Área privada

Valoración Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os Servizos Sociais Comunitarios e o seu financiamento.

Tiveron que pasar tres anos e tres meses para que vira a luz o Decreto que regula a prestación dos servizos sociais básicos á cidadanía. Desde aquel 18 de decembro do ano 2008 en que a Vicepresidencia da Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia publicaba en DOG a Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia. Unha lei precedida dun longo e consensuado debate social en torno aos servizos sociais, que auspiciaba e prometía aos profesionais e a toda a cidadanía grandes expectativas de cambio. Unha lei, que como todas, para non quedar en papel mollado, necesitaba do seu desenvolvemento regulamentario a través de decretos e ordes e dun plan orzamentario. Así que despois viron a luz o Decreto de órganos de participación, o proxecto de Lei de Inclusión Social (aínda non aprobado), a nova orde de axuda a domicilio, … Pero o Decreto de Servizos Sociais comunitarios, aquel que por fin incluía e recoñecía a educación social como un ámbito de intervención de seu nos servizos sociais (á par, por certo, que as outras leis de servizos sociais de terceira xeración), tardaba en chegar. Por qué?

O borrador do Decreto de Servizos Sociais comunitarios proposto pola Vicepresidencia da Igualdade e Benestar prevía no seu articulado varias cuestións para o ceesg fundamentais, das que salientaremos tres delas: 

  1. a presencia ampla do programa de educación familiar1, que pasa a denominarse “servizo de educación e apoio familiar”, con obxectivos e contidos cun enfoque predominantemente comunitario, e como un servizo social básico para a cidadanía. 
  2. a posibilidade orzamentaria do financiamento dos servizos sociais básicos e específicos en base a transferencias de ciclo anual, o que supoñía unha simplificación dos procedimentos  e unha dotación orzamentaria máis áxil en base a criterios cuantificables e de calidade.
  3. a organización de equipos profesionais en función do concello e do tipo de área social definida: Unidades de Traballo Social, Unidades de Traballo e Educación Social, e Unidades Interdisciplinares de Intervención Social. Así pois, por primeira vez, a educación social estaba presente na denominación dos equipos.

Entendemos que para o novo goberno e na situación de crise actual é tarefa ardua dar cumprimento a unha lei ambiciosa, moderna e progresista para cos dereitos da cidadanía galega. Se ben, a traxectoria política desde hai tres anos ten suposto para os servizos sociais e para as persoas e grupos que os utilizan unha regresión extrema en relación aos mesmos2. Neste contexto, e con respecto á implantación das e dos profesionais da educación social a Consellería de Benestar opta, e este é un cambio profundo na publicación do decreto con respecto ao borrador inicial, por deixar en mans dun órgano como son as Deputacións Provinciais -cada vez máis obsoletos e máis denostados por todos os grupos políticos-, a contratación das e dos educadores sociais, e un servizo igual de básico como é o de axuda no fogar. 

Para o exercicio desta nova/vella competencia das deputacións en relación cos concellos de menos de 20.000 habitantes, a Consellería de Traballo e Benestar asinou convenios de colaboración con tres das catro deputacións, agás a de Lugo, por mor da interposición dun recurso que formula alegacións contra varias partes do Decreto. Estes convenios de colaboración sairán a luz este mes de setembro, pero na deputación de Ourense xa publicaron as Bases reguladoras do Programa provincial de asistencia técnica, económica e xurídica ós concellos e mancomunidades en materia de Servizos Sociais Comunitarios para este exercicio 2012. Que nos aporta a lectura do seu articulado?

  1. Que todos os concellos menores de 20.000 habitantes e maiores de 5.000 habitantes teñen dereito ao financiamento dunha profesional educadora social. Neste caso, o ceesg estará ben atento para que os concellos cumpran coa súa obriga de contratación, xa que tal e como dí o Decreto “A adhesión das entidades locais beneficiarias constitúe un requisito de efectividade do programa, polo que as entidades locais que non se adhiran no prazo sinalado no parágrafo anterior entenderase que renuncian a participar no programa, causando baixa automática”.
  2. Que os concellos de menos de 5.000 habitantes contarán con persoal contratado pola propia Deputación Provincial. Nos concellos menores de 2.000 habitantes se garanten só a presenza periódica dun educador social.
  3. Para todos os concellos de menos de 20.000 habitantes, o equipo provincial ofertará unha prestación de asistencia técnica e xurídica aos equipos municipais, en particular, en casos que presenten unha problemática especial.

Polo que respecta ás outras provincias, na de Pontevedra e na de Coruña asinaron convenios con cada un dos concellos mantendo o financiamento de persoal que o plan concertado garantira o ano anterior, mentres na de Lugo están á espera de resolver os conflitos xurídicos. 

En definitiva, consideramos que o texto do Decreto constitúe unha oportunidade e un avance incuestionable para a promoción da educación social como dereito da cidadanía. Tamén como fórmula de financiamento aos concellos dos servizos sociais comunitarios básicos e específicos. Con todo,  contén cuestións manifestamente mellorables, tales como as contías que se subvencionan, as ratios de poboación por profesional que a bo seguro derivarán en despedimentos de persoal, ou o reforzo das deputacións.  O interese do ceesg é seguir facendo propostas que melloren o seu desenvolvemento no territorio, observando a realidade, e esixir a cada quen que cumpra coas súas competencias para que o Decreto se cumpra. Para iso, tamén necesitamos que vós nos transmitades as vosas valoracións e experiencias no día a día con respecto á implantanción do Decreto. 

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade