Área privada

Solicitamos ao Goberno galego unha lei autonómica de Educación Social

Martes, 03 Outubro de 2017 | Tags: DIES

Esta mañá, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia  (Ceesg), presentou unha petición á Xunta de Galicia na que solicita o  impulso dunha lei autonómica que regularice a Educación Social en Galicia.

Todos os colexios profesionais de Educación Social do estado levamos  meses reivindicando unha lei estatal para esta profesión. Sen abandonar  este obxectivo, o Ceesg, de xeito paralelo, inicia agora unha campaña a  prol dunha lei autonómica de Educación Social.

Entre os motivos para a creación desta lei está evitar o intrusismo,  garantir a profesionalidade e a calidade das intervencións  socioeducativas, ou evitar a precariedade laboral.

A nivel autonómico, varios partidos políticos interesáronse pola  proposta, e tanto dende En Marea como dende o grupo Socialista  presentaron no Parlamento de Galicia unha proposta non de lei para  instar ao Goberno galego a elaborar unha lei que regule a profesión de  Educación Social.

A nivel estatal esta iniciativa ten acadado xa moitos apoios, non só  da cidadanía, senón tamén por parte de institucións, como multitude de  concellos, deputacións (Valladolid, Sevilla, Cádiz, Córdoba, León,  Almería...), Universidades (de Estremadura, de Valencia, Facultades de  Educación da U. de Salamanca, da U. de Palencia, da U. de Vigo...), etc.

Como titulación universitaria, Educación Social nace en 1991, tras  unha ampla mobilización social que reivindicou o papel relevante deste  perfil profesional en desenvolvemento das políticas sociais e  educativas. Esta figura é froito da combinación de diferentes  ocupacións, que converxeron nunha identidade profesional única. A súa  rápida expansión é o reflexo do carácter dinámico, socializador e de  transformación social da figura da Educadora e do Educador Social.

A falta de regularización da profesión de Educación Social fai que  non estean claros os límites e o alcance da mesma, tanto nas entidades  públicas, coma nas entidades privadas e no terceiro sector. Este  descoñecemento implica que con frecuencia se asignen a outras/os  profesionais do ámbito social, funcións propias das educadoras e  educadores sociais. Estas circunstancias poñen de manifesto a necesidade  dunha regulación da profesión da Educación Social como instrumento que  visibilice, dignifique e reivindique o seu papel como axente de cambio  na nosa sociedade.

Este acto fíxose coincidir nesta data por celebrarse hoxe o Día  Internacional da Educación Social, a redor do cal se organizan diversas  accións para facer visible o importante papel das e dos profesionais de  Educación Social. Este ano leva por lema 'Compromiso coas persoas'

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade