Área privada

Escola de Rúa - Formación: A peritaxe e a educación Social - Ourense e Vigo

Mércores, 17 Xaneiro de 2018 | Tags: formación , peritaxe , descontos

Formación básica para educadoras/es sociais que desexen actuar como peritos ante xulgados e tribunais.

A acción do educador/a social ten normalmente un carácter intervencionista, dirixida á mellora da situación social e educativa das persoas ás que dirixe o seu traballo. Para o desenvolvemento da súa labor, dispón de coñecementos e capacidades para a implementación de técnicas de avaliación e investigación socioeducativa, que son necesarias para a detección, análise, valoración e interpretación de necesidades do entorno socioeducativo (institucional, familiar, comunitario...) no que intervén. Estes coñecementos e capacidades veñen avalados pola súa formación universitaria, que inclúe nos seus plans de estudo materias específicas relacionadas coa investigación socioeducativa. Esta capacidade de análise e valoración dunha situación socioeducativa determinada fai do/a educador/a social o/a profesional competente para actuar como perito en procedementos xudiciais nos que se requira a valoración dunha persoa experta no ámbito socioeducativo.

A actividade pericial consiste na valoración por parte de persoal experto dunha determinada situación ou feito, que pode ser influinte para a decisión xudicial, e pode ser empregado como proba nun xuízo. Este proceso está regulado pola Lei 1/2000, de 7 de xaneiro, de Axuizamento Civil, que establece que “Cando sexan necesarios coñecementos científicos, artísticos, técnicos ou prácticos para valorar feitos ou circunstancias relevantes no asunto ou adquirir certeza sobre eles, as partes poderán aportar ao proceso o ditame de peritos que posúan os coñecementos correspondentes ou solicitar, nos casos previstos nesta lei, que se emita ditame por perito designado polo tribunal”. O perito debe actuar sempre coa maior obxectividade posible, tomando en consideración tanto o que poida favorecer como o que poida causar prexuízo a calquera das partes.

Esta formación básica organízase coa finalidade de comprender e coñecer a actividade pericial por parte das educadoras/es sociais interesadas nesta actividade. Enmárcase dentro das actividades da Escola da Rúa, creada co obxectivo de ofrecer formación que dea resposta ás inquietudes das colexiadas e colexiados, e ás necesidades detectadas polo propio colexio profesional. Prevese a organización doutras edicións desta mesma formación en Vigo e en Ourense, en xaneiro de 2018.

Docente: Fran del Buey. Gabinete xurídico A Sensu Contrario.

Datas, horario e lugar:

  • EN OURENSE: 12 de xaneiro (16:00 a 20:00 h.) e 13 de xaneiro (10:00 a 14:00 h.), nos Locais das Asociacións Universitarias. Parque dos Parrulos (tras o Edificio de Ferro, Campus de Ourense)
  • EN VIGO: 26 de xaneiro (16:00 a 20:00 h.) e 27 de xaneiro (10:00 a 14:45 h.), no Museo Liste.

Prazo de inscrición:

  • CURSO DE OURENSE: Ata o 7 de xaneiro ou completar aforo. Ao quedar varias prazas libres, queda aberto ata o xoves 11.
  • CURSO DE VIGO: Ata o 21 de xaneiro ou completar aforo.

INSCRICIÓNS:

Inscrición no curso de Ourense

Inscrición no curso de Vigo

A inscrición no curso de Vigo inclúe unha visita guiada ao Museo Liste.

Descargar información detallada

Descargar cartaz

Comentarios (2)

1 | Sofía Fernández Fernández - Venres, 22 Decembro de 2017 ás 08:49

Nos días, este curso realizarse en Coruña ou Santiago mais adiante? Grazas

2 | Ceesg - Venres, 22 Decembro de 2017 ás 09:50

Bo día, Sofía, Realizouse en Compostela os días 15 e 16 de decembro, e por agora non está previsto desenvolvelo na Coruña. Un saúdo

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade