Área privada

Comunicado do CGCEES ante os atentados de Barcelona e Cambrils

Luns, 18 Setembro de 2017 | Tags: comunicado , cgcees , Comunicación , Violencia , estado

ANTE OS ATENTADOS OCORRIDOS EN BARCELONA E CAMBRILS, O CONSELLO XERAL DE COLEXIOS DE EDUCADORAS/ES SOCIAIS EMITE O SEGUINTE COMUNICADO:

En primeiro lugar, condenar estes feitos. A Educación Social pola súa definición histórica está, sempre, xunto ás persoas e colectivos que sofren e todo feito violento vai en contra dos dereitos e liberdades dos individuos e débese dar unha resposta contundente baseada na razón e na xustiza social.

As educadoras e educadores sociais estaremos sempre á beira das persoas e gardaremos un trato igualitario sen discriminación por razón de sexo, idade, relixión, ideoloxía, etnia, idioma ou calquera outra diferenza.

Traballamos, en xeral, con persoas en dificultade social, a intervención socioeducativa realizada non supón que as decisións ulteriores da persoa e/ou colectivo sigan os valores éticos propostos desde a devandita intervención. Somos conscientes de que feitos deste tipo convidan a respostas emocionais e debemos ser prudentes na expresión destes sentimentos para non mesturar a tarefa socioeducativa realizada nun momento da vida e as decisións tomadas posteriormente por estas persoas.

Estamos convencidas/os de que a responsabilidade da educación é tarefa da comunidade, non só daqueles axentes encargados da mesma. É tarefa do educador e da educadora social promover a participación da comunidade no labor educativo, intentando conseguir que sexa a propia comunidade coa que intervén a que busque e xere recursos e capacidades para transformar e mellorar a calidade de vida das persoas.

Así mesmo, é necesario que a sociedade entenda que a inclusión-integración é un obxectivo no que todas/os estamos involucrados e, por tanto, faise imprescindible unha mellora, un maior investimento en recursos no actual sistema educativo. A educación fainos máis humanos e a falta de educación nos deshumaniza.

A violencia destrúe ás persoas e prívaas dos seus dereitos e liberdades, e é unha tarefa ética da educación social estar á beira das vítimas. A educación social é por natureza liberadora e debería selo tanto no caso de quen a recibe (o educando) como de quen a facilita (o educador/a).

O noso Código Deontolóxico sinala que o educador/a social será crítico/a coas informacións manipuladas ou inexactas dos medios de comunicación que poidan contribuír á estigmatización de persoas, grupos ou comunidades. Neste sentido, denunciamos as mensaxes aparecidas nas redes sociais e algún medio de comunicación desprestixiando o labor que se realiza desde a educación social.

Denunciamos, tamén, os ataques sufridos a mesquitas que só teñen como obxectivo xerar dano e non ofrecer solucións. Ao igual que os ataques terroristas que moitas mulleres sofren diariamente pola violencia machista. Desde a educación social sabemos que é necesario reflexionar e dialogar entre todos/as para facer da convivencia un espazo de encontro de todas as persoas. Neste sentido, é función do educador e a educadora social contribuír a xerar unha conciencia crítica sobre os problemas sociais e as súas causas e, por tanto, supón unha obriga denunciar aquelas situacións de inxustiza social.

A dor e a indignación por estes terribles feitos debe ser un revulsivo para que desde os diferentes ámbitos políticos e sociais afondemos nas causas, e así poder empregarnos con toda a enerxía en achegar solucións.

Temos a obriga de dar unha oportunidade á paz; coa unión e o esforzo de todos e todas é posible conseguir unha sociedade na que nos sintamos membros dunha mesma comunidade e na que feitos tan horribles non volvan repetirse.

Barcelona, 28 de agosto de 2017

Descargar comunicado en castelán

 

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade