O Ceesg dende a súa posición de colexio profesional, tivo a oportunidade de participar activamente na elaboración dos planos de estudos promovendo ese necesario achegamento entre universidade e sociedade.
As educadoras e educadores sociais non podiamos permanecer ao marxe dos retos asociados á reforma da educación, promovendo desta forma o reencontro coa propia profesión, instaurando un diálogo fluído entre a praxe e a concepción científica e disciplinar do ámbito socieducativo.
A Educación Social céntrase basicamente no ámbito social, o cal é vivo, dinámico, cambiante, multiforme, heteroxéneo e complexo. Nun principio falábase de tres perfís: a Educación Especializada, a Educación de Adultos e a Animación Sociocultural. Pero por esas características antes mencionadas fóronse incorporando novo perfís demandados pola sociedade.
Tras largas deliberacións de persoas expertas e das/os representantes das universidades que imparten o título, fundamentouse a situación actual da Educación Social no documento presentado á ANECA, para a publicación do Libro Branco, no que se recollen estes perfís iniciais, xunto a outros que se definiron nas últimas décadas:
- Mediación para a inclusión social e laboral.
- Desenvolvemento comunitario, animación sociocultural e xestión cultural.
- Educación para o ocio e o tempo de lecer.
- Acción socioeducativa con infancia e xuventude.
- Educación de persoas adultas e persoas maiores.
- Acción socioeducativa en contextos familiares, sociosanitarios, do sistema educativo, da administración de xustiza…
- Intervención socioeducativa na educación cidadá (ambiental, para a saúde, xénero, educación viaria, intercultural, cooperación internacional, para a cidadanía…).
Polos novos ámbitos que se abriron para a Educación Social, os propios planos de estudo da titulación necesitaban un cambio para adaptarse as novas realidades sociais. O proceso de Boloña, permite as facultades repensar os planos de estudo de Educación Social e poder así adaptarse as demandas que esixe a sociedade.
O Ceesg participou activamente no proceso de deseño dos novos títulos, facendo as achegas oportunas aos borradores das universidades galegas. A continuación descríbense brevemente as accións desenvolvidas neste proceso:
- Xaneiro-xullo de 2008, realización dunha consulta colexial orientada a satisfacer un dobre obxectivo: dun lado, coñecer as distintas realidades formativas das/os Diplomadas/os en activo, nalgún dos eidos da Educación Social; doutro, realizar propostas que poidan contribuír a mellorar o panorama formativo existente no Sistema Universitario de Galicia, no tocante á definición e concreción do próximo título de Grao en Educación Social. Este informe foi enviado ás tres universidades galegas. Podes consultalo premendo aquí.
- Maio de 2008, asignouse a un membro da Xunta de Goberno do Ceesg para que formara parte da comisión de adaptación da Diplomatura de Educación Social a Grao da Universidade de Vigo.
- Xuño de 2008, reunión co Decano da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, Narciso de Gabriel, e coa coordinadora do título, Ana Iglesias Galdo.
- Xullo de 2008, reunión cos membros da Comisión de título de Grao da Universidade de Santiago de Compostela.
- Xullo de 2008, reunión dos responsables do título de Grao de Educación Social das tres universidades galegas para unificar criterios de adaptación da diplomatura a título de grao.
- Outubro e novembro de 2008, alegacións aos borradores dos planos de estudo da Universidade da Coruña e da Universidade de Santiago de Compostela.
- Xaneiro de 2009-setembro de 2010, representación do colexio en calidade de vogal profesional, no programa “Verifica”, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e da Agencia Nacional de Evaluación de Calidad y Acretidación (ANECA), para a verificación dos novos planos de estudo de cada universidade, nas titulacións das áreas social e xurídica.