Área privada

Conversas feministas Fiadeiras

Luns, 12 Novembro de 2018 | Tags:

O grupo de traballo en Igualdade Fiadeiras do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Ceesg, dentro do seu Plan de traballo 2018, desenvolve as Conversas Feministas Fiadeiras. 

Trátase de visibilizar e dar valor ó traballo de diversas autoras galegas e, conversar e reflexionar coa cidadanía sobre temas como a violencia de xénero, abusos sexuais a menores, transexualidade, ... desde a perspectiva feminista.

Na primeira destas Conversas Feministas conversamos con Eli Ríos, sobre o seu libro LUNS, novela premiada co Torrente Ballester de narrativa en lingua galega no 2016.

Nesta ocasión, na segunda destas Conversas Feministas, contamos con Tania Merelas Iglesias, autora do libro Comezar desde cero. Voces de mulleres recuperando as súas vidas, da colección Feminismo ou Barbarie de Edicións Embora. 2017.

Comezar desde cero. Voces de mulleres recuperando as súas vidas é un libro coral no que a autora é quen de atopar un pulso narrativo que se sitúa entre o ensaio e o informe de investigación. Desde unha sólida estrutura teórica, e con intelixencia analítica, aborda un tema complexo e formula preguntas incómodas que nos alonxan da zona de confort para adentrarnos noutras olladas das violencias machistas e analiza o modelo de intervención, os dispositivos de acollida e o uso dos tempos e os espazos de lecer para a recuperación das súas vidas. Esta obra quere (e consígueo) considerar ás mulleres coma persoas fortes, con capacidade individual e colectiva para superar unha situación de tortura e terror que marcará as súas vidas para sempre. Unha lectura imprescindíbel para calquera feminista e, moi nomeadamente, para mulleres que traballan con outras mulleres.

 

 

Tania Merelas Iglesias é doutora en Ciencias da Educación e experta en xénero e políticas públicas de igualdade. Experiencia docente no grao de Educación Social e en centros privados de formación profesional na familia de servizos á comunidade. Formadora especializada en igualdade de xénero. Na actualidade forma parte da Cooperativa de investigación-acción socioeducativa e xénero Arabías.


A participación nas conversas é de balde, pero é necesario anotarse no seguinte formulario:

Inscrición ás conversas Feministas Fiadeiras 15 de novembro

CONVERSAS FEMINISTAS a carón de... Tania Merelas Iglesias co seu libro... Comezar desde cero. Voces de mulleres recuperando as súas vidas.

Lugar: Pazo Vila Melania (Avda. Vilaboa, 44. Culleredo)

Data: xoves 15 de novembro

Hora: 19:00 h.

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade