Área privada

En negro contra as violencias

Xoves, 30 Novembro de 2017 | Tags: mulleres , Violencia

En 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e ONGs a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

A violencia machista é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres. Un tipo de violencia que sofren as mulleres polo feito mesmo de selo, unha desigualdade silenciada, agochada e en moitos casos normalizada.

Segundo os datos da última Macroenquisa de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade, un 13% das mulleres residentes en España de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou exparella, un 26% violencia psicolóxica de control —celos, control de horarios e actividades etc.— e un 20% violencia psicolóxica emocional —insultos, intimidacións, ameazas verbais, etc—.

Esta realidade dramática require dunha resposta unánime e firme de toda a sociedade, que poña de manifesto o rexeitamento social de todas as formas de violencia contra as mulleres. Con este obxectivo naceu a campaña ‘En Negro contra as violencias’, unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas.

Durante os próximos días, establecementos comerciais, institucións, organizacións... vestiremos de negro en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte. Calquera pode participar, e de diferentes formas: como portavoz; cubrindo de negro o teu lugar de traballo ou vivenda cara o exterior, con bandeiras ou calquera prenda de roupa negra;  subindo ás redes sociais fotografías de accións que vexas pola rúa poñendo o cancelo #GaliciaEnNegro.

Queremos vivir libres de violencias machistas.

http://.ennegrocontraasviolencias.gal

@GaliciaEnNegro

#EnNegroContraasViolencias #GaliciaEnNegro

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade