Área privada

2º Aniversario de Fiadeiras (2011-2013)

Martes, 17 Setembro de 2013 | Tags: igualdade , mulleres , Fiadeiras

Hai 162 anos, nacía, un día como hoxe, 16 de setembro, Emilia Pardo Bazán.

Seguindo a súa senda feminista, así como a de moitas outras, naceu, fai dous anos, o Grupo de Traballo en Igualdade Fiadeiras (dentro do Colexio de Educadoras e Educadores sociais de Galicia) coa ilusión de crear espazos para o encontro, reflexión e traballo profesional das educadoras e educadores sociais da nosa comunidade, encamiñados a romper os modelos sexistas, androcéntricos e paternalistas que seguen a frear, a día de hoxe, os avances cara unha sociedade democrática, xusta e feminista.

Para conmemorar estes dous anos de andaina feminista, temos preparado un encontro na Casa Museo Emilia Pardo Bazán de A Coruña onde presentaremos o documental “O liño, arte e cultura” e teremos unhas Conversas Feministas sobre os traballos do liño coas compañeiras da Asociación de Mulleres Rurais de Insua (Vilalba).

O evento terá lugar o vindeiro 3 de outubro de 2013 entre ás 17.00h e as 20.30h na Casa Museo Emilia Pardo Bazán, rúa das Tabernas nº 11 (tamén sede da Real Academia Galega), A Coruña.

Agardámoste para compartir e tecer redes que permitan mellorar o traballo en igualdade que hai séculos iniciaron outras compañeiras dende o feminismo. Queremos continuar a súa labor e non queremos facelo soas.

En compañía, a tarefa de cambiar o mundo parece máis posible e real. Grazas por compartir un ano máis con Fiadeiras.

Non esquezas confirmar a túa asistencia no seguinte enderezo electrónico: fiadeiras@ceesg.org

 

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade