
POSICIONAMENTO DO CEESG ANTE O PECHE DE CENTROS DE MENORES E
AMORTIZACIÓNS DE PRAZAS DE EDUCADORAS/ES SOCIAIS
O CEESG quere expresar a súa máxima preocupación e rexeitamento ante as medidas comunicadas pola Secretaría Xeral de Política Social en relación ao peche de varios centros públicos de menores e as consecuencias que xeran ditas medidas.
O modelo galego de atención e protección á infancia adolece na actualidade de numerosas debilidades ante as que o noso colexio ven reclamando solucións desde hai varios anos, entre elas: incremento da rede pública de protección en detrimento da privada concertada, esixencia da titulación de educación social para o persoal “educadores e/ou coidadores” que desenvolve funcións socioeducativas, adecuación dos centros ás necesidades da infancia e adolescencia protexida.
É por elo, que as medidas comunicadas aos centros nas que se contempla a desaparición de dúas institucións de protección de menores, coa conseguinte amortización ou despido de máis de 10 prazas de educadoras/es, supoñen unha involución e un retroceso aínda maior no modelo de atención, que nos fai pensar nos tempos da beneficiencia. Ademais, a proposta de incrementar varios postos de traballo como de Libre Designación (LD) non fai máis que facer da protección á infancia un chiringuito apto para o beneficio persoal, lonxe de axustarse a criterios de calidade, mérito e capacidade que son os que deben rexir na Administración pública.
Estas medidas que só perseguen o recorte de recursos públicos e de prazas de profesionais, leva a “recolocación” de nenos e nenas noutros centros que, aínda que sexan da rede de protección, atenden a outro perfil de infancia de idades e características totalmente distintas. Pensamos que non se pode pechar un recurso sen ter claro outras formas de intervención que teñen que ser programadas, dotadas economicamente e con equipos amplos de seguimento das mesmas. O peche destes centros suporá unha sobrecarga a maiores da débil rede existente e unha consecuente redución da calidade nas intervencións socioeducativas e asistenciais.
Utilizar argumentos como o de deficientes instalacións para pechar un recurso é absolutamente incoherente, xa que o que cabería neste caso sería o seu acondicionamento e adecuación ás necesidades.
No referido á proposta de esixirse como requisito imprescindible Carné de conducir nos postos de educadores, dende o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais, temos que sinalar que para a obtención do noso titulo universitario en ningún caso nos obrigan a formarnos neste sentido, nas oposicións feitas ata o momento non foi requisito indispensable e non se pode requirir agora con “efectos retroactivos”. Esta medida só esconde, ao noso criterio, a intención da administración de non aboar un plus por un traballo específico que están a facer moitos profesionais cara a dar máis oportunidades aos nenos e nenas cos que traballamos e que tería que ser recoñecido pola administración.
Así, o que se vislumbra na proposta da Consellería son as súas ansias privatizadoras e a adopción de criterios economicistas que nada teñen que ver cos dereitos da infancia, especialmente daquela máis vulnerable como son o colectivo de nenas e nenos en risco social.
É por elo, que esiximos responsabilidade pública e adopción de medidas que melloren o modelo de protección da infancia baseándose nos seus dereitos e necesidades, e pensando no interese superior da nena/neno, que é o principio básico de toda actuación pública. Os criterios economicistas e de austeridade non fan máis que destruír a rede pública existente, xa de por si escasa como se pode ver no informe especial do Defensor del Pueblo de 2007 que xa denunciaba a falla de Servizos especializados.
O ano 2010 foi declarado o ano europeo contra a pobreza, os estudios feitos constatan que o estado Español é un nos que o índice de pobreza infantil é máis elevado e pese a isto no que se realiza un investimento en servizos sociais menor.
Reducir os recursos levará sen dúbida a un aumento da exclusión dos sectores menos favorecidos e traerá consecuencias perniciosas, que se farán visibles en pouco tempo, no que se fará extremadamente custoso recuperar unha atención de calidade para atender a infancia e adolescencia.
Estes recortes, unidos a redución doutros recursos: Risga, axudas de emerxencia, apoio a programas de aluguer, educadoras/es nos concellos, etc.. especialmente en momentos tan difíciles como estes, agravarán a precariedade na que xa vive unha parte importante das familias de Galicia, aumentando os niveis de pobreza, de inseguridade, de descohesión social, e non se contará con recursos especializados e de calidade. Moitos mozos e mozas quedarán fóra da rede de protección social e, en moitos casos terán que ser “atendidos” posteriormente a través de medidas xudiciais que, na actualidade, tampouco son suficientes, e que habería que tender a reducir cunha boa política de prevención nos recursos comunitarios básicos e específicos.
En todo caso a hora de tomar decisións e cambios desta índole, debería contarse coa contribución das e dos profesionais que traballamos no sector e coñecemos a realidade da infancia máis vulnerable, e que neste caso, a lo menos co Colexio de Educadoras e Educadores Sociais, non se ten feito.
R/ Lisboa 20, Baixo C, 15707 Santiago | Telf: 981 552206 | Fax: 981 938274
Política de protección de datos | Contacto | RSS