Área privada

Manifesto do CGCEES no Día Internacional das Mulleres

Mércores, 07 Marzo de 2018 | Tags: igualdade , mulleres , Feminismo , folga

No Día Internacional das Mulleres o CGCEES manifesta o seu firme compromiso para seguir traballando como profesionais da Educación Social pola consecución da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. 

O CGCEES subscribe o lema elixido pola ONU para o Día Internacional das Mulleres 2018:

'Agora é o momento: as activistas rurais e urbanas transforman a vida das mulleres'

O Día Internacional das Mulleres é unha oportunidade para lembrar a necesidade de impulsar medidas que faciliten o empoderamento das mulleres de todas as contornas, rurais e urbanas, e recoñecer ás persoas que traballan sen descanso para reivindicar os dereitos das mulleres e conseguir que estas desenvolvan o seu pleno potencial. O empoderamento das mulleres confirmouse como un elemento clave en todos os contextos para facer fronte aos desafíos económicos e políticos en todo o mundo.

Toda sociedade democrática xusta debe considerar o Principio de Igualdade entre mulleres e homes como un dos eixos básicos para sustentar o ordenamento xurídico e a acción política nos diferentes ámbitos sociais, económicos, educativos e culturais, entre outros. Non podemos falar de democracia sen a participación das mulleres.

Debemos lembrar que recibimos unha educación Patriarcal, con relacións de poder xerárquicas, a cal define os roles ou estereotipos de xénero e establece unha división sexual do traballo pola que se asignan ás mulleres preferentemente empregos precarizados, peor remunerados, relacionados cos coidados e cun menor recoñecemento social, motivos todos eles causantes dunha gran fenda salarial.

Non é posible esquecer o maior signo de desigualdade, a violencia contra as mulleres, que impide o desenvolvemento humano democrático e a cidadanía plena das mulleres, sendo un grave atentado contra a xustiza, a paz e a equidade de xénero.

Fronte a este modelo de sociedade debemos recoñecer as achegas do Feminismo, ao longo da historia deste movemento, que procura a deconstrución do sistema patriarcal, expondo e promovendo simultaneamente novos pactos sociais, nos que sexa posible alcanzar a igualdade real entre mulleres e homes.

Nesta realidade, desde o CGCEES, asumimos a responsabilidade de colocar o compoñente de utilidade social dentro dos eixos do exercicio da nosa profesión, asumindo a perspectiva de xénero como un dos principios que debe presidir a actuación profesional.

Por iso neste 8 de Marzo, manifestamos o noso compromiso para que a Educación Social estea impregnada de perspectiva de xénero impulsando na nosa organización a creación dunha Comisión de Xénero e Diversidade como instrumento para promover medidas, accións formativas e espazos de reflexión.

Na nosa profesión traballamos naquilo que mellor sabemos facer, o cambio social mediante a Educación Social e a defensa dos dereitos das mulleres para avanzar na construción dunha sociedade máis xusta, democrática, garantista dos dereitos fundamentais, libre e en convivencia pacífica.

Desde o CGCEES apoiamos este movemento mundial sen precedentes polos dereitos, a igualdade e a xustiza das mulleres, cunha crecente determinación a favor do cambio, manifestado a través de marchas e campañas mundiais, nas que persoas de todo o mundo se mobilizan para conseguir un futuro máis igualitario.

Seguiremos reivindicando unha sociedade baseada na igualdade e convidamos a profesionais, institucións, asociacións e cidadanía a participar nos actos reivindicativos organizados arredor deste día, e a seguir traballando todos os días pola igualdade entre mulleres e homes.

Agora é o momento.

#Edusoigualdad

8 de marzo de 2018

Descargar manifesto en castelán

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade