Área privada

I Xornada sobre a situación das persoas sen fogar en Santiago de Compostela

Xoves, 27 Outubro de 2016 | Tags: formación , xornadas , senfogarismo

O vindeiro día 27 de outubro de 2016, no Auditorio da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (praza de Mazarelos), terá lugar a Primeira xornada sobre a situación das persoas sen fogar en Compostela, organizada conxuntamente pola Concellaría de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde do Concello de Santiago de Compostela e a Mesa de traballo para o estudo da situación das persoas sen teito–transeúntes e dos recursos en Santiago de Compostela.

Esta xornada ten como finalidade principal xerar un espazo para o achegamento de experiencias, moitas delas en primeira persoa, sobre a situación das persoas sen fogar en Compostela, así como amosar diferentes iniciativas políticas e sociais que se están levando a cabo no ámbito galego e estatal para a atención e xestión desta problemática.

O Ceesg forma parte da mesa xeral que coorganiza a xornada, e ten presenza no programa a través de Antón Bouzas, vogal do Ceesg, que contará a súa experiencia do programa Sereos do Casco Vello. Destaca tamén a presenza de Juan Caballol, presidente de Rais Fundación, e dunha mesa de experiencias en primeira persoa que dará protagonismo ás persoas que sen fogar.

A xornada está dirixida a profesionais e persoal voluntario de institucións e iniciativas relacionadas coa atención a persoas sen fogar, así como estudantes do eido social e comunitario.

A inscrición é gratuíta, sendo necesario inscribirse previamente. A inscrición pode facerse a través da páxina web do Concello de Santiago, onde tamén se pode consultar o programa completo.

Ir á web da Xornada

Comentarios (0)

O teu comentario (*) Campos obrigatorios
 
cláusula de privacidade