Área privada

II Seminario do Proxecto Symbios

Mércores, 11 Xuño de 2014 | Tags: formación

O Proxecto Symbios é un proxecto transnacional impulsado pola Subdirección Xeral de Inclusión, Inmigración e Acción Social, dependente da Dirección Xeral de Familia e Inclusión da Consellería de Traballo e Benestar.

É unha oportunidade de encontro, intercambio e aprendizaxe sobre os desafíos do cambio demográfico e as súas consecuencias no benestar e na inclusión social das persoas e dos territorios, especialmente das áreas rurais.

O proxecto confórmano un conxunto de rexións e territorios europeos afectados pola crise demográfica e a exclusión territorial: Galicia, Norte de Portugal, Castela, Carelia do Norte (Finlandia), Cork (Irlanda) e Limburg (Holanda).

O vindeiro 19 de xuño realizarase un Seminario do Proxecto, que abordará “A inclusión socio-territorial. Análise de experiencias a prol duns territorios inclusivos, intelixentes e sustentables”. Este seminario deséñase coma un espazo de reflexión desde as prácticas concretas que se están xa a levar adiante, co obxecto de identificar as claves do impacto positivo desas experiencias.

O seminario articúlase como un espazo de participación activa de persoas que representen diversas iniciativas en curso, empregando para iso metodoloxías de traballo en grupo que garantan a reflexión, a síntese, o avance, a creatividade, e o afondar nos temas e no seu carácter práctico. Óptase, logo, por un enfoque abaixo-arriba, no que o protagonismo estará nas experiencias concretas.

Algunha das iniciativas identificadas no proxecto lévanse adiante cunha relevante contribución de educadoras ou educadores sociais, e achega que poidamos facer e a nosa participación neste seminario, sería de grande interese para as dinámicas de debate e o logro  dos obxectivos, achegando reflexións e opinións baseadas na experiencia sobre o terreo. Nesta web poden verse as iniciativas: http://www.proxectosymbios.eu/gl/iniciativas

Por iso, animamos ás persoas que traballen no ámbito rural, ou que teñan especial interese no tema, a participar no seminario, que terá lugar o vindeiro 19 de xuño de 2014 a partir das 9:00 horas (e ata as 17:30 h), en Santiago de Compostela na sede do Museo do Pobo Galego.

Se che interesa participar, ponte en contacto co colexio por email o antes posible, para formalizar a túa inscrición. Os datos que tes que indicarnos son: Nome, Apelidos, DNI, Idade, Sexo, Organización ou experiencia, Teléfono de contacto, e Correo electrónico.

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade