Que é o Espazo Europeo de Educación Superior?
A Declaración de Boloña é unha iniciativa para reformar o sistema educativo europeo, que foi subscrita nesta cidade do norte de Italia, en xuño de 1999, por 29 países aos que se incorporaron 17 máis, facendo un total de 46.
O obxectivo do proceso de Boloña é levar a cabo unha profunda reforma do sistema universitario en Europa, mediante a construción do denominado Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), tendo en conta principios de calidade, mobilidade, diversidade e competitividade.
Logra a liberdade de tránsito de todas/os as/os tituladas/os, mediante o recoñecemento dos estudos cursados. É a peza que faltaba para conseguir a pertenza a un espazo social e cultural europeo común.
Como se estruturan as ensinanzas universitarias?
As ensinanzas universitarias conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional estrutúranse en tres ciclos que comprenden os estudos de Grao e de Posgrao (Máster e Doutoramento), dando lugar á obtención do título correspondente. O Real Decreto 1339/2007, establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais.
Que son os estudos de grao?
Os estudos de grao son as ensinanzas que substitúen ás diplomaturas, enxeñarías e licenciaturas que están impartíndose na actualidade e cuxos primeiros cursos deixan de ofertarse en setembro de 2010. A partir desta data todas as titulacións terán o formato de grao.
O obxectivo que se persegue cos graos é lograr unha formación académica e profesional do estudantado que o capacite para incorporarse ao ámbito laboral europeo, así como para proseguir a súa formación no postgrao. O título obtido de grao debe ter relevancia no mercado laboral nacional e europeo.
En xeral, todas as titulacións terán unha formación de 240 créditos, equivalentes en España a catro anos (a excepción de Arquitectura ou Medicina que requirirán máis anos de formación). Con este nivel de estudos obterase o título de Graduada ou Graduado.
R/ Lisboa 20, Baixo C, 15707 Santiago | Telf: 981 552206 | Fax: 981 938274
Política de protección de datos | Contacto | RSS