Área privada

Conversas Feministas Fiadeiras

Martes, 20 Marzo de 2018 | Tags: igualdade , mulleres , Feminismo

O grupo de traballo en Igualdade do Ceesg, Fiadeiras, dentro do seu Plan de traballo 2018, vai iniciar unha nova actividade, as Conversas Feministas Fiadeiras.

Trátase de visibilizar e dar valor ó traballo de diversas autoras galegas e, conversar e reflexionar sobre temas como a violencia de xénero, abusos sexuais a menores, transexualidade, ... desde a perspectiva feminista.

A primeira destas Conversas Feministas terá lugar o vindeiro luns 19 de marzo ás 19 horas, no Centro Medra de A Coruña, Avda. de Monelos, 109, entreplanta A. Nesta ocasión conversaremos con Eli Ríos, sobre o seu libro LUNS, novela premiada co Torrente Ballester de narrativa en lingua galega no 2016.

Segundo a propia autora: 'O xerme de Luns é rabia. Hai realidades e situacións que nos acostumamos a lelas na prensa e pasan a ser habituais, normais. Desas que dicimos: unha máis...  E non pode ser, non está ben. Quería escribir un texto que provocase a reacción, as ganas de moverse. Unha novela visceral dirixida directamente ao hipotálamo'.

A inscrición é de balde, pero é necesario cubrir o seguinte formulario: Conversas Feministas Fiadeiras 19 de marzo

Eli Ríos ten publicados os seguintes libros: 'nós escoitando o badalo de marienplatz' (2010), XII Premio de Poesía Concello de Carral; 'rúa da cancela' (2009), IV Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas; 'María' (2013), I Premio de Poesía Figurante; 'Anamnese' (2014), II Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey; 'Diario de fotogramas' (2014), Segundo premio do I Concurso de Poesía Centro Recreativo de Artes, Concello de Ribeira; 'Remexido de patacas' (2014), XL Certame de Narracións Curtas Modesto Rodríguez Figueiredo; 'Doe tanto a túa ausencia' (2015), XVIII Certame Francisco Añón de Poesía, Concello de Outes; 'Bicha' (2015), XIIº Premio Pura e Dora Vázquez de Narración, Deputación de Ourense; 'Marta e a píntega' (2016), conto infantil; 'Mulleres bravas da nosa historia: María Victoria Moreno' (2016); 'Luns' (Xerais, 2017), novela, I Premio Torrente Ballester para obras en galego da Deputación da Coruña, 2016; e 'Café intenso' (2017), I Premio de Poesía Rosalía de Castro do Concello de Padrón. Colabora na revista dixital de crítica literaria feminista 'A Sega'.

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade