Área privada

Campaña: SOS Dereitos das persoas migrantes en grave perigo!

Martes, 25 Marzo de 2014 | Tags: migracións , actualidade


 

1.- Nun Contexto Aterrador.

A Suposta Crise Económica que estamos a sufrir dende hai anos provocada polos grandes poderes do Capitalismo financieiro internacional. Suposta, porque parece máis que unha crise,  a consecuencia dun reparto de beneficios deses grupos financieiros dominantes a costa do esforzo e do traballo das clases traballadoras e mesmo das clases medias dos países enriquecidos do Planeta, está a servir de desculpa para que os gobernos centrais e autónomicos estean a por en marcha unhas políticas, en principio de fortísimos recurtes sociais, que rematan por converterse en limitación ou eliminación de dereitos socioeconómicos  e mesmo cidadás e  políticos básicos.

Así temos que interpretar, sen dúbida, o cambio do modelo sanitario acompañado dun claro proceso de privatización da sanidade pública; o cambio do modelo educativo coa mesma liña privatizadora e ideolóxicamente reaccionaria; ou tamén o cambio de modelo dos servizos de benestar social, pasando dos dereitos ao mero asistencialismo, e cun importantísimo recurtes de recursos para estes servizos básicos para @s cidad@s. Tamén sufrimos outro transcedente cambio no noso mercado laboral, coas diferentes reformas laborais, que  nos deixan ás persoas traballadoras en máns da clase empresarial, e retrotrae corenta anos atrás aos nosos dereitos laborais.

Eses cambios van supoñer limitacións e eliminacións de dereitos  tan importantes como  que persoas con poucos ou mesmo medianos recursos non poidan estudiar de feito na universidade; que outr@s non poidan acceder, e non só persoas migrantes, a unha atención sanitaria normalizada; ou que a eliminación dos programas de integración social transforme o benestar social  só en cociñas económicas ou albergues para transeúntes. Tamén que  as persoas que poidan acceder a un posto de traballo, terán que aceptar condicións que supoñen a eliminación de dereitos laborais que esixiron para o seu recoñecemento  moitos anos de loita obreira.

Por último, esta eliminación de dereitos que críamos consolidados de forma definitiva, pretende, nun terrible xiro antidemocrático, impedir a resposta cidadá na rúa ou limitar de forma escandalosa os dereitos das mulleres sobre o seu propio corpo.

2.- Nese Contexto: os dereitos das persoas migrantes.

Antes da mentira da Crise e dos gobernos reaccionarios en Madrid e Compostela,  as persoas migrantes residentes no Estado Español sufrían xa unha lexislación, as “chamadas” leis de estranxeiría e  os seus regulamentos de aplicación, racista e que impedía exercer moitos dereitos fundamentais, entre eles o dereito á participación democrática. Xa era suficientemente aterradora esta Lexislación, polo que Rajoy e os seus ministros non tiveron  que cambiala como as outras.

Nembargantes, e sen esquecer que as agresións que estamos a sufrir afectan ao conxunto da cidadanía, queremos visibilizar neste Documento e nesta Campaña as agresións silenciosas e silenciadas que está a sufrir o colectivo de persoas migrantes, especialmente as que se atopan en situación de irregularidade administrativa, neste momento no Conxunto do Estado e na Galiza.

Salientamos así:

  1. A exclusión sanitaria das persoas migrantes en situación de irregularidade administrativa, que probablemente sexa a maior e a máis cobarde das eliminacións de dereitos básicos constitucionais e humanos que se teñen producido no Estado Español nestes últimos anos. Un “parche” de beneficencia posto en marcha pola Xunta de Galicia, a través do PGPSP, non limita   a gravidade deste feito.
  2. A multiplicación das redadas racistas denunciadas por moitos colectivos e asociacións en diferentes zonas do Estado Español. Denunciadas e recoñecidas, tamén polos propios sindicatos policiais. Esas redadas, teñen na Galiza a forma de identificacións selectivas en lugares públicos como estacións de bus ou tren, centros de saúde, prazas pública, zonas de lecer, etc. Teñen tamén a forma da persecución que as brigadas de estranxeiría realizan con persoas que tentando tramitar a documentación necesaria para regularizar a súa situación, se atopan con visitas policiais nos seus domicilios, que son o primeiro paso para a súa posterior expulsión de territorio español. Perseguíndo así, como se foran perigosas delincuentes,  ás mulleres que coidan das nosas persoas maiores ou dependentes, por exemplo.
  3. A situación dos CIEs, tamén denunciada hai tempo, segue a ser tremenda. Éstes pequenos “Guantanamos”, onde se hacinan persoas que o único delicto que cometeron foi atoparse nunha situación de irregularidade administrativa, inevitable porque a lexislación non lles permite regularizarse. Espazos que carecen dunha normativa de funcionamento e nos que se transgreden de forma sistemática dereitos humanos. Nós últimos meses coñecemos varios casos de falecementos en situación estranas de persoas nestes Centros, tamén a sorprendente intervención da policía antidisturbios no CIE de Barcelona a pasada noite de fin de ano. Unha vergoña que non deberíamos tolerar durante máis tempo.
  4. Outros episodios concretos na Galiza que vimos denunciando nos últimos meses serían por exemplo, a persecución do colectivo de vendedores ambulantes formado por nixerianos ou senegaleses na Coruña ou en Lugo; a aprobación nesa  primeira cidade dunha nova Taxa por decomiso de mercadoría orientada a perseguir na práctica a estas persoas tentando “roubarlles” o seu único medio de vida . Outro exemplo sería a desafortunada intervención da Policia Local en concellos da zona do Barbanza na persecución deste colectivo, extralímitandose claramente nas súas funcións, ocorrido no pasado Nadal.
  5. Resulta moi preocupante tamén o aumento dos casos de explotación laboral do colectivo de traballador@s migrantes, de forma concreta no ámbito do emprego doméstico. Estas realidades increméntanse polas dificultades que moitas persoas migrantes teñen para renovar as súas autorizacións de residencia, pola nula flexibilidade amosada pola Administración nesta cuestión. Isto  regresa a  situacións de irregularidade administrativa e de exclusión por tanto, a persoas e familias  que podían levar varios anos residindo e traballando aquí de forma regular.
  6. Por último, salientamos os recurtes de orzamentos nos servizos sociais e a desaparición práctica dos programas e recursos adicados polas administración públicas galegas e estatais ao colectivo de persoas migrantes. De forma complementaria o escandaloso tixeirazo do 70% dos orzamentos adicados pola Xunta de Galiza á chamada “cooperación internacional”, con cifras similares a nivel estatal ou no ámbito das administracións locais.
  7. “Os tráxicos acontecementos que están a suceder nas últimas semanas nas Fronteiras españolas de Ceuta e Melilla confirman as denuncias que se viñan realizando de prácticas violentas, posiblemente  delictivas, e en todo caso  irregulares por parte da Policia e da Garda Cívil no “control” desas fronteiras.  Engadimos a iso, o intolerable  anuncio do Goberno Central de realizar cambios lexislativos que regularicen  ese tipo de prácticas (nomeadamente a expulsión inmediata sin garantías legais dos detidos xa no interior do territorio español) e actuacións, que van en contra dos máis elementais principios democrático e dos dereitos humanos. Non o podemos permitir.”

3.- Por todo iso: ¡SOS DEREITOS DAS PERSOAS MIGRANTES EN GRAVE PERIGO!

A presente Campaña, que se estenderá ata o mes de xuño de 2014 , pretende buscar o apoio formal de colectivos, asociacións, entidades, sindicatos e grupos políticos na defensa dos dereitos das persoas migrantes e contra a persecución policial e administrativa á que se atopa sometido este colectivo na Galiza e no Estado Español.

  1. PARA APOIAR A PRESENTE CAMPAÑA, DIRIXIR A SÚA CONFORMIDADE EXPRESA AO MAIL (sosdereitosmigrantes@gmail.com). Difundiremos de forma pública estes apoios, para conformar unha grande fronte democrática, que  faga retroceder   a estas políticas racistas que sufrimos.
  2. PARA PARTICIPAR DE FORMA MÁIS ACTIVA E COMPROMETIDA, compromiso de participación nunha xuntanza  que celebraremos  o 29 de Marzo ás 11:00 h no Centro Social de Fontiñas (Rúa Berlín, no Polígono das Fontiñas) para presentar de forma  pública esta Campaña e os apoios que tería recibido  ata ese momento.
  3. PARTICIPACIÓN EXPRESA CUN REPRESENTANTE DA ASOCIACIÓN, ENTIDADE, COLECTIVO, etc que se adhira á  Campaña, nun Acto Público final de Campaña.


CONTACTOS DA CAMPAÑA:
Miguel Fernández  662 30 70 19
Rocio Rodriguez 600 87 64 80

 

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade