Área privada

O Centro Montealegre, privatizado e sen garantía de persoal socioeducativo axeitado.

Mércores, 14 Marzo de 2018 | Tags: infancia , Novas , privatización , reeducación

Ao persoal educativo do centro de menores non se lles esixirá a titulación ou habilitación en Educación Social.

O Ceesg estuda medidas legais para que se modifiquen as condicións da contratación.

O centro Montealegre, que foi pechado no ano 2012 para acometer obras, reabrirá proximamente para a execución dun programa de acollemento residencial de menores baixo a medida de protección de tutela ou garda da Xunta de Galicia, especializado na atención terapéutica para menores con problemas de conduta. O DOG do 1 de marzo do 2018 recolle os pregos que rexerán a contratación da xestión e dirección deste centro en Ourense.

Á marxe da privatización do centro, aspecto que xa criticaron dende sindicatos e partidos políticos, e á que nos sumamos dende o Ceesg, queremos chamar a atención sobre o persoal educativo que se vai contratar. O requisito que debe cumprir é “estar en posesión dunha titulación universitaria media, superior ou de grao en materias propias ou relacionadas coa intervención educativa ou social.” Engádese ademais que “este persoal será o encargado da atención directa ás persoas menores e estará adicado á intervención no proceso socio-educativo cotián e á súa observación e avaliación”.  Despréndese desta descrición e das funcións que se enumeran no mesmo prego, que a titulación necesaria e adecuada é a de Educación Social, titulación creada no ano 1991 e que leva instaurada no sistema universitario galego dende 1994. Precisamente a titulación universitaria de Educación Social naceu pola necesidade de promover unha formación específica que non estaba cuberta pola oferta universitaria naquela época. E resulta incoherente e anacrónico que a oferta universitaria se adaptase á unha realidade que o demandaba, pero agora os servizos nos que é idónea e necesaria a intervención desta profesión, siga deixando aberta a porta a educar a quen non ten unha preparación específica na materia.

Non pasa así co resto do persoal para o que se require titulación de rango universitario (psicóloga/o, traballador/a social, psiquiatra, médica/o...)

Están en xogo non só os intereses laborais das educadoras e educadores sociais, senón algo moito máis importante: a calidade do servizos socioeducativos que se prestarán no centro ás e aos menores, o que pode aumentar aínda máis a súa vulnerabilidade.

A contratación tamén está xerando indignación no sector académico, e o estudantado da Facultade de Educación do Campus de Ourense (Universidade de Vigo) planifican xa algún tipo de mobilización.

Por isto, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, estuda neste momento tomar accións legais contra esta contratación, co obxectivo do recoñecemento da profesión e da prestación de servizos socioeducativos que cumpran cuns mínimos parámetros de calidade.

Antecedentes

No ano 2015, a contratación dos recursos de execución de medidas xudiciais con menores establecía que o persoal educativo debería ter a titulación universitaria de Educación Social, aspecto que non tardaron en rectificar alegando que existía unha obriga de subrogación de contratos que entraban en contradición cos pregos de contratación, e que este feito obrigaría ás entidades a efectuar despedimentos que economicamente non podían asumir.

En xuntanzas mantidas dende entón coa Subdirección Xeral de Menores, declararon que a súa  vontade  era  a  de  proseguir  no  futuro na liña de esixencia de persoal coa titulación de Educación Social nas novas contratacións (tanto nos servizos de medidas xudiciais como de protección), sen afectar ao persoal que xa estivese contratado como persoal educativo que non contase con habilitación ou titulación en Educación Social. Deste xeito, nos casos en que se producisen novas contratacións, terían que ser reservadas, como é lóxico, a persoas coa titulación axeitada para este cometido, é dicir, Educación Social.

Aínda que malogrado, parecía un paso digno de consideración por parte da Administración polo recoñecemento que supoñía este plantexamento de futuro. Parecíamos camiñar cara un horizonte que dende o Ceesg viñamos xa defendendo con claridade e insistencia dende había tempo.

A entidade que xestione o centro Montealegre (que reabre despois de varios anos comezando ademais unha nova etapa de xestión privada) deberá contratar novo persoal; non hai subrogación de contratos posible. Polo tanto, as condicións de persoal recollidas na convocatoria de contratación deixan claro que non existe tal intención por parte da Consellería de Política Social.

Continuando en contacto coa Subdirección Xeral, no ano 2016, dende o Ceesg solicitáronse os datos do persoal educativo dos centros e servizos de xestión privada dependentes da Subdirección Xeral, con indicación da súa titulación ou habilitación. A data de hoxe, seguimos sen resposta.

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade