O Ceesg é unha corporación de dereito público constituída pola Lei 1/2001 do Parlamento de Galicia, e concibida como unha organización con capacidade para representar e velar polos intereses das educadoras e educadores sociais de Galicia, así como ordear o exercicio da profesión de cara a desenvolver accións socioeducativas de calidade que teñen con fin último promover o benestar das persoas, grupos e comunidades destinatarias e protagonistas das mesmas.
Neste sentido, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia está ao servizo da sociedade galega no seu conxunto, e moi especialmente dos colectivos cos que traballamos as educadoras e os educadores sociais.
O Ceesg ten como obxectivo ordear o exercicio profesional, definir e regular as diferentes especialidades profesionais e establecer as correspondentes normas orientadoras. Así mesmo, ten que representar os intereses xerais da profesión, especialmente a través do establecemento de relacións estables coas diferentes administracións e entidades privadas do ámbito do social. Tamén vela pola ética profesional das educadoras e dos educadores sociais, así como polo respecto dos dereitos da cidadanía.
Así mesmo, é tarefa do Colexio organizar actividades e servizos comúns de carácter profesional, científico, cultural, de previsión e análogas, así como mellorar e impulsar o desenvolvemento dos diferentes ámbitos profesionais, intervindo na mellora da formación, en colaboración coas universidades de Galicia, a través da promoción de actividades formativas e de divulgación profesional.
O Ceesg pertence ao Consello Xeral de Colexios de Educadoras e Educadores Sociais a través do cal colabora coa Educación Social en todo o Estado Español e tamén a nivel internacional.
R/ Lisboa 20, Baixo C, 15707 Santiago | Telf: 981 552206 | Fax: 981 938274
Política de protección de datos | Contacto | RSS