvemento da cidadanía e da construción dunha sociedade solidaria, participativa, cooperativa e plural.
d) En relación coa comunidade en xeral, debe seguirse como guía de actuación o servizo a esta: a observancia dos principios éticos e deontolóxicos da profesión, así como unha delimitación conceptual ética dos actos e procesos interventivos.

Artigo 21. A independencia profesional
Asunción responsable do dereito á independencia no criterio profesional, así como a súa esixencia cando este sexa anulado ou coartado por accións de terceiros. Cando a actividade profesional requira a emisión desta documentalmente (proxectos, programas, informes, outros), o/a educador/a social responsabilizarase do contido, da adecuación e da oportunidade do documento, validándoo coa súa sinatura. Non validará nin se responsabilizará dos informes, documentos e outros que sexan modificados ou corrixidos por terceiros, cando isto implica desvirtuar os contidos, adecuación e oportunidade inicial, e ademais conculca o principio de independencia no criterio profesional.

Artigo 22. A formación continua
A mellora constante na preparación e capacidade profesional mediante o compromiso persoal dunha formación continua tanto técnica como teórica.

Artigo 23. Da competencia
Evitar en todas as formas a propaganda enganosa, a competencia desleal e contraria á normativa vixente, sexa esta sobre competencia en mercados de bens e servizos ou, tamén, as directrices orientativas colexiais tanto no referido a esta materia, como en cuestións de honorarios profesionais.

Artigo 24. Da emisión de documentos
A emisión de certificados, cando isto sexa necesario, será en impresos que expedirá ou facilitará o colexio, sempre que o requiran as disposicións legais e normas colexiais. Tamén o colexio establecerá os canons pertinentes.

CAPÍTULO V. DA ORGANIZACIÓN E ÓRGANOS DE GOBERNO

Artigo 25. Dos órganos de organización e goberno
Os órganos básicos esenciais da organización e goberno son:
a) Xunta Xeral ou Asemblea.
b) Xunta de Goberno.
b1) Plenario da Xunta de Goberno.
b2) Xunta Permanente.
c) A Presidencia

Artigo 26. Da Xunta Xeral
26.1. Integrada por todos/as os/as colexiados/as, é o órgano supremo de goberno do colexio e soberano na toma de decisións.
26.2. A Xunta Xeral poderá reunirse en Asemblea ou Xunta Xeral ordinaria, e en Asemblea ou Xunta Xeral extraordinaria.

Artigo 27. Das competencias da Xunta Xeral
27.1 .
a) Aprobar os estatutos do colexio.
b) Reformar os estatutos.
c) Elixir a Xunta de Goberno e a Presidencia.
d) O cambio na Xunta de Goberno e Presidencia mediante moción de censura, de acordo co disposto no artigo 28.
e) Aprobar os orzamentos xerais, a liquidación anual destes e as contas do colexio.
f) Aprobar a xestión da Xunta de Goberno e da Presidencia.
g) Establecer as cotas colexiais.
h) Aprobar as normas deontolóxicas colexiais.
i) Análise e toma de decisións en todos os asuntos e cuestións que sexan sometidos á súa competencia.
27.2 . Á Xunta Xeral renderanlle contas, se fosen requiridos para isto, a Xunta de Goberno, a Presidencia ou calquera outros órganos de goberno que existan.

Artigo 28. Da moción de censura
A moción de censura deberá ser proposta a trámite polo menos polo dez por cento dos/das colexiados/as ou trescentos deles, cando a porcentaxe anterior supere este número, mediante solicitude de convocatoria expresamente cursada para o dito fin con esta única orde do día. A súa aprobación requirirá o voto favorable dos 2/3 dos asistentes. A aprobación da moción de censura levará consigo a celebración, dentro do prazo máximo dun mes, da nova elección da Xunta de Goberno e Presidencia, permanecendo os anteriores en funcións ata a toma de posesión dos novos cargos electos.

Artigo 29. Xunta Xeral ordinaria
29.1 Reunirase, polo menos, unha vez ao ano, para aprobar (se procede) o balance, liquidación orzamentaria e memoria do exercicio anterior e aprobar os orzamentos e propostas de traballo do próximo exercicio.
29.2 A convocatoria da Xunta Xeral ordinaria farase cun período mínimo de quince días de antelación á súa celebración.

Artigo 30. Xunta Xeral extraordinaria
30.1. Reunirase con carácter extraordinario cando así o acorde a Xunta de Goberno.
30.2. Reunirase con carácter extraordinario cando así o solicite o dez por cento dos/das colexiados/as ou trescentos deles, cando a porcentaxe anterior supere este número.
30.3. A convocatoria de Xunta Xeral extraordinaria farase cun período mínimo de dez días de antelación á súa celebración.

Artigo 31. Da convocatoria e desenvolvemento das sesións da Xunta Xeral
a) A convocatoria da Asemblea ou Xunta Xeral correspóndelle á Presidencia da Xunta de Goberno.
b) A convocatoria farase a través de comunicación persoal e por escrito dirixida ao/á colexiado/a e nela figurará a orde do día completa. Naquelas cuestións que non figuren na orde do día e sobre as que xurda debate, a Presidencia ?valorando a importancia do asunto? poderá suspender o debate e, se é o caso, incluílo noutra Xunta Xeral. Pero en ningún caso poderá adoptarse ningunha decisión sobre aqueles puntos non incluidos na orde do día.
c) As sesións da Xunta Xeral estarán presididas e dirixidas polo presidente, acompañado dos demais membros da Xunta de Goberno.
d) Actúa como Secretaría da Asemblea a Secretaría da Xunta de Goberno, que levantará acta da reunión.
e) A Asemblea será válida, en primeira convocatoria, cando estean presentes a metade máis un dos/das colexiados/as. E, en segunda convocatoria (media hora máis tarde), calquera que sexa o número de asistentes.
f) Nun principio as votacións serán a man alzada, salvo petición en contra das 2/3 partes.
g) Os acordos tomaranse por maioría simple dos presentes, excepto nos casos seguintes: a aprobación dos estatutos, a reforma dos estatutos, o código deontolóxico e a moción de censura, nos que se precisará unha maioría de 2/3 dos asistentes.

Artigo 32. A Xunta de Goberno estará composta polos seguintes cargos:
a) a Presidencia.
b) a Vicepresidencia.
c) a Secretaría.
d) a Tesourería.
e) entre 5 e 15 vocais.
A Xunta de Goberno quedará validamente constituída, en primeira convocatoria, cando estean presentes a Presidencia, ou a Vicepresidencia, nos casos que corresponda, de acordo co disposto nestes estatutos, e a metade máis un dos seus membros; e, en segunda convocatoria, cando estean presentes, a Presidencia, ou a Vicepresidencia, nos casos que corresponda de acordo co disposto nestes estatutos, e un mínimo de tres membros da Xunta de Goberno. Os acordos tomaranse por maioría simple dos presentes

Artigo 33. Da Xunta Permanente
33.1. A Xunta de Goberno poderá funcionar como Xunta Permanente, que estará constituída por membros pertencentes á Xunta de Goberno. Os seus integrantes serán, como mínimo, os que seguen:
a) a Presidencia, que será tamén a da Xunta Permanente.
b) a Vicepresidencia, que será tamén a da Xunta Permanente.
c) a Secretaría, que será tamén a da Xunta Permanente.
d) a Tesoureíra, que será tamén a da Xunta Permanente.
33.2. Nos casos nos que sexa preciso convocaranse a aqueles representantes das seccións profesionais, grupos de traballo ou delegacións relacionados coa orde do día.

Artigo 34. Reunións da Xunta de Goberno e da Xunta Permanente
a) A Xunta de Goberno reunirase obrigatoriamente, como mínimo, unha vez cada tres meses, por convocatoria da Presidencia, ou da metade dos seus membros.
b) A Xunta Permanente reunirase, como mínimo, cada dous meses, por convocatoria da Presidencia, ou da metade dos seus membros.

Artigo 35. Funcións e competencias da Xunta de Goberno
Correspóndelle á Xunta de Goberno:
a) A dirección e administración do colexio e os bens deste.
b) Executar os acordos da Asamblea Xeral.
c) Elaborar os presupostos anuais.
d) Crear as comisións e os grupos de traballo necesarios.
e) Convocar e fixar as xuntas xerais, así como a orde do día destas, e tamén os procesos electorais.
f) Designar os representantes do colexio ante organismos, entidades, institucións cando se considere oportuno e necesario.
g) Aprobar as normas xerais de funcionamento administrativo.
h) Todas aquelas funcións e actividades que non sexan da Asemblea Xeral, pero que son necesarias e inherentes ao funcionamento e actividade do colexio.

Artigo 36. Competencia da Xunta Permanente
a) Proporlles á Presidencia ou á Xunta de Goberno o nomeamento de comisións e membros integrantes, así como outros cargos de designación.
b) Analizar e proporlle á Xunta de Goberno as resolucións que resolven diverxencias entre profesionais colexiados/as.
c) Autorizar as colexiacións.
d) Propor a apertura de expedientes disciplinarios e nomeamento do xuíz instrutor.
e) Seleccionar e contratar, de acordo cos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, ao persoal do colexio.
f) Realizar aquelas actividades inherentes ao desenvolvemento cotián.

Artigo 37. A Presidencia
Correspóndelle á Presidencia
a) Encargarse da representación legal do colexio en todas as relacións cos poderes públicos, entidades, corporacións e persoas xurídicas ou naturais de calquera orde, sempre que se trate de materias de carácter xeral para o colexio e a profesión. Exercer as accións que correspondan en defensa dos dereitos dos/das colexiados/as. Autorizar os informes e comunicacións que teñan que cursarse, e executar ou facer que se executen os acordos da Asemblea Xeral, da Xunta de Goberno ou da Xunta Permanente.
b) Convocar, presidir e levantar as sesións da Asemblea Xeral, da Xunta de Goberno e da Xunta Permanente; conceder o uso da palabra, manter a orde e decidir, en caso de empate nas votacións, co seu voto de calidade. Autorizar as actas e certificados que procedan; presidir persoalmente ou por delegación súa, as xuntas, reunións ou sesións, así como as comisións que se designen.
c) Expedir, autorizar os movementos, a apertura de contas nas diversas entidades financeiras a nome do colexio, ou validalas cando se expidan pola Tesourería.
d) Nomear os membros das comisións, relatorios e grupos de traballo que considere necesarios para o mellor desenvolvemento da actividade colexial, e o estudo e resolución dos asuntos e intereses que lle competan ao colexio.
e) A Presidencia só poderá ser reelixida, como máximo, en dúas ocasións.

Artigo 38. Da Vicepresidencia
A Vicepresidencia correspóndelle a quen o sexa por elección da candidatura electoral, e terá as funcións que lle confira a Presidencia, asumindo as desta nos casos de ausencia, enfermidade, abstención ou recusación. Vacante a Presidencia, a Vicepresidencia, logo de ratificación da Xunta de Goberno, ocupará a Presidencia ata a terminación do mandato.

Artigo 39. Da Secretaría
a) Redactar e dirixir os oficios de citación para todos os actos do colexio, segundo as ordes da Presidencia en tempo e forma.
b) Redactar as actas das xuntas xerais, das xuntas de goberno, da Xunta Permanente, asinándoas coa Presidencia.
c) Levar os libros que se precisen.
d) Recibir e darlle conta á Presidencia de todas as solicitudes e comunicacións que se remitan ao colexio.
e) Asinar coa Presidencia o documento acreditativo de incorporación ao colexio.
f) Expedir as certificacións que sexan solicitadas polos/as colexiados/as.
g) Redactar a memoria anual para a Xunta Xeral.
h) Asumir a dirección dos servizos administrativos e de persoal do colexio de acordo con estes estatutos e outras normativas de réxime interno.

Artigo 40. Da Tesourería
Responsabilizarase da contabilidade do colexio, asinará os cheques e talóns das contas correntes bancarias coa Presidencia ou coa súa autorización.
Anualmente presentará o estado de contas, os presupostos, etc. que someterá á aprobación da Xunta de Goberno e da Asemblea Xeral.

Artigo 41. Das/os vogais
a) Correspóndenlles aos vocais aquelas funcións que lle encomende a Xunta de Goberno, ademais das que sexan propias das súas funcións como responsables dalgunha sección específica ou comisión.

CAPÍTULO VI. DA PARTICIPACIÓN DOS/DAS COLEXIADOS/AS NOS ÓRGANOS DE GOBERNO E DO RÉXIME ELECTORAL

Artigo 42. Eleccións da Xunta de Goberno
42.1.
a) A Xunta de Goberno será elixida por períodos de catro anos, e por sufraxio universal, libre, directo e segredo.
b) Será a Xunta de Goberno saínte a que convocará as eleccións en tempo e forma.
c) As candidaturas serán en listas pechadas e nelas figurarán os candidatos á Presidencia, á Vicepresidencia, ademais dos vocais.
d) Na elección participarán os/as colexiados/as que estean en pleno uso dos seus dereitos o día anterior á convocatoria oficial das eleccións.
42.2. Todos os colexiados que están en pleno uso dos seus dereitos o día anterior á convocatoria oficial das eleccións teñen dereito a actuar como electores na designación dos membros da Xunta de Goberno e a ser elixibles, excepto para poder optar aos cargos de Presidencia e de Tesourería, casos nos que será esixido, como mínimo, un ano de colexiación.

Artigo 43. Convocatoria de eleccións
43.1. Cada catro anos, a Xunta de Goberno convocará eleccións ordinarias para cubrir todos os cargos da Xunta de Goberno sen prexuízo do que dispón o artigo 50.
43.2. A convocatoria de eleccións farase cun mínimo de 75 días naturais de antelación á data da súa realización, fixarase o censo electoral de electores válidos e especificarase o calendario electoral e o procedemento de votación, escrutinio e proclamación, así como os recursos que procedan.

Artigo 44. Candidaturas electorais
44.1. As candidaturas serán completas, e constarán dunha lista cos nomes dos candidatos, especificando aqueles que opten á Presidencia, Vicepresidencia, Secretaría, Tesourería, e dun mínimo de 5 e un máximo de 15 vocais propostos. Presentaranse durante o mes posterior á convocatoria a través dun escrito dirixido á Xunta de Goberno. Os vocais deberán reflectir a pluralidade das seccións profesionais que formen o colexio.
44.2. A Xunta de Goberno proclamará as candidaturas validamente presentadas ata vinte e cinco días antes das eleccións, mediante unha comunicación pública e unha persoal a todos/as os/as colexiados/as. A Xunta de Goberno facilitará, de acordo cos medios de que dispoña o colexio, a propaganda dos candidatos en condicións de igualdade.
44.3. Contra a proclamación de candidatos, calquera colexiado/a poderá presentar unha reclamación diante da Xunta de Goberno, no prazo de tres días dende a presentación oficial, a cal será resolta noutros tres días pola Xunta Permanente.
44.4. No caso que só haxa unha candidatura, esta será sometida a votación o día e hora fixados. Nela estableceranse as opcións de voto favorable, desfavorable ou en branco. De ser os votos negativos maiores cos positivos, volverase abrir o prazo de presentación de candidaturas e, transcorrido este, se non existisen máis candidaturas, a candidatura primeira será proclamada.

Artigo 45. Mesa electoral
A mesa electoral estará constituída por un/unha presidente/a, dous vocais e un/unha secretario/a, designados por sorteo entre os electores. No caso de consideralo conveniente, a mesa electoral proporalle á Xunta Permanente designar máis dunha sede ou que esta sexa itinerante. Non poderán formar parte da mesa electoral as persoas que sexan candidatas. Cada candidatura poderá designar un interventor.

Artigo 46. Sistema de votación
a) Os/As colexiados/as exercerán o seu dereito a voto nas papeletas oficiais emitidas polo colexio. No momento de votar identificaranse diante dos membros da mesa co carné de colexiado/a ou con calquera outro documento oficial e depositarán o seu voto nunha urna precintada. A Secretaría da mesa anotará nunha lista o nome dos/das colexiados/as que depositan o seu voto.
b) Os/As colexiados/as poderán votar por correo ordinario de acordo coa normativa vixente, sempre que sexa posible.

Artigo 47. Reconto e acta das votacións
47.1. Unha vez rematada a votación, a mesa comprobará que os votos enviados por correo ata o día da votación corresponden a colexiados/as que non o exercesen persoalmente. Deseguido abriranse os sobres, introduciranse as papeletas na urna e farase o escrutinio, o cal será público.
47.2. O secretario da mesa levantará acta da votación e das súas incidencias, esta será asinada por todos os membros da mesa e polos interventores, se os houbese, os cales terán dereito a facer constar as súas queixas, o que se lle comunicará á Xunta de Goberno.

Artigo 48. Sistema de escrutinio e proclamación da candidatura gañadora
48.1. Asignarase un voto a cada candidatura por cada unha das papeletas válidas introducidas na urna. 48.2. Consideraranse nulas as papeletas non oficiais, as rachadas, rotas, emendadas, escritas, etc.
48.3. A candidatura que obteña un maior número de votos será proclamada gañadora, sen prexuízo do que establece o artigo 49 destes estatutos.

Artigo 49. Resolución de reclamacións e notificación á Xunta de Galicia
49.1. A Xunta de Goberno, no prazo de setenta e dúas horas, resolverá con carácter definitivo todas as reclamacións dos interventores e outras incidencias recollidas na acta da mesa electoral e proclamará os candidatos elixidos.
49.2. A composición da nova Xunta de Goberno elixida seralle comunicada ao Departamento de Xustiza da Xunta de Galicia, ou a aquel departamento que teña competencias na materia, e a todos/as os /as colexiados/as.
49.3. A nova Xunta de Goberno tomará posesión no prazo máximo dun mes dende a proclamación.

Artigo 50. Vacantes
50.1. As vacantes que se produzan na Xunta de Goberno serán provistas a proposta do Presidente mediante acordo desta que requirirá aprobación por maioría simple dos presentes.
50.2. En caso de vacante de máis da metade dos membros da Xunta de Goberno ou da Presidencia e a Vicepresidencia conxuntamente, convocarase Xunta Xeral extraordinaria para abrir un proceso electoral para todos os membros da Xunta de Goberno.
50.3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo primeiro, producida a vacante do presidente, este será substituído polo vicepresidente e, producidas as vacantes nas vocalías e sempre que non implique rebaixa do número mínimo destas, a propia Xunta de Goberno acordará se son provistas ou se cubrirán nas seguintes eleccións ordinarias que se efectúan cada catro anos.

Artigo 51. Recursos
Contra as resolucións da Xunta de Goberno en materia electoral, calquera colexiado/a poderá utilizar o sistema de recursos establecido no artigo 73 destes estatutos.

CAPÍTULO VII. DO RÉXIME ECONÓMICO E ADMINISTRATIVO

Artigo 52.Capacidade xurídica
O colexio ten plena capacidade xurídica para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 53. Recursos económicos
53.1. O colexio contará con recursos económicos ordinarios e extraordinarios.
53.2. Son recursos económicos ordinarios do colexio:
a) As cotas de incorporación dos/das colexiados/as.
b) As cotas ordinarias dos/das colexiados/as.
c) As cotas extraordinarias que aprobe a Asemblea Xeral.
d) Os ingresos procedentes de publicacións, impresos, servizos, certificados, arbitraxes, dictames ou informes, e outras cantidades que se xeren como consecuencia do funcionamento dos seus servizos.
e) Os rendementos dos propios bens ou dereitos.
53.3. Son recursos económicos extraordinarios:
a) As subvencións ou doazóns de procedencia pública ou privada.
b) Os bens que a título hereditario ou por calquera outra causa se incorporen ao patrimonio do colexio.
c) Calquera outro que fose legalmente posible de similares características.

Artigo 54. Patrimonio
O patrimonio do colexio é único.

Artigo 55. Presuposto
O presuposto elaborarase con carácter anual, por anos naturais, de acordo cos principios de eficacia e economía, e incluirá a totalidade dos ingresos e gastos colexiais. Da mesma maneira, realizarase cada ano o balance do exercicio.

Artigo 56. Cotas colexiais
A Asemblea Xeral do Colexio, a proposta da Xunta de Goberno, fixará a contía das cotas de incorporación, as cotas periódicas ordinarias, así como a contía e a forma de aboamento das cotas extraordinarias que eventualmente se requiran para atender as necesidades do colexio.

Artigo 57. Das auditorías
A corrección de contas e realidade dos gastos e ingresos do colexio deberá ser auditada ao se producir a renovación ordinaria total ou parcial dos membros da Xunta de Goberno.

Artigo 58. Disolución do colexio e réxime de liquidación
58.1. A disolución do colexio poderá efectuarse logo de acordo da Xunta Xeral extraordinaria convocada especialmente para este obxecto nos seguintes supostos:
a) Cando a profesión perda, de acordo coa lei ou norma que a regule, a súa condición de colexiable.
b) Por cesación dos seus fins.
c) Por falta de colexiados que non permita cubrir os postos previstos da Xunta de Goberno sen duplicar ou simultanear os cargos.
58.2. O acordo de disolución seralle comunicado á consellería competente en materia de colexios profesionais.
58.3. En caso de disolución do colexio, a Xunta de Goberno actuará como comisión liquidadora. O destino dos bens sobrantes, unha vez liquidadas as obrigas pendentes, será outra asociación profesional ou unha entidade de carácter non lucrativo, a proposta da Xunta de Goberno e logo da aprobación pola Xunta Xeral.

CAPÍTULO VIII. DA ORGANIZACIÓN TERRITORIAL

Artigo 59. Constitución das delegacións territoriais
Por acordo da Xunta de Goberno, poderanse constituír as delegacións territoriais que sexan adecuadas dentro do ámbito territorial do CEESG, e serán aprobadas pola seguinte Asemblea Xeral.

CAPÍTULO IX. DAS SECCIÓNS PROFESIONAIS

Artigo 60. Creación das seccións profesionais
60.1. Coa intención de achegarse ás realidades da profesión do/da educador/a e dar resposta as súas peculiaridades, poderanse crear no CEESG seccións profesionais.
60.2. Estas seccións serán de adscrición voluntaria e agruparan dentro do CEESG aos/ás colexiados/as que exerzan, ou estean interesados en exercer, a súa práctica dentro dunha mesma especialidade da educación social.

CAPÍTULO X. DAS COMISIÓNS DE TRABALLO

Artigo 61. Creación de comisións de traballo
61.1. Correspóndelle á Xunta de Goberno crear as comisións de traballo que se consideren convenientes.
61.2. As comisións de traballo serán coordinadas por un vocal da Xunta de Goberno.
61.3. Os obxectivos e o regulamento de funcionamento serán aprobados pola Xunta de Goberno.

CAPÍTULO XI. DO RÉXIME DISCIPLINARIO

Artigo 62. Principios xerais
62.1. Con independencia da responsabilidade civil ou penal en que poidan incorrer, os/as colexiados/as quedan suxeitos á responsabilidade disciplinaria nos termos destes estatutos e das normas legais aplicables.
62.2. As sancións disciplinarias corporativas faranse constar sempre no expediente persoal do/da colexiado/a obxecto de sanción.
62.3. O colexio ten capacidade disciplinaria en relación cos/coas colexiados/as, polas accións ou omisións que vaian en contra dos estatutos, do código deontolóxico, dos dereitos e deberes dos/das colexiados/as e dos principios básicos do exercicio profesional.

Artigo 63. Procedemento disciplinario
63.1. Correspóndelle á Xunta de Goberno exercer a acción disciplinaria. Se a acción disciplinaria se exercita contra algún membro da Xunta de Goberno, en tanto non estea constituído o Consejo General de Colegios de Educadoras y Educadores Sociales, o afectado non poderá tomar parte nas deliberacións e nas votacións que o afecten.
63.2. As sancións sempre terán que ser acordadas pola Xunta de Goberno, coa incoación previa dun expediente. O procedemento iniciarase de oficio como consecuencia dunha denuncia, dunha comunicación ou dunha sentencia xudicial firme de inhabilitación para o exercicio profesional. Non se considerarán denuncias os escritos e as comunicacións anónimas.
63.3. Con carácter previo á incoación dun expediente disciplinario, poderase acordar a instrución de dilixencias preliminares de carácter reservado para protexer a intimidade do afectado.
63.4. Para a tramitación do expediente e para a elaboración da proposta de resolución, a Xunta de Goberno nomeará directamente un instrutor, e de consideralo preciso un secretario. No expediente que se instrúa concederáselle ao afectado o trámite de audiencia, a posibilidade de achegar probas e defenderse, sexa por si mesmo ou mediante un representante ou avogado. Ultimado o expediente o instrutor, xunto coa proposta de sanción, elevarao á Xunta de Goberno para a súa resolución e acordo.
63.5. A resolución final do expediente teralle que ser sempre motivada e notificada ao interesado e contra ela poderán interpoñerse os recursos previstos no artigo 73 destes estatutos.
63.6. A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común aplicarase de forma supletoria.

Artigo 64. Clasificación de faltas
As faltas clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 65. Faltas leves
Son faltas leves:
a) As ofensas leves aos compañeiros.
b) A desatención aos requirimentos de informes e outros documentos que realice o colexio.
c) Os actos enumerados como faltas graves se non teñen entidade suficiente para ser considerados como tales.

Artigo 66. Faltas graves
Son faltas graves:
a) A infracción das normas deontolóxicas establecidas con carácter xeral.
b) As ofensas graves aos compañeiros.
c) Os actos e as omisións que atenten contra a moral, a dignidade ou o prestixio da profesión.
d) A infracción grave do segredo profesional, con prexuízo a un terceiro.
e) A emisión de informes ou a expedición de certificados falsos.
f) Os actos que comporten competencia desleal cos compañeiros.
g) O incumprimento grave das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polos órganos colexiais, sempre que non constitúan unha falta de entidade superior.
h) Calquera conduta constitutiva de delito culposo ou de falta penal, en materia profesional.
i) Os actos enumerados como faltas moi graves se non teñen entidade suficiente para ser considerados como tales.
j) A acumulación, no período dun ano, de tres ou máis sancións por falta leve.

Artigo 67. Faltas moi graves
Son faltas moi graves :
a) Calquera conduta constitutiva de delito doloso, en materia profesional.
b) O atentado contra a dignidade das persoas e contra os seus dereitos e liberdades fundamentais, con ocasión do exercicio profesional.
c) O fomento do intrusismo profesional.
d) A comisión de infraccións que, polo seu número ou gravidade, resulten incompatibles co exercicio profesional.
e) A realización de actividades e a constitución ou pertencer a entidades que teñan como finalidade ou realicen funciones propias do CEESG.
f) Os incumprimentos graves do estatuto profesional e do código deontolóxico.
g) A reiteración ou a reincidencia de tres faltas graves durante o ano seguinte á súa comisión.

Artigo 68. Imposición de sancións
As sancións que poderán impoñerse son:
68.1. Por faltas leves:
a) Amoestación escrita.
68.2. Por faltas graves:
a) Amoestación por escrito con advertencia de suspensión.
b) Suspensión para o exercicio de cargos colexiais por un prazo non superior a cinco anos.
c) Suspensión do exercicio da profesión por un prazo non superior a tres meses.
68.3. Por faltas moi graves:
a) Inhabilitación para o exercicio de cargos colexiais por un prazo superior a cinco anos.
b) Suspensión do exercicio da profesión por un prazo de tres meses a dous anos.
c) Expulsión do CEESG.

Artigo 69. Adopción de sancións por faltas moi graves
69.1. O acordo de suspensión do exercicio profesional ou de expulsión do CEESG haberá de ser tomado pola Xunta de Goberno, mediante votación segreda e co voto favorable das dúas terceiras partes dos seus membros.
69.2. A inasistencia, sen causa xustificada, dalgún membro a esta sesión comportará o seu cesamento como membro da Xunta de Goberno.

Artigo 70. Prescrición de faltas e sancións
70.1. As faltas determinantes de sanción disciplinaria prescribirán, se son leves, aos tres meses; se son graves, aos dous anos e, se son moi graves, aos catro anos despois de se cometeren.
70.2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse dende o día en que a infracción se cometese. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador, e reiniciarase o prazo de prescrición se o expediente sancionador estivese paralizado máis dun mes por causa non imputable ao presunto responsable.
70.3. En caso de existir unha causa penal pendente sobre os mesmos feitos quedará en suspenso a tramitación do expediente e non correrá o prazo de prescrición.
70.4. Se non recaese resolución transcorridos seis meses dende a iniciación, tendo en conta as posibles interrupcións do seu cómputo por causas imputables aos interesados ou pola suspensión do procedemento a que se refire o número anterior, producirase a caducidade do procedemento e procederase ao arquivo das actuacións por solicitude de calquera interesado ou de oficio polo propio órgano competente para ditar resolución.
70.5. As sancións prescribirán nos mesmos prazos que as faltas, contados dende a data en que fora firme o acordo que as impoñía.

Artigo 71. Rehabilitación dos sancionados
71.1. Os sancionados poderán pedir ser rehabilitados, coa conseguinte cancelación da anotación do seu expediente persoal nos seguintes prazos, que se contará dende o cumprimento da sanción:
a) Seis meses, se a falta é leve.
b) Dous anos, se é grave.
c) Tres anos se é moi grave.
71.2. A rehabilitación pediráselle á Xunta de Goberno, que a resolverá.

CAPÍTULO XII. VALIDEZ DOS ACTOS DOS ÓRGANOS COLEXIAIS

Artigo 72. Validez dos actos dos órganos colexiais
Todos os actos dos órganos colexiais se atopan sometidos, en canto a requisitos, validez e efectos, aos principios informadores da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou á lexislación vixente.

Artigo 73. Recursos contra os actos dos órganos colexiais
73.1. Contra os actos emanados dos órganos do colexio poderá interpoñerse recurso de alzada ante o Consejo General de Colegios de Educadoras y Educadores Sociales, no caso de que se constituíse e se formase parte deste, no prazo dun mes, con suxeición ao establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
73.2. No suposto de actos e resolucións ditadas no exercicio de competencias administrativas delegadas, estarase aos termos da propia delegación en canto ao órgano competente para coñecer, no seu caso, o recurso correspondente.
73.3. Os actos administrativos que poñan fin á vía administrativa poderán ser recorridos potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que os ditase ou ser impugnados directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que non sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 74. Réxime xurídico
En todo o non previsto nos presentes estatutos estarase ao disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais normas que a desenvolvan ou substitúan.