Área privada

Entrevista a Fran del Buey, asesor do Ceesg

Martes, 12 Decembro de 2017 | Tags: servizos , entrevista

Fran del Buey é o asesor xurídico do Ceesg dende hai varios anos. Nesta entrevista analizamos o servizo de asesoramento que se ofrece ás persoas colexiadas, e fálanos das prioridades e necesidades do Ceesg e do colectivo de educadoras/es sociais dende o punto de vista xurídico.
 
P- Qué é A Sensu Contrario?

R- É un soño dun grupo de persoas que levamos 30 anos no mundo da Educación Social, da problemática social, da exclusión social e por ende do mundo do Dereito. Para nós non existen barreiras definidas entre o Dereito e Educación Social e outras variantes académicas.
Somos un grupo de xente que traballamos no ámbito xurídico, pero este soño partía da  base, como seu propio nome indica, de intentar organizar unha resposta A sensu contrario,  unha resposta diferente, alternativa, distinta ante a problemática.
A sensu contrario nace como resposta ante a problemática primeiro social de persoas con risco de exclusión pero pouco a pouco foi abarcando máis parámetros: a problemática de xénero coa violencia contra a muller, a das persoas con problemas con discapacidade...etc. fronte a un mundo perfecto que non dá cabida a aquelas persoas que non as considera capaces. A problemática das persoas que veñen doutras fronteiras, e das persoas que se senten en definitiva explotadas en todos os ámbitos.
O eixe condutor é a nosa participación dun xeito distinto e as ferramentas aparentemente son as ferramentas xurídicas. Son un medio para conseguir un fin. Moito do que facemos leva parámetros de escoita activa, de situacionismo sociolóxico, formación colaborativa e intercambio de roles. Todo isto nun contexto tan complicado como é o mundo do dereito.
Créase externamente primeiro no barrio de Sar e actualmente no barrio de Vite, en Compostela.
Se te acercas ao noso local aparentemente parece un despacho de avogadas pero é unha idea, un colectivo que actúa nese parámetro.
Para situar o contexto das nosas actuacións, primeiro temos as  actuacións individualizadas da  xente que trae problemas de ámbitos específicos, como poden ser problemas de discapacidades, de violencia contra a muller e despois tamén temos a nosa actuación como colectivo. Intentamos intervir e asesorar a outros colectivos e asociacións dentro do que a súa problemática. Por exemplo no mundo da discapacidade intelectual aportamos estratexias e solucións a estes colectivos para que por elas mesmas saiban tecer una resposta. Dentro de todos estes ámbitos, para nós un que nos agrada moitísimo tratar desde unha perspectiva próxima é a  Educación Social.
 
P- Cales cres que son neste momento as prioridades do Colexio?

R– Para nós a Educación Social, ao contrario dos termos que se podería usar en calquera despacho de avogadas de que sería un caladeiro de traballo, é unha das áreas máis interesantes, de maior evolución, que vimos crearse e medrar co recoñecemento académico no ámbito xurídico, establecerse como profesión.
Dende que establecimos unha relación de traballo estreita co Colexio de Educadoras Sociais de Galicia pensamos que son moitísimas as necesidades do Colexio no ámbito xurídico, porque o Colexio está cheo de enerxía, propostas e inquedanzas pensadas de forma moi creativa, pero tamén hai carencias  e dificultades orgánicas como por exemplo a falta de recoñecemento institucional da Educación Social, a situación límbica da Educación Social como profesión cunha reserva de actividade, e unha certa hipocrisía tanto do sector académico como do sector público –xa que a pesar de que crean os recursos académicos logo iso non se traduce nunha asimilación ou encargo de determinadas funcións a un Colexio Profesional-.
Hai unha necesidade imperiosa de que os colexios vexan reforzado o seu papel institucional de representatividade exclusiva e que poida ter de alicerce básico a colexiación obrigatoria e que se reforce a figura do Consello Estatal porque supón un recoñecemento como área prioritaria a nivel estatal. Unha das prioridades do propio Colexio é regular o funcionamento institucional e interno.
Tamén hai outra área na que vimos detectando gran necesidade, que é que fai falta moita formación en áreas que non sexan tan específicas da Educación Social. Observamos que hai xente moi preparada en asuntos propios da profesión en si, pero que logo cando lle tocan esas áreas máis escuras e impermeables do Dereito e a normativa, parece que hai unha certa distancia. Pensamos que isto pode vir dado como efecto rebote da inmersión que ten o Traballo Social no mundo do dereito. Nos parece que a Educación Social, por ese efecto de distanciamento, non ten estruturalmente o plan de estudios unha formación continúa, polo que hai unha necesidade prioritaria de formación.  Parécenos que é un elemento deficitario e ninguén mellor que as educadoras/es sociais como para ter o coñecemento do dereito porque é unha ferramenta moi poderosa.
E o terceiro, parécenos que existe un gran descoñecemento por ambas as partes (as colexiadas e o Colexio) de cal é o papel específico dun Colexio no que é a defensa da profesión. Parécenos que é unha das grandes eivas e que ten que intentar sacar adiante o Colexio, xa que os colexiados e colexiadas non en todo caso senten defendida a súa profesión como elas entenden, pero por outro lado o Colexio ten que ter unha posición que marca a lei, de defensa da profesión, pero defensa dos intereses de todas, non dos intereses específicos e lexítimos, que iso sería o papel dun sindicato.
A día de hoxe parécenos que se chega a confundir algunhas veces o papel do Colexio como asociación profesional, como colexio profesional con sindicato profesional e como fundación. Parécenos que as distintas áreas se teñen que diferenciar perfectamente. Por poñer un exemplo, cada vez que unha colexiada ten un problema, o colexio ten que intervir pero desde unha perspectiva colectiva, pero non deben ser litixios individualizados, senón anónimos, en defensa de todos e todas as colexiadas e que todas as reivindicacións teñen que reverter noutras colexiadas de forma colectiva.
 
P- As persoas colexiadas poden de algún xeito colaborar co servizo xurídico ou co Colexio para acadar eses obxectivos prioritarios?

R- Por suposto. Precisamente a xente que dalgunha forma se achegou aos servizos de asesoramento que dan no colexio, presencial xa dende hai uns anos, que veñen a ser a ser rotatorios, cada dúas semanas e tamén no colexio nos horarios que se lle facilita a todo o mundo e tamén a posibilidade de facer consultas por medios electrónicos, a xente que xa se achegou sabe que a nosa proposta de asesoramento non é estándar, xa que se basea na participación das persoas afectadas na resolución do seu conflito, na colectivización dos problemas.
Recentemente varias colexiadas tiñan unha problemática de dificultade de acceso a una praza pública ofertada polas institucións autonómicas e este procedemento abordouse de forma colectiva para poder facer máis presión e para que existise un proceso de aprendizaxe na resposta. Nós o que pretendemos no asesoramento é primeiro: darlle una visión de cal é o problema, cal é natureza; segundo: darlle unha análise de viabilidade da súa reclamación, e terceiro: sinalar a carencia e darlle traslado como colectivo ao resto do Colexio.
Un exemplo podémolo ver nun problema que do cal nos viñeron a facer varias consultas que é na cualificación profesional de Auxiliar Educativa, rapidamente activamos as alarmas interiores do Colexio, para que non se trate de forma individual este tema e para que se sinalasen como un obxectivo prioritario intentar atallar as estratexias das administracións de crear unha subclase dentro do que é a Educación Social, xa que a cualificación de Auxiliar Educativa é un caixón de xastre para encomendarlle calquera tipo de xestión a estas persoas, particularmente: labores auxiliares onde non podes participar no proxecto individual nin no proxecto educativo, onde non se atopa ningún tipo de rol para o que fuches formada. Se este tema se tivese tratado individualmente teríaselle dado a receita de presentar un recurso e aí acabaría a reclamación.
O que se pretende activar son os mecanismos propios da Educación Social, de que a xente sexa asertiva, proactiva e solidaria, e que entenda os procedementos. Xa que asesorar non só significa asesorar para gañar, senón para saber e para situarse. Moitas das veces é imposible que unha reivindicación xurídica chegue á fin pero sobre todo porque non se dan as circunstancias, ao mellor se se fai unha campaña pública ou si se impugna colectivamente unha norma que está por encima pois se podería chegar a acadar ese obxectivo; no canto de que si se establece unha pelexa individual o tradicional seria que o avogado estableza esa pelexa e si gana, gana e se perde non entender o porqué.
Por poñer outro exemplo, da animación sociocultural chégannos a contagotas compañeiras que se preguntan por que nas prazas ofertadas nos concellos se lles ofrecen a outras especialidades académicas como TASOC ou similares, e se podería impugnarse esa limitación de acceso a esa praza. Nós vimos informando de que esas prazas penden dunha convocatoria que fai a Deputación e á que concorren os concellos, e que sería a impugnación desa norma superior e mesmo os contactos políticos os elementos estratéxicos para evitar que logo cada concello poida facer da súa capa un saio. Esta norma adóitase aprobar a principios de ano e é esa norma a que hai que impugnar porque é a que establece as regras de concorrencia aos concellos. Pouco ou nada serve impugnar caso a caso a cada un dos concellos, a contagotas e sen coordinación, cando non se impugna a norma xeral. A convocatoria baséase na potestade de auto-organización que ten a Administración.
 
P- Entón cando unha colexiada detecta unha praza ou outro tipo de convocatoria, como subvencións por exemplo, onde considere que a Educación Social está sendo prexudicada, como debe actuar?

R- Primeiro debe situarse no contexto actual estatal, no que non hai unha lei que regularice o exercicio profesional da Educación Social que recoñeza elementos tan importantes como a reserva de actividade ou elementos estratéxicos como o interese público ou como a protección da seguridade da cidadanía e os seus dereitos; non temos un respaldo legal.
Non existe unha reserva como na Lei Orgánica do Poder Xudicial que establece que comparecerán ante os tribunais aquelas persoas colexiadas como licenciadas en Dereito para a defensa da cidadanía fronte aos órganos xurisdicionais; non vale que concorran un psicoterapeuta ou un pedagogo por que hai unha reserva legal para os avogados e avogadas.
 
Na Educación Social a pesar da crenza colectiva de que o mero nome -o nomenclátor- dá esas funcións, non existe ese respaldo. E esa falta de respaldo vén dada tamén por non existir despois da lei ómnibus a colexiación obrigatoria, e polo tanto non existe unha obriga por parte da Administración de cinguirse a estas reservas de actividade.
Entón o primeiro que hai que ter presente é que a convocatoria que se fai dunha praza específica nalgúns dos casos vulnera flagrantemente a lei e noutros sitúase nunha zona de sombras, de interpretación das potestades de autoorganización.
Por exemplo o Decreto que regula o servizos comunitarios establece en función da poboación das distintas vilas e cidades a configuración dos equipos multidisciplinares (traballadoras/es sociais, educadoras/es, etc.). Cando se convoca unha praza que se teña que cinguir a ese tipo de equipo, estaríamos ante unha presunta vulneración por parte da administración convocante do establecido neste decreto. Aínda que o espírito da norma é que as persoas teñan formación en Educación Social, interprétase que os equipos como mínimo teñen que estar formados por unha traballadora social e que estaría ben que tamén estivesen formados por Educadoras/es Sociais. É unha interpretación que rebaixa o nivel, xa que non existe una adscrición automática a esa obriga. Se se presenta unha convocatoria nestes termos habería que abordala primeiro intentando obter o máximo número de datos posibles e segundo, estar moi pendente dos prazos de recurso.
É moi importante saber se o que estamos impugnando é algo que dunha forma específica vén regulado como que existe unha reserva para Educación Social. Aínda que se produce en moi poucas ocasións, ás veces existe unha norma, unha lei ou un decreto onde se establece que esa praza é para Educación Social. O exemplo podémolo ver na Lei Orgánica Penitenciaria na que se fala da Educación das persoas presas pero o regulamento que o desenvolve non di que os equipos técnicos estarán formados por educadores sociais.
O segundo tipo de problemática son aquelas prazas nas que calquera Educadora Social parte da premisa de que esa praza indubidablemente ten que ser reservada para unha Educadora Social. Por exemplo, a educación familiar. O problema que existe é que ao non existir unha reserva de actividade os concellos camuflan no nome e nas funcións este tipo de prazas baixo outros conceptos, como substitucións con outro tipo de funcións. Entón o importante é que a persoa primeiro consiga os antecedentes históricos (sábese que hai unha praza que se convocan no concello x, hai que saber se esa praza anteriormente xa foi ocupada por outra persoa), documente estas circunstancias para saber como se está producindo o fraude -porque non deixaría de ser un fraude-, do tipo contractual, etc. para que nos recursos se poida argumentar que esa praza convocada -que ten outro nome- vai cumprir unhas funcións específicas.
Entón, respondendo á pregunta, as Educadoras Sociais terán que relativizar que o procedemento é complexo e facer un traballo de investigación. Poderían vir a que se lles desen unhas indicacións de cal sería a vía e non esquecer que os procedementos xudiciais teñen custas, avaliar ben cales son os efectos desta impugnación, e valorar a posibilidade de acollerse á xustiza gratuíta e operar por medio da designación de avogadas de oficio sen expoñerse ás costas dun xuízo.
Tamén é importante ter conciencia de que cando se está a impugnar unha praza para reivindicala para unha persoa, hai que ter claro que se lle está dicindo a outra persoa que non ten dereito a ocupar esa praza. Porque as veces a xente esquece o lado humano e cando se ve nesa tesitura, bótase para atrás. Tamén pode producirse por falta de coordinación o feito trasladar ao Colexio que faga unha impugnación dunha praza en defensa dunha Educadora Social que singularmente produza menoscabo doutra Educadora Social. Para evitar isto é importante que exista unha documentación e que simplemente non se utilice o mecanismo de darlle traslado ao Colexio para que este se encargue de presentar as reclamacións. Entre outras cousas por que o Colexio non é un sindicato, as reivindicacións das prazas individuais correspóndelle a cada persoa que queira aspirar a elas e ao Colexio correspóndelle participar ou personarse naqueles procedementos onde o propio Colexio vaia por diante para abrirlle paso ás educadoras e educadores sociais. Un mecanismo máis lóxico é citar ao Colexio como elemento pericial , xa que non en todos os casos comparecer como parte é o máis axeitado, e sobre todo se vemos que é unha estratexia que ten elementos individuais.
Xuntarse arredor do colexio e trazar unha estratexia colectiva para facer unha impugnación colectiva si, pero non cando se produza o resultado da convocatoria de praza, senón cando saen as normas. Por exemplo o Decreto de Servizos Comunitarios cando se aprobou non se impugnou, no cal se establece que nas poboacións de menos de 15.000 habitantes xa non teñen que contar dentro dos seus equipos con Educadores Sociais, o momento de impugnar a presencia de Educadoras/es Sociais no ámbito do medio rural disperso era ese, e non na concorrencia da praza específica en cada unha das zonas.
 
P- Porque é un servizo xurídico presencial?

R- Porque a Educación Social é presencial. O mundo xurídico está salpicado dunha casuística burocrática; pretendían chamarnos letrados/as, é dicir, xente que pon unha letra detrás da outra, e dende fai tempo o mundo xurídico abandona  o trato persoal, abandona a didáctica, a formación e prácticas que se utilizan na Educación Social: o rolplay, a dinámica de grupos, a percepción afectiva da persoa, a toma de decisións, etcétera.
Presencial por iso, porque é o único xeito de que a persoa se vaia do servizo tendo claro como valorar se meterse nese procedemento ou non. Por exemplo nunha das consultas informei á persoa de que sempre que se presenta un contencioso-administrativo, se debería pedir a suspensión das prazas xa adxudicadas -porque se convocan unhas prazas, hai una proba e inmediatamente estas persoas comezan a traballar– O lóxico é que cando hai un contencioso se pida a suspensión, pero esta persoa non sabía o risco que se corría presentando isto, nin tampouco sabía os prazos; normalmente a rapidez nun xulgado contencioso é de 12 a 18 meses, con contratos que son de 5 meses, e chegou á conclusión de que non ten capacidade de resposta porque a vía xurisdicional non era a axeitada porque foi algo tarde, mal e arrastras, e por que tamén nese momento fixo a reflexión de que tampouco quería deixar sen traballo a outras persoas.
E por outro lado tamén existe unha necesidade xusto do que se predica: participación e interacción, ser proactivo. Se se fai presencial permite que ás veces xurda a chispa e que haxa xente que cree unha comisión de traballo arredor destas prazas que se están creando nos concellos, que se poida facer unha análise máis distributiva xa que non é o mesmo que un só se poña a impugnar as prazas de Animador Sociocultural da Deputación da Coruña, que, que se organice un grupo de xente de Ourense ou Lugo.
 
P– Esta nova etapa do servizo xurídico que cambios supón? Por que é necesario este cambio?

R- Basicamente porque o ámbito xurídico xera moita frustración, as persoas colexiadas ven como a diario se convocan prazas ás que non teñen acceso, nas que son segregadas e apartadas. Estas inquietudes transmítense ao Colexio e este intenta darlle unha resposta explicando cales son os mecanismos, pero esta resposta non estaba chegando para eliminar esta frustración. Semella que se alimenta esa idea ou esa sensación de que o Colexio a pesar de ser unha institución de Dereito Público non dá o golpe encima da mesa e mañá os concellos empezan a funcionar doutro xeito.
O cambio é necesario a nivel informativo. Primeiro para facer unha análise da realidade, pois está claro que agora mesmo non se fai unha análise certeira, partindo da base de que non existe unha lei que regule a profesión. Hai pouco tivemos unha xuntanza coa Dirección Xeral de Función Pública da Xunta de Galicia onde os propios técnicos sinalaban que moitas das reivindicacións que se están poñendo encima da mesa non tiñan moitas posibilidades de prosperar se non se establecía unha lei tanto autonómica como estatal que establecese a obriga da reserva de actividade como se establece noutras profesións.
É necesario dar moita información, é necesario indicar que mecanismos teñen as persoas a nivel individual e que posibilidades hai ante lexislacións restritivas, e sobre todo eliminar ou reducir esa frustración e canalizala cara a adopción de medidas colectivas. Eu teño claro que o Colexio non falla, é máis todo o contrario, cos medios escasos que ten supón un exemplo. Ao mellor dende o mundo da Educación Social non se percebe así pero dende o mundo do Dereito o Colexio está dando máis cobertura e máis respaldo que outros colexios profesionais, xa que dende o Colexio de avogacía non existe este tipo de asesoramento, por exemplo.
E por outro lado afondar en cal é o rol do Colexio; o Colexio non é un sindicato, ten que defender a profesión e ten que defendela institucionalmente, e ten que intentar que se proxecte esa necesidade nos políticos e na sociedade, ten que transmitir que é o que está tras o servizo de asesoramento, que non é un mero avogado atendendo os mércores, senón que somos un equipo dentro dun contexto social e ideolóxico cunha longa experiencia e que intentamos reforzar as estratexias colectivas do Colexio, e afondar na formación. Creamos a Escola da Rúa, un espazo permanente de formación activa no ámbito da Educación Social, a través da cal pretendemos dar información sobre os dereitos laborais das educadoras, sobre os procedementos contencioso-administrativos que son tan necesarios para poder impugnar prazas da Función Pública, formar sobre o status xurídico da Educación Social, saber que significa a Colexiación obrigatoria, en que punto profesional se atopa unha persoa que está titulada en Educación Social, que pode esperar da Administración...
Para rematar, dicir que a nosa análise é que se non existe unha mobilización social das propias e propios profesionais facendo presión na aprobación deste tipo de leis, ou na participación en obradoiros como os que fixemos, nos que se reivindica a nivel legal a figura do Educador Social, a curto ou medio prazo haberá unha perda de funcións, de nichos de traballo e de caladeiros laborais. Existe un informe do Consello de Estado, respecto á aprobación dos Estatutos do Consello Estatal (CGCEES) onde se establece que os colexios son asociacións de adscrición voluntaria. Este é o marco onde se enfrontan as persoas que lean isto, polo que se non se produce un cambio neste momento histórico, xurídica e individualmente haberá pequenas vitorias, pero no ámbito colectivo perderase un dos grandes logros deste principio de século como o de que a Educación Social sexa un elemento transformador, estrutural e nuclear da defensa dos Dereitos Fundamentais das persoas.
 

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade