Área privada

O Concello da Coruña apoia regular a Educación Social

Luns, 02 Xullo de 2018 | Tags: lei , Comunicación , Concellos , campaña

O Pleno do Concello da Coruña aprobou na súa sesión de onte unha moción de apoio á regularización da profesión de Educación Social.

O grupo Marea Atlántica, a petición do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia levou a pleno a moción, que foi aprobada por unanimidade. Concretamente, o que se acordou foi que o concello solicitará aos gobernos galego e central a elaboración dunha lei que regule a profesión de Educación Social. Dita lei é a vía que se reclama para recoñecer a Educación Social como unha profesión ao servizo dos valores fundamentais dun estado de Dereito, como factor imprescindible para abordar determinadas necesidades sociais, e como garantía de calidade das intervencións socioeducativas. Tamén sería a solución para mellorar a situación laboral desta profesión, onde hai un algo grao de precariedade, de intrusismo, e de falta de adecuación terminolóxica nos postos de traballo.

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, destacou na defensa da moción que a educación social nace das necesidades colectivas, e que ten un papel fundamental nos servizos sociais dun estado democrático.

 

O Consello Xeral de Colexios de Educadoras e Educadores Sociais comezou hai máis de un ano unha campaña de apoios a favor desta lei por parte da cidadanía, e a ela téñense sumado moitas entidades e administración públicas. En Galicia, o concello de Oleiros foi o primeiro en abordar este debate, aprobando unha moción a favor en maio do ano pasado; e o pasado mes de abril fíxoo a Deputación de Pontevedra.

Enlace ao facebook da campaña

Descargar texto da moción aprobada

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade