Área privada

Recomendacións sobre a escolarización de múltiples

Xoves, 23 Agosto de 2018 | Tags:

A habitual práctica dos centros docentes da separación na escolarización de irmás/irmáns no mesmo curso foi obxecto dunha queixa ante a Valedora do Pobo, realizada por unha nai de nenas xemelgas afectadas por esta decisión.

O ano pasado, tras poñerse en contacto co Ceesg, emitimos un informe sobre a necesidade de valorar cada caso e de contar coa opinión de nais e pais nesta decisión, que formou parte da documentación que acompañaba dita queixa.

A Valedora do pobo fixo unha recomendación ao respecto, dirixida á Consellería de Educación, neste mesmo sentido. Recentemente informáronnos que como resultado, a Consellería fixo unha recomendación a todos os centros educativos no sentido de non establecer de antemán nas normas dos centros, directrices sobre a separación ou non na escolarización nestes casos.

Os argumentos nos que adoita fundamentarse a decisión da separación de irmás/irmáns nas aulas baséanse no fomento da independencia e individualidade, mais non está demostrado que o feito de mantelas/os na mesma aula interfira no desenvolvemento adecuado destes aspectos. Deixar que compartan aula respecta a súa relación natural e proporciónalles seguridade e confianza. Someter ás nenas/nenos á separación da súa irmá/irmán pode supoñer, pola contra, unha fonte de ansiedade.

Alegrámonos de ter contribuído en certo xeito a esta decisión, e esperamos que os centros educativos sigan a recomendación da Consellería de Educación.

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade