Área privada

Comunicado en relación á reorganización de centros educativos

Venres, 28 Xullo de 2017 | Tags: comunicado , educación

O Ceesg súmase ás reivindicacións que a comunidade educativa vén realizando nas últimas semanas, en relación á reorganización de centros educativos promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O decreto publicado no DOG do pasado 4 de xullo establece o peche do CEIP Emilio Navasqües en Cruceiro do Ro (Outes) ao fusionalo con outro centro; o peche do CPI Monte Caxado das Pontes, e a eliminación da oferta da ESO no CPI Tomás de Lemos de Ribadavia e no CPI da Ribeira no Porriño, agora reconvertidos en CEIP. Estes cambios teñen efectos tanto no profesorado (reubicación) como no alumnado (pola necesaria reubicación, e pola existencia de alumnado con necesidades específicas de atención educativa que poden ver o seu avance truncado debido a estes cambios) e nas súas familias (polos cambios de horarios que poden afectar á conciliación)

O escurantismo destas accións, tomadas de xeito unilateral sen consulta previa coa comunidade educativa, e coincidindo co remate do curso escolar, non fai máis que reforzar a postura de quen vemos nestas medidas un ataque ao propio ensino público.

Todas e todos temos DEREITO a unha EDUCACIÓN DE CALIDADE, e o aumento de número de nenas e nenos por aula provoca precisamente o contrario. O sistema educativo actual non pasa polo seu mellor momento. Os casos de fracaso escolar, e o aumento de problemáticas sociais fan necesario tomar medidas precisamente no sentido contrario, de xeito que a administración educativa debe tomar medidas que vaian máis alá de respectar a ratio mínima establecida legalmente, procurando unha atención educativa que responda ás necesidades do alumnado. Como medida para promover unha mellora educativa, o Ceesg leva moito tempo demandando a creación de postos de educadoras/es sociais dentro do sistema educativo, algo que xa se acadou noutras comunidades autónomas, pero que Galicia segue tendo como materia pendente.

Ceesg, 14 de xullo de 2017

Descargar en pdf

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade