Área privada

Vida, a voz das discapacidades, de Rubén Riós

Mércores, 18 Xaneiro de 2017 | Tags:

Rubén Riós en colaboración con Afundación obra social Abanca, presentará o seu último traballo como director, a obra de ficción 'Vida', ligada ao documental 'Máis ca vida' que define a fortaleza e a capacidade de superación das persoas con diversidade funcional dentro da actividade “Vida, Máis ca Vida” destinada a escolares da ESO.

A sede de Afundación de Santiago de Compostela situada na Rúa do Vilar, 19 acollerá o próximo luns ás 11:30 a presentación de “Vida, Máis ca Vida”. No acto estarán presentes, entre outros, o presidente do Consello Xeral de Colexios de Educadoras e Educadores Sociais, Xavier Puig, e a colexiada de honra do Ceesg Mariló Candedo, asistindo en calidade de presidenta de Nova Escola Galega.

Ambas obras audiovisuais xa seleccionadas e premiadas en recoñecidos festivais nacionais e internacionais, xa acumulan diferentes galardóns coma o destacado Antonio Cerrillo aos valores humanos da semana cine corto de Sonseca en Toledo ou o Festival Primavera do cine de Vigo, entre outros.

No Ceesg xa fixemos eco desta magnífica obra, publicando un artigo no noso boletín sobre este proxecto audiovisual e a súa relación coa educación social.

Vida mestura a arte, o entretemento e a comunicación, cunha clara mensaxe social a prol da fortaleza e a superación do colectivo ao que pertencen as/os protagonistas. Convértese na primeira experiencia audiovisual destas persoas, que, mediante a súa interpretación, trasladarán ao público dunha maneira lúdica, positiva e realista, as diferenzas sociais, invitando á reflexión.

Esta obra de ficción, conta ademais cun reparto artístico excepcional, integrado por actores e actrices recoñecidas como: Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Mariana Carballal, Estíbaliz Veiga, María Mera ou Luís Iglesia, entre outros.

Representantes do Ceesg acompañaremos a Claqueta Coqueta e Rubén Riós neste acto de presentación, desexándolle que a súa obra siga colleitando éxitos.

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade