Área privada

A favor dunha Lei Galega de Igualdade de Xénero

Mércores, 24 Maio de 2017 | Tags: , sexualidade , xénero , transexualidade

Dende fai uns anos o colectivo trans galego está tratando de reivindicar, visibilizar e sensibilizar os poderes públicos e á cidadanía en xeral sobre as situacións de exclusión social e discriminacións que han de facer fronte moitas persoas na Galicia por mor da súa identidade de xénero.

Busca acadar unha lexislación básica e fundamental que toda persoa ten dereito a ter, o primeiro e o máis importante, o dereito a SER. Resulta esencial por tanto, o recoñecemento legal do dereito á identidade de xénero de toda persoa de maneira libre e sen presións legais ou sociais como corolario dos Dereitos constitucionais da igualdade de todas as persoas e o libre desenvolvemento da súa personalidade. E como concreción de dito recoñecemento, garantir que a lei aplicábel das persoas non as patoloxice ou someta á condición de prexuízo sobre a súa capacidade, dignidade e habilidades.

Noutras autonomías do estado, como son Navarra, País Vasco, Andalucía, Canarias, Madrid e máis recentemente a Comunidade Valenciana aprobaron leis de identidade de xénero, dando un paso cara adiante para garantir non só o recoñecemento da identidade de xénero en todos os ámbitos da vida, senón tamén engadir unha carteira de servizos e políticas públicas a favor da inclusión das persoas trans na sociedade.

O colectivo LGTBI de Galicia comezou no ano 2016 a traballar de maneira conxunta e coordinada no borrador da que podería ser a futura Lei Galega de Identidade de xénero anhelando que fose unha realidade no 2017. Unha lei tan importante e necesaria debía partir dende os colectivos afectados, xa que ninguén mellor sabe o que o colectivo trans e as súas familias precisan para ter unha vida digna, para ter os mesmos dereitos co resto da cidadanía, algo que na actualidade non está a suceder.

O pasado 3 de febreiro o colectivo trans adulto Amizando, as familias de ARELAS e ULTREIA LGTBI presentaron no rexistro do Parlamento, o documento final do borrador da lei buscando que todos os grupos parlamentarios o recollesen, debatesen e defendesen en sede parlamentaria como proposta da futura Lei Galega de Identidade de Xénero. Así, o pasado 29 de marzo reuníronse con todas as forzas políticas en sede Parlamentaria precisamente para expoñer e defender o borrador da lei .Destas reunións cos grupos parlamentarios obtiveron un apoio explícito e inequívoco ao borrador da futura lei de Identidade de Xénero por parte dos grupos parlamentarios da oposición, pero non do PP.

Segundo informan, dende hai semanas, o colectivo LGTBI e nomeadamente o colectivo de menores e persoas trans adultas, están sendo atacadas e insultadas por unha organización que di defender os dereitos humanos, agredidas por unha parte da sociedade que non respecta nin quere a diversidade. Hai quen se escuda no dereito á liberdade de expresión para lanzar mensaxes que incitan ao odio e a transfobia dando argumentos a quen se dedica a acosar, a discriminar, a golpear e a cazar a persoas do colectivo LGTBI, persoas moi castigadas e vulnerables de por si, e non o podemos seguir permitindo.

Por todo iso, dende ARELAS, Amizando e ULTREIA LGTBI, puxeron en marcha unha campaña de visibilización, concienciación e apoio social o colectivo trans galego. Unha campaña que leva por nome EXISTIMOS!!, POLO DEREITO A UNHA LEI GALEGA DE IDENTIDADE DE XÉNERO, que consiste na realización dun vídeo con personaxes moi coñecidas e nunha recollida de firmas na plataforma change.org en apoio o colectivo trans galego e por unha Lei galega de identidade de xénero.

Dende o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia sumamos o noso gran asinando a petición e difundindo a iniciativa, para convencer ao grupo maioitario do Parlamento Galego de que esta lei tamén a quere o pobo galego.

Porque Existimos, viva a diversidade, por unha Lei Galega de Identidade de Xénero!!.

ASINA A PETICIÓN

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade