A Marea Laranxa Estatal intensificará este outono as súas accións contra o desmantelamento da rede pública de servizos sociais. Así o acordou a II Asemblea, celebrada este sábado en Madrid. As Mareas Laranxas autonómicas e provinciais, as Plataformas da Dependencia e o resto de organizacións e persoas de toda España que forman a Marea Laranxa Estatal están a orquestrar varias accións conxuntas, de forma que as protestas se realicen, ao unísono, en toda España.
A Marea Laranxa Estatal está a ultimar as datas en que se celebrarán as protestas, que irán ligadas ao calendario do Congreso dos Deputados e responderán a todas aquelas actuacións e decisións políticas que atenten contra a rede pública de servizos sociais.
A Marea Laranxa Estatal nace como resposta global aos recortes presupostarios aplicados aos servizos sociais nos últimos anos. A estes fóronse sumando cambios lexislativos que deixaron en mínimos os dereitos sociais das familias. Un exemplo destes cambios normativos é a reforma que varias autonomías están a aplicar ás rendas mínimas (tamén chamadas rendas básicas, ingreso de inserción, salario social, etc.), o último agarre que resta á cidadanía para non se ver envorcada á indefensión máis absoluta, A iso hai que engadir a eliminación da partida estatal destinada a pagar os servizos sociais municipais (Plan Concertado), o próximo ano. A Marea Laranxa Estatal denuncia que estas políticas deixaron millóns de familias, empobrecidas pola crise, en mans da caridade.
A última ameaza ao Sistema Público de Servizos Sociais é a reforma da Administración Local, que encobre a eliminación dos servizos sociais municipais, ou no seu defecto, promove a súa privatización. Para a Marea Laranxa Estatal, todas estas actuacións desvelan un retorno orquestrado cara á beneficencia. Este concepto contradí o dereito cidadán á igualdade social.
A Marea Laranxa Estatal é a unión das diferentes Mareas Laranxas que dende hai máis dun ano foron xurdindo en varias provincias, autonomías e mesmo municipios. Tamén a forman as Plataformas da Dependencia, organizacións profesionais, sindicatos, organizacións cidadás e familias usuarias. A súa forza radica en que, por primeira vez, un movemento engloba todas aquelas persoas, de distintos movementos e organizacións, familias usuarias e tamén cidadáns e cidadás a título persoal que comparten o seu rexeitamento ao desmantelamento dos servizos sociais. Hoxe, as mareas laranxas están presentes en practicamente todos os territorios de España. Froito desta extensión nace a Marea Laranxa Estatal, que celebrou a súa primeira Asemblea o pasado mes de abril.
R/ Lisboa 20, Baixo C, 15707 Santiago | Telf: 981 552206 | Fax: 981 938274
Política de protección de datos | Contacto | RSS