Área privada

20 de xuño, Día Mundial das Persoas Refuxiadas

Luns, 25 Xuño de 2018 | Tags: refuxiadas

Con motivo do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, o vindeiro 20 de xuño, o CGCEES publicou un manifesto e convida a usar o cancelo #educacionsocialesacogida para visibilizar en redes sociais, especialmente en twitter, as achegas da Educación Social neste eido. Esperamos a vosa participación o vindeiro venres na rede de microblogging.

MANIFESTO DO CONSELLO XERAL DE COLEXIOS OFICIAIS DE EDUCADORAS E EDUCADORES SOCIAIS (CGCEES) CON MOTIVO DO DIA MUNDIAL DAS PERSOAS REFUXIADAS

O 4 de decembro de 2000, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou a resolución 55/76 na que declaraba o 20 de Xuño DÍA MUNDIAL DAS PERSOAS REFUXIADAS, facéndoo coincidir co Aniversario da Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados de 1951.

Desde o ano 2000 e como consecuencia das políticas europeas de blindaxe das súas fronteiras, decenas de miles de persoas perderon a vida tentando cruzar o Mar Mediterráneo converténdoo nun inmenso cemiterio.

Os Estados membros da Unión Europea, alleos á procura de solucións, seguiron restrinxindo o acceso das persoas ata pechar as fronteiras e converter o continente nunha gran fortaleza. As poucas persoas que conseguen chegar, e traspasar as fronteiras, fano tras un longo e difícil camiño, poñendo en risco a súa integridade e a súa vida e, na maioría dos casos, a través de redes establecidas para o tráfico ilegal de persoas, para que, unha vez dentro dos países de acollida, sigan correndo o risco de internamento, exclusión social e/ou expulsión.

As continuas medidas implantadas, co obxectivo de frear a inmigración, non resolverán a situación e as persoas seguirán chegando porque os motivos que as empuxan a fuxir dos seus lugares de orixe son máis poderosos que os muros construídos para disuadilas.

En 2015 o Estado español comprometeuse a recibir 10.772 persoas refuxiadas nun prazo de dous anos e, a pesar das pésimas condicións nas que se atopan estas persoas, o compromiso séguese incumprindo polo que o Goberno español, xunto a outros Estados europeos, vulneran sistematicamente o Dereito Internacional e os compromisos adquiridos na firma da Declaración Universal dos Dereitos Humanos ou a Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea (UE), entre outros.

Ante esta situación o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Educadoras e Educadores Sociais (CGCEES):

1. Solicita ao Estado español e a todos os Estados membros da Unión Europea que se garantan vías de acceso á protección internacional, legais e seguras, en países de orixe e de tránsito, de acordo co dereito á libre circulación das persoas, tal como queda recollido no artigo 13 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

2. Insta aos Gobernos a fomentar a cultura da paz e a traballar para erradicar as causas que orixinan a inxustiza, a violencia estrutural, a guerra e a vulneración dos dereitos humanos e que son a base dos movementos forzados ou non desexados de poboación.

3. Denuncia as dificultades, o bloqueo e a expulsión, por parte dalgúns gobernos europeos, das ONG que participan no salvamento, a acollida e o acompañamento das persoas refuxiadas e solicita que lles deixen traballar con liberdade en operacións de procura e rescate de persoas migrantes.

4. Solicita que se garanta a inclusión das persoas inmigradas xunto a un desenvolvemento social e educativo digno, así como o compromiso para aplicar medidas contra o racismo e a xenofobia.

O CONSELLO XERAL DE COLEXIOS OFICIAIS DE EDUCADORAS E EDUCADORES SOCIAIS comprométese a apoiar e colaborar coas entidades e redes de entidades que traballan na acollida de persoas inmigradas e ao servizo das que solicitan asilo.

Xuño de 2018

Enlace ao manifesto en castelán

#educacionsocialesacogida



 

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade