Área privada

Dúbidas frecuentes sobre as oposicións de 'Educador/a' da Xunta de Galicia

Martes, 06 Febreiro de 2018 | Tags: Emprego

A Xunta de Galicia vén de anunciar a Oferta Pública de Emprego (OPE) do ano 2017, na que se inclúen 35 postos de 'Educador/a'.

Son moitas as persoas que estades chamando ao Ceesg para solicitar información ao respecto, polo que recollemos aquí as dúbidas máis frecuentes, aínda que moitas delas non se poderán resolver con seguridade ata que se publique a convocatoria e se vaia desenvolvendo o proceso.

Como vai isto das oposicións da Xunta?

A Oferta Pública de Emprego (OPE) é un anuncio do que se vai convocar. Toda a información completa (número e tipo de probas, temarios, previsión de datas de exame, etc.) incluirase na CONVOCATORIA, que aínda non se publicou, e que se prevé que se publique no DOG no primeiro trimestre do ano.
Se chega ao noso coñecemento calquera novidade ou borrador, informaremos na nosa bolsa de emprego da web do Ceesg (posto 'EDUCADOR/A' Xunta de Galicia).
Na web da Dirección Xeral de Función Pública da Xunta de Galicia hai un apartado moi útil con ‘preguntas frecuentes’

Cal é o temario?

A lista de temas publicarase na convocatoria.
Se chega ao noso coñecemento calquera novidade ou borrador, informaremos na nosa bolsa de emprego da web do Ceesg (posto 'EDUCADOR/A' Xunta de Galicia)
Só como orientación, pode verse o temario do último proceso selectivo de postos de 'Educador/a. Profesor/a especial' (como persoal laboral) no DOG do 22/03/2006.

Cando serán os exames?

A previsión é que as probas se realicen a finais de 2018 ou comezos de 2019.

Que titulacións se esixirán para participar?

A Lei de Emprego Público de Galicia recolle que á escala de técnicos facultativos de servizos sociais, especialidade 'Educador/a' poderán acceder persoas coas titulacións de 'Mestre ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de mestre en educación primaria ou diplomado en educación social, ou primeiro ciclo da titulación de licenciado en Pedagoxía, da titulación de licenciado en Psicoloxía ou da titulación de licenciado en Psicopedagoxía, ou graduado nunha titulación da rama de ciencias sociais e xurídicas ou da rama de ciencias da saúde equivalente a calquera das anteriores'. Polo tanto, é de esperar que as titulacións requiridas vaian ser esas.
É unha situación inxusta e que levamos intentando cambiar dende que existe o Colexio profesional, e que non abandonaremos.

Onde podería traballar?

Hai postos de 'Educador/a' en diferentes Consellerías, que teñen como destino sobre todo en Centros de menores e Centros de Atención a Persoas con Discapacidade. Tamén hai postos en Centros de Educación Especial, Xulgados, Equipos técnicos de menores… Podes facerte unha idea botándolle un ollo ás Relacións de Postos de Traballo (RPT) das Consellerías.

Que academias preparan as probas?

Varias academias farán grupos para preparar as probas. No Ceesg non coñecemos os seus métodos nin resultados, polo que nos abstemos de facer recomendacións ao respecto, pero si facemos difusión de aquelas que nos ofrezan algunha vantaxe por estar colexiadas/os. Calquera oferta deste tipo farémola pública a través da nosa web e redes sociais.

 

Descargar catálogo de preguntas en pdf

Comentarios (9)

1 | Alba - Luns, 05 Febreiro de 2018 ás 14:16

Bos días, mencionan licenciado de Pedagoxía pero graduado tamén poderian presentarse? Grazas de anteman

2 | Julia - Luns, 05 Febreiro de 2018 ás 23:58

Saúdos, sinto un profundo respeto polo Ceesg e pola profesión da Educación Social, paréceme moi inxusto que desde este colectivo profesional aprovéitese toda oportunidade para reclamar unha suposta "intrusión" no voso campo de traballo. Coñezo en profundidade a formación inicial dos educadores sociais, son licenciada en Pedagoxía e podo dicirvos que a vosa concepción, que tendedes a xeneralizar, é unha auténtica distrorsión da realidade que non fai ningún favor á profesión. Neste caso, como noutros tantos nos que traballades de forma normalizada, estamos a falar de menores. Vós non tedes unha formación inicial especializada nese campo, por máis que na carreira vos repetiran os problemas da delimitación da profesión, moitos traballamos para delimitala, sen ningún tipo de aversión cara a colaboración interdisciplinar. Neste caso, a propia publicación especifica o obxeto das oposicións. Moitos educadores sociais adquiren por experiencia e por formación académica, unha preparación para traballar con menores, pero non por ser "educador" social, estás por diante doutras profesións, nin moito menos con menores, na que por exemplo os pedagogos colaboramos cos psicólogos, e non facemos de menos as súas competencias. Pensar que un pedagogo, sólo ha de adicarse ó ámbito institucional da educación formal, só demostra un profundo descoñecemento do mundo educativo, que sí, no noso caso afecta principalmente ós menores e ás familias. Outra cousa é que deberan establecerse mellor as funcións que poden exercer cada quen e os ámbitos prioritarios de actuación a nivel institucional. E sinceiramente decepcióname bastante esta recurrencia xeralizada, simplista e interesada de forma corporativista, e que se empregue desta forma desde o Ceesg, cando as vosas condicións laborais para nada son desventaxosas respecto doutras, non hai máis que mirar ó redor para darse de conta, e dende fai moitos anos xa. O principal que eu saiba, son os usuarios, que son moito máis que iso, son as persoas, e non a competititvidade, na que non vexo que atopedes problemas. Teño moitos compañeiros educadores sociais cunha grande experiencia e valía profesional, que están traballando de calquera cousa, mentres outros están a traballar con nenos e familias e ós pedagogos non temos nin unha oferta de traballo. Gracias pola vosa atención e desculpade a charla

3 | Ceesg - Martes, 06 Febreiro de 2018 ás 10:35

Bo día Julia, Desde o Ceesg defendemos a profesionalización dos equipos interdisciplinares, avogando por unha intervención socioeducativa integral. En ningún caso pensamos que as pedagogas e pedagogos non teñan que formar parte dos equipos multidisciplinares de menores, nin que teñan que cinguirse exclusivamente ao ámbito escolar. O que reclamamos é que as prazas de “Educador/a” sexan para educadoras e educadores sociais e se denominen tamén “Educador/a social”, e así ter unha especialidade propia dentro das relacións de postos de traballo da Xunta de Galicia. A especialidade “Pedagoxía” xa existe, dentro da escala de facultativos de servizos sociais, e como é lóxico, só poden acceder persoas coa titulación de Pedagoxía. Reivindicar o mesmo para a Educación Social non implica actuar en contra das demáis profesións do ámbito socioeducativo. Se debería haber máis postos de Pedagoga/o segundo en que tipo de centros é outro debate, pero non nos corresponde a nós. Grazas polo teu comentario. Un saúdo

4 | ana - Luns, 12 Febreiro de 2018 ás 15:28

hola: os que queremos ir pero non podemos acudir ou pagar una academia para preparalas, onde podemos mercar o temario e ir estudando na casa? grazas, un saudo

5 | Ceesg - Martes, 13 Febreiro de 2018 ás 08:27

Hola Ana, podes preguntar en algunha academia a ver se van vender os temarios.

6 | María del Carmen Ces Gens - Domingo, 18 Febreiro de 2018 ás 22:14

Boas noites. Acabo de ler o comentario de Julia e non podo máis que suscribilo de principio a fin. Son partidaria de sumar e non de restar, sobre todo entre colegas que traballamos no mesmo ámbito. Grazas Julia. Un saúdo

7 | Isabel - Martes, 13 Marzo de 2018 ás 22:12

Boas tardes, teño unha dubida... se aprobas o examen pero non colles plazas habilitarase unha lista de chamamento para cubrir baixas e demais, como fan noutras caegorías?

8 | Ceesg - Mércores, 14 Marzo de 2018 ás 08:45

Hola Isabel, é de esperar que as persoas que aproben poidan inscribirse nas listas de chamamentos, tal como se recolle no Decreto que as regula. Aquí está a información xeral sobre as listas: https://www.xunta.gal/funcion-publica/contratacion-temporal/informacion-xeral

9 | Isabel - Mércores, 14 Marzo de 2018 ás 22:46

Sabeses donde podemos ver o ultimo examen que fixo a xunta para as anteriores oposicions de educadores?

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade